Dende as cero horas deste 15 de outubro e cando menos durante unha semana -aínda que previsiblemente, será durante máis tempo-, a Xunta ten en vigor a prohibición de agrupamentos de máis de dez persoas que non convivan entre si para "calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social". Esta restrición, xustificada coa "finalidade de controlar a transmisión" do coronavirus e pendente de ratificación xudicial trae consigo as excepcións xa anunciadas (como actividades laborais e educativas), pero tamén unha moratoria para algúns eventos en restaurantes.
Sanidade permite "celebracións e eventos" para máis de dez persoas que estivesen reservados antes do día 14 cos restaurantes, cuxos propietarios terán que "comunicalos" á Consellería
A orde ditada polo conselleiro de Sanidade dá marxe ata finais de semana para estas celebracións. Concretamente, sinala que dende este xoves 15 e ata o domingo, día 18, as "celebracións e eventos en establecementos de restauración" que "xa estivesen concertados" antes do día 14, "non será aplicable" o veto ás xuntanzas de máis de dez persoas non convivintes. Non poderán acollerse a esta excepción, non obstante, os locais de concellos onde esta ou outra prohibición "máis restritiva" estivese vixente.
Para poder gozar desa moratoria, agrega a Consellería, os establecementos deberán "comunicar" estas reservas "á xefatura territorial da Consellería de Sanidade". O departamento sanitario do Goberno galego indicará, segundo a orde, "medidas ou recomendacións pertinentes" para estes eventos, que si quedan vetados en toda Galicia dende o luns, día 19. [Consulta aquí a orde íntegra]
Esta regulamentación veu publicada nunha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia que tamén certificou o confinamento perimetral do Carballiño, O Irixo e Boborás, o mantemento do peche de Ourense e Barbadás ou o endurecemento das medidas na comarca da Terra de Celanova, entre outras restricións xa anunciadas en municipios ourensáns. Do mesmo xeito, nesta publicación o Goberno galego confirma o mantemento das medidas, sen cambios, nos concellos do Salnés e Pontevedra.
Alén das novas medidas, Sanidade mantén sen cambios as restricións en Lugo e Santiago e nas contornas do Salnés e Pontevedra
Tamén seguen as medidas en Lugo e Santiago. Aínda que a Xunta teima en non ofrecer datos concretos por municipios, as respectivas ordes si apuntan a que en ambos municipios se rexistran repuntas do virus nos últimos días que, din, recomendan soster as restricións. O pasado mércores, en rolda de prensa, o comité clínico que asesora a Consellería vinculou o empeoramento, no caso compostelán, ao inicio do curso universitario. Ligado con isto, Sanidade avanzou a realización de test do coronavirus en residencias universitarias; primeiro na capital galega e despois, noutras cidades. [A incidencia do coronavirus sitúa 11 concellos no nivel máximo de alerta, pero a Xunta subliña que as restricións dependen de varios indicadores]
"Probablemente, temos que pedir desculpas"
A explicación destas medidas, realizada en rolda de prensa polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, altos cargos do departamento e membros do comité clínico trouxo tamén consigo unha intervención pouco usual por parte dun destes doutores. Unha petición de "desculpas".
"Se cadra, transmitimos que rematara a pandemia co final da desescalada; ou a mensaxe foi equivocada ou non se interpretou ben"
Tato Vázquez Lima, que tamén é xefe de Urxencias no hospital do Salnés, sinalou na súa intervención ante a prensa que, dada a evolución da segunda vaga da COVID-10 ,"probablemente" cumpriría "pedir desculpas polo que dixemos, en maio e xuño, moitos cargos e algúns médicos". "Se cadra -reflexiona- transmitimos a sensación de que rematara a pandemia cando chegamos ao final da desescalada". Isto é, que "todos podiamos volver facer vida normal".
"Ou a mensaxe foi equivocada, ou non se interpretou ben"; considera Vázquez Lima, quen instou a cidadanía a ter en conta que "o virus vai seguir durante moito tempo". "Se actuamos con responsabilidade e somos prudentes, non teremos problemas serios despois". Neste sentido, como noutras ocasións, o doutor chama a poboación en xeral a concienciarse de que "poñer unha máscara non é evitar unha multa, é evitar contaxios e salvar algunha vida" e, á mocidade en particular, ínstaa a "pensar no futuro da súa terra".