Sete mortes, 250 novos positivos e repunta xeral da incidencia do coronavirus en Galicia

Material para a recollida de mostra dunha proba PCR na Universidade de Vigo e mapa de concellos con restricións especiais en Galicia dende o 15 de outubro CC-BY-SA Foto: UVigo | Montaxe: Praza Pública

As cifras diarias do coronavirus en Galicia semellan acougar un chisco tras os números disparados da pasada semana, derivados en boa medida dos fortes brotes en residencias de maiores da provincia de Ourense e do empeoramento da situación que derivou, entre outras medidas, no confinamento da capital ourensá e do concello lindeiro de Barbadás, restrición que tamén rexerá no Carballiño, no Irixo e en Boborás dende as cero horas deste 15 de outubro. Pero a Consellería de Sanidade admite que hai "certos indicios" que preocupan.

Sanidade admite "certos indicios" preocupantes pola "tendencia crecente no número de casos" nas últimas xornadas, aumentando unha incidencia acumulada que no caso da área sanitaria de Ourense continúa disparada

A nova directora de Saúde Pública, Carmen Durán, apelaba este mércores en rolda de prensa a factores como a "tendencia crecente no número de casos nos últimos catro ou cinco días". Tamén número reprodutivo -cifra media de persoas ás que contaxia cada positivo detectado-, por riba de 1 "en todas as provincias", o que indica unha tendencia á alza. 

Ás portas da entrada en vigor da prohibición xeral de reunións de máis de dez persoas, o acumulado de casos da COVID-19 aumenta en 252 en vinte e catro horas -das seis da tarde do luns, día 12, á mesma hora do martes, día 13-. Faino malia á baixada na cifra de probas PCR na ponte festiva -tras varias xornadas superando as 6.000 e mesmo as 7.000, os días 12 e 13 realizáronse menos de 4.000- e, sobre todo, nun contexto no que a incidencia acumulada (número de novos casos por cada 100.000 habitantes) dos últimos catorce días é crecente nas sete áreas sanitarias.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, elaborado por Praza.gal a partir dos datos do Sergas, os devanditos brotes en residencias de maiores da provincia de Ourense acabaron disparando definitivamente a incidencia da COVID-19 nesa área -que abrangue toda a provincia- dende os primeiros días de outubro ata superar os 450 novos casos por cada 100.000 habitantes en catorce días. Non obstante, nas últimas xornadas (como tamén sinala o Sergas) o seu incremento comeza a moderarse. 

No resto de áreas, con incidencias a catorce días moito menores -destaca, por exemplo, o control do rebrote da área de Pontevedra-, apréciase con claridade un punto de inflexión no remate da última semana de outubro. Nese rebote a incidencia acumulada a catorce días emprendeu, en todas elas, unha liña ascendente que deixa o dato global de Galicia nuns 137 casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas, segundo os datos pechados o pasado día 12  (último día con información completa).

Sete falecementos, dous de residencias

Dúas das persoas falecidas morreron nos propios centros, un home en Monterrei e outro, no Pereiro de Aguiar

O empeoramento xeral, especialmente na provincia de Ourense, volve traducirse nun incremento dos falecementos. O cómputo oficial de Sanidade suma este mércores as sete mortes xa comunicadas a últimas horas do martes, que elevan o total de falecementos ligados á pandemia en Galicia ata os 797.

Dúas das persoas falecidas, segundo o Sergas, procedían de residencias de maiores e morreron nos propios centros: un residente de 89 anos da residencia Val de Monterrei e outro ancián de 96 anos que vivía no centro Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar. As restantes cinco mortes confirmadas foron de dous homes de 76 e 88 anos que estaban hospitalizados en Verín, outro home de 70 anos ingresado no hospital de Ourense, un paciente de 82 anos que permanecía hospitalizado no CHUS compostelán e un home de 62 anos no hospital de Pontevedra. 

87 dos novos casos das últimas vinte e catro horas son da área sanitaria de Ourense

Estas mortes foron confirmadas nun escenario no que o ritmo de novos casos, alén das variacións concretas de cada día, seguen en máximos desta segunda vaga, cunha media semanal de casos diarios superior aos 300 positivos por xornada confirmados mediante PCR. Dos devanditos 252 casos rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes, 87 correspóndense coa área sanitaria de Ourense, pero tamén destaca o feito de que a área da Coruña-Cee sume 50 e a de Santiago-Barbanza, 41. Mentres, outras áreas presentan rexistros moito menores, caso de Vigo (26), Pontevedra-O Salnés (21) ou Ferrol (17)

Novo máximo de hospitalización na segunda vaga

Os devanditos incrementos de casos positivos tradúcense tamén nun aumento da presión hospitalaria  [As áreas sanitarias de Ourense e Santiago encabezan o incremento da ocupación hospitalaria polo coronavirus], aínda que este mesmo mércores o novo xerente do Sergas, José Flores, puña o acento en que está "garantida a capacidade asistencial", dado que a porcentaxe de camas ocupadas con pacientes que deron positivo en test da COVID-19 aínda é baixa (o 30% das camas UCI na área de Ourense ou o 12% das camas de críticos en Santiago, citou). Así e todo, os 259 ingresos dos que dá conta Sanidade este 14 de outubro con datos da xornada previa supoñen un novo máximo desta segunda vaga da epidemia en Galicia.

Un membro do comité clínico do Sergas atribúe a "festas nos pisos, festas ilegais en locais e botellóns" o incremento de positivos na contorna de Santiago

Na súa comparecencia para dar conta do novo paquete de restricións -que entran en vigor ás cero horas do 15 de outubro, previa publicación no Diario Oficial de Galicia-, os membros do comité clínico que acompañaron a través de videoconferencia ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e ao resto de altos cargos do departamento aludiron ás que, ao seu xuízo, son as causas do empeoramento en puntos concretos do país, caso da cidade de Santiago. Segundo o doutor Sergio Vázquez, oncólogo do hospital de Lugo, neste caso está "moi relacionado co inicio do curso universitario" e "ás festas nos pisos, festas ilegais en determinados locais de ocio e botellóns".

Este é o contexto, sinalou Comesaña, no que o comité se inclinou por aprobar a restrición xeral ás reunións sociais ata un máximo de 10 persoas, agás nos lugares nos que rexen medidas máis duras (como en Ourense, onde só poden xuntarse persoas que convivan entre si). Segundo Sanidade, trátase de ser "proactivos" para frear un posible incremento de maiores dimensións. No mapa baixo estas liñas é posible consultar as restricións vixentes e os concellos aos que atinxen e acceder ao detalle das medidas no sitio web do Sergas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.