Cando o instituto detecta o coronavirus antes de que entre nas aulas

Aula no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

Tomiño entrou este luns en alerta vermella, segundo o mapa que a Xunta difunde sobre a incidencia acumulada por concellos do coronavirus nos últimos sete días. Detectáronse máis de 20 casos na última semana, cun brote principal logo dun encontro de estudantes do IES Antón Alonso Ríos. Foi un gromo que, nun principio, se deu como localizado no propio centro de ensino, pero nada máis lonxe da realidade. Xurdiu fóra do instituto e a rápida actuación do equipo directivo e docente, así como os estritos labores de prevención, provocaron que este brote non tivese provocado ningún outro contaxio nas aulas, tal e como ratificaron as PCR dun cribado masivo entre profesorado e rapazada. 

Un brote en Tomiño sinalou nun inicio o instituto, malia que o gromo tivo lugar fóra del e ningún contaxio tivo lugar dentro do centro escolar

É un exemplo máis da complexidade da batalla contra a pandemia nos centros educativos, que manteñen unha baixa afectación en Galicia por un virus ao que é tan importante detectar dentro dos colexios e institutos como evitar que entre ou se espalle neles. "O cribado masivo que se fixo nesta última fin de semana ratificou que os rapaces que deron positivo, malia que asistiron a clase enfermos sen sabelo, non contaxiaron a ninguén no centro, o que demostra con claridade que as medidas de seguridade que se toman están a funcionar moi ben", explica Cruz Garrido, directora do IES Antón Alonso Ríos. 

Aula no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

"Ao contrario do que parece insinuar a prensa, o brote de contaxios covid que estamos a sufrir non se deu no IES, senón fóra do centro", advertía o equipo directivo nun comunicado. "Podemos asegurar que máis ben foi o centro o que fixo que o devandito brote se detectase", explicaba, nunha análise na que insistiu este luns o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que sinala os colexios e institutos mesmo como "lugares que funcionan como cortalume" e "espazos seguros", aínda que dito con toda a "prudencia". "De identificación e ruptura da cadea de transmisión", insistiu, ao advertir de que "na maioría dos casos" os contaxios que afectan a ensinanza prodúcense fóra da contorna escolar. 

Galicia contabiliza 470 positivos entre o profesorado e o alumnado e 23 aulas pechadas; a Xunta advirte de que os centros son "espazos seguros"

Segundo os datos facilitados polo conselleiro, en Galicia son 470 os contaxiados, entre persoal docente ou de servizos e alumnado, e 23 as aulas pechadas, dun total dunhas 450.000 persoas que entran e saen dos centros educativos e arredor de 18.800 aulas existentes. "E un ratio moi pequeno de afectación", engadiu. 

Un estudo do grupo de Bioloxía Computacional e Sistemas Complexos da Universitat Politècnica de Catalunya asegura que, sen lanzar conclusións definitivas, as escolas son lugares seguros. Logo de analizar a evolución da pandemia en varias autonomías tras o inicio do curso, os investigadores insisten en que os centros escolares "son seguros tal e como se están a xestionar" e gaban o labor de equipos directivos e docentes. 

Desde a comunidade educativa incídese nesta idea, na de que o traballo do profesorado e dos equipos directivos, co apoio de moitas ANPAs, así como a concienciación e bo facer do alumnado, están a conter o virus nos centros, aínda que se manteñan as críticas pola falta de docentes, de espazos amplos e axeitados ou de protocolos e criterios claros. 

"É normal que desde a perspectiva política se venda que os centros son máis seguros que outros sitios, pero é unha falacia", di Suso Bermello, de CIG-Ensino

"É normal que desde a perspectiva política se venda que os centros son máis seguros que outras instalacións, pero é unha falacia", di Suso Bermello, secretario xeral da CIG-Ensino, sindicato maioritario na educación. Asume que é "imposible de controlar" o contaxio que chega de fóra aos colexios e institutos, onde "se fai todo o que se pode e máis", pero cunha "inseguridade absoluta, tanto desde o punto de vista do profesorado como do alumnado". "Non temos medios nin capacidade para afrontar esta situación", insiste quen advirte das dificultades extras que supón, por exemplo, o traballo "nunha aula con máis de vinte rapaces, intentando manter as distancias e as máscaras e sen a mellor ventilación". 

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o de Sanidade, García Comesaña, no covid auto-escola, na Coruña CC-BY-SA Xunta

De aí que a implicación e concienciación da comunidade educativa nas medidas de prevención estean a ser a mellor barreira contra o virus. O caso do instituto de Tomiño é, para a súa directora, un exemplo. "Teño clarísimo que o traballo dos docentes, co apoio da nosa ANPA, é a clave... E non hai maior comprobación que o ocorrido aquí, cando as probas ratificaron que ningunha persoa se contaxiara no centro", insiste Cruz Garrido, que gaba tamén a coordinación co Sergas para un cribado masivo entre o sábado e o luns pasados que abrangueu sobre 60 persoas entre profesorado e rapazada. 

"O alumnado compórtase moi ben e séntese seguro dentro do centro", insiste Garrido. Resultado: unha única aula pechada temporalmente e algún outro rapaz en corentena por prevención tras manter contacto con algúns dos positivos. De aí que o IES Antón Alonso Ríos advertise nun comunicado do "indispensable" de "extremar as medidas de seguridade en todos os ámbitos, tanto no escolar, como no familiar e no social, sendo estes últimos a orixe de todo o que despois poida ocorrer no instituto". 

"Se a cousa funciona é porque a xente nos centros está moi concienciada", engade Iván, profesor nun instituto do Barbanza, que non cre que "as aulas sexan un lugar seguro", polas condicións obvias, pero si que son espazos "onde se cumpren as normas e coa prevención moito máis e mellor que noutros sitios". "A rapazada compórtase xenial, seguindo as instrucións, mantendo as distancias e a máscara posta ou limpando as súas mesas", di. 

"Se a cousa funciona é porque a xente nos centros está moi concienciada; nos centros cúmprense as normas moito mellor que noutros sitios"

O principal problema, como é lóxico, vén de fóra porque "non podes evitar que un neno toque cousas ou se xunte con outros". Con todo, tamén no seu caso, o positivo dunha rapaza nunha das súas aulas non deu lugar a ningún contaxio dentro do centro ao actuarse con rapidez e comprobarse que as medidas de prevención foran efectivas. 

Con todo, lembra, "os protocolos fallaron", ao non terse feitos PCR a todos os contactos nin seguirse uns criterios uniformes, que acabaron mudando segundo o informante fose a Consellería de Educación ou de Sanidade. "Moitos centros están vendidos e actúan á súa maneira e da mellor forma que poden, sendo a concienciación da comunidade escolar e a precaución dos docentes a mellor fórmula", explica. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.