"A aula virtual non funciona": familias dun instituto compostelán piden reforzos de profesorado para garantir a presencialidade

Exterior o IES Antonio Fraguas de Santiago © IES Antonio Fraguas

No verán o instituto solicitou á Consellaría a incorporación de 16 novos profesores e profesoras, pero só lle foron concedidos 10, o que obrigou a optar pola semipresencialidade nalgúns niveis

Nais e pais do alumnado de 1° de Bacharelato do IES Antonio Fraguas de Santiago veñen de enviar unha carta ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que reclaman que se dote ao centro con seis docentes máis, co obxectivo de garantir a presencialidade nese curso. As familias expresan a súa "profunda preocupación" polo actual funcionamento da fórmula de "semipresencialidade" escollida para o desenvolvemento das clases, unha dinámica pola que se optou por non contar cun número de mestres e mestras suficiente para facer os desdobres necesarios para cumprir co protocolo anti Covid.

No verán o instituto solicitou á Consellaría a incorporación de 16 novos profesores e profesoras, pero só lle foron concedidos 10, o que obrigou a optar pola semipresencialidade nalgúns niveis. Decidiuse concentrar os reforzos no 2º de Bacharelato, por ser o curso no que o alumnado realiza as probas de acceso á universidade, pero o alumnado do 1º de Bacharelato ficou unicamente coa metade de horas presenciais, cubrindo o resto con traballo dende os seus fogares, dous ou tres días á semana.

A situación "xera unha dobre discriminación para quen non teña acceso a estas tecnoloxías", alertan

Na carta enviada a Román Rodríguez, as familias do alumnado que cursa 1º de Bacharelato denuncian que os rapaces e rapazas "ven vulnerado o seu dereito básico á educación, un baleiro que se traduce en recibir presencialmente a metade das clases e intentar seguir o fío do curso a través dun ordenador ou un dispositivo electrónico compatible, situación que xera ademáis unha dobre discriminación para quen non teña acceso a estas tecnoloxías". Neste senso, chaman a atención sobre o feito de que o alumnado no IES Antonio Fraguas procede de familias con niveis económicos moi distintos, o que fai que unha parte teña dificultades para poder realizar os traballos dende a casa e seguir así o curso.

IES Antonio Fraguas © ANPA IES Antonio Fraguas

As familias lembran que a mediados de setembro a Consellería de Educación publicou unha orde onde se facía referencia á modalidade do ensino semipresencial como posible alternativa na reorganización educativa trala pandemia. Porén, denuncian que "este texto está baleiro de contido, non contempla un protocolo de aplicación nin dotacións de recursos para os centros educativos onde fose necesario implantar esta opción".

Nais e pais denuncian que a orde que regula a semipresencialidade está "baleira de contido, non contempla un protocolo de aplicación nin dotacións de recursos para os centros educativos"

Critican que os seus fillos e fillas quedan así nunha situación de desvantaxe comparativa co alumnado doutros centros, que si está a cursar as clases presenciais de maneira completa. "Se a Xunta non concede eses seis profesores máis solicitados, estase poñendo en xogo o presente e o futuro destes rapaces e rapazas. O máis importante, pola merma na calidade da súa educación pero tamén porque aos que se lles pidan rendementos académicos de media para entrar no ensino universitario, estarán nunha evidente situación de desigualdade", sinalan. "Todos os cursos son importantes, pero o 1º de Bacharelato fai media para a ABAU e os seus contidos entran xa nas probas de avaliación. O alumnado queda así nunha posición de desvantaxe cos estudantes do resto de Galicia e máis tendo en conta que vimos xa dun trimestre no que o alumnado estivo confinado", din.

O centro non presenta falta de espazos físicos para poder facer os desdobres, como si está a suceder noutros institutos

O problema, ademais, é que "a aula virtual non funciona", sinala Isabel, unha das nais que asinan a carta enviada á Consellaría. "Nós quixemos agardar a ver como se desenvolvía esta fórmula, non nos opoñíamos de entrada á semipresencialidade", di. Porén, as familias denuncian que esta semipresencialidade baséase simplemente no envío de deberes e traballos para casa, sen incluír clases online ou outro tipo de contidos que aproveitasen as posibilidades tecnolóxicas. Critican, ademais, "caos" e "falta de organización", pois os alumnos e alumnas entran en ocasións na aula virtual no seu horario lectivo e non teñen ningún traballo que facer, un traballo que se ven obrigados a realizar posteriormente, noutro horario. "Hai alumnos que o levan mellor e outros que o levan peor, pero en xeral está sendo difícil para todos, estalles xerando grandes dificultades para organizarse e levar o curso con normalidade", denuncian.

Critican a falta de contidos da aula virtual e a desorganización e "caos" que provoca entre o estudantado

Nais e pais cren que a solución ao problema é doada neste centro, que non presenta falta de espazos físicos para poder facer os desdobres, como si está a suceder noutros institutos. Polo tanto, simplemente coa dotación de seis docentes máis, todos os cursos poderían ter clases presenciais, sinalan.

A carta remata dicindo que "isto acontece a dous quilómetros da Consellería de Educación, que mira para outro lado e bloquea o normal funcionamento do curso, con medidas máis propias da improvisación ante un feito sobrevido que dunha correcta e preventiva planificación". Así mesmo, advirten de que "de non recibir unha resposta á maior brevidade, pois o curso avanza", as familias valoran "a posibilidade de realizar protestas na rúa".

 

O BNG reclama que o 100% das clases no Bacharelato sexan presenciais

Este mesmo martes o BNG presentou no Parlamento unha proposición non de lei que reclama ao Goberno galego que restitúa de maneira urxente o ensino presencial en todos os centros educativos públicos do país, pois o ensino semipresencial "supón unha discriminación para o alumnado afectado e un prexuízo que mesmo podería afectar á súa proxección académica", afirma o Bloque.

“É unha discriminación evidente, xa que este alumnado vai competir co doutras comunidades e mesmo con alumnado galego do ensino privado que non sofre esta situación, polo que é urxente que a Xunta cambie a súa posición e respecte a equidade e a igualdade de oportunidades de todo o alumnado galego”, sinalou o portavoz parlamentario de Educación Manuel Lourenzo.

A xuízo de Lourenzo, "resulta curioso que esta situación non se dea en ningún centro privado ou concertado, pero si no sistema público de ensino", o que "confirma que a Xunta non soubo planificar o curso lectivo e a medida da semipresencialidade responde a un criterio de aforro económico". “En lugar de deseñar desdobres ou contratar máis profesorado, recórrese a solucións de ensino low cost como a semipresencialidade con horario reducido ou a colocación de mamparas”, concluiu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.