Este mércores comezaron as clases nos institutos, nunha volta ás aulas por quendas que hoxe correspondeu ao alumnado de 1.º e 2.º de ESO, 1.º de Bacharelato, 1.º de FP Media e 1.º de FP Superior. O inicio do curso, que fora adiado a pasada semana, está marcado pola incerteza e pola aplicación de medidas moi distintas nuns e noutros centros para cumprir así as recomendacións fixadas polas autoridades sanitarias.
Este mércores comezaron as clases nos institutos, nunha volta ás aulas por quendas que hoxe correspondeu ao alumnado de 1.º e 2.º de ESO, 1.º de Bacharelato, 1.º de FP
Varios institutos tiveron que poñer en marchar quendas de tarde para poder asegurar as clases presenciais e encaixar os distintos grupos formados. Outros, na Coruña, Culleredo, Pontevedra, Cee, Carballo, Ferrol ou Zas, tiveron que recorrer á instalación de mamparas de separación, a pesar de que foran sinaladas como medidas excepcionais. E moitos outros víronse obrigados a iniciar o curso con formatos de semipresencialidade, por exemplo na Coruña, Carballo, Pontevedra, Ferrol, Ourense, Vigo, Lalín ou Ribeira. Esta semipresencialidade foi duramente criticada polas "desvantaxes" competitivas que poden ter para moitos alumnos e alumnas, especialmente no decisivo curso de 2º de Bacharelato.
A falta de recursos e profesorado motivou unha xornada de folga, que estivo acompañada de concentracións e 12 cidades e vilas galegas
A pesar da incorporación no último momento de 847 docentes (anunciada a pasada semana, no día que debía comezar o curso), un gran número de centros seguen denunciando a ausencia dos recursos e profesorado necesarios para permitir unha volta ás aulas nunhas mínimas condicións de seguridade. Esta situación motivou este mércores unha folga convocada polos principais sindicatos educativos -CIG, CCOO, STEG e CSIF- e que fora adiada a pasada semana, polo traslado do inicio do curso do 16 ao 23 setembro. Tivo lugar, ademais, unha ducia de concentracións que tiveron lugar este mércores nas sete cidades galegas, ademais de Verín, O Barco, Vilagarcía, Cangas e Vilagarcía de Arousa.
Nestes actos, CIG-Ensino criticou as diferenzas entre centros e etapas, a "desprotección do persoal de risco" e "a falta de transparencia na información sobre contaxios". “Mentres que en infantil, primaria e educación especial non se garante o metro e medio de distancia entre o alumnado, principal medida xunto coa diminución de ratios na aula para reducir a posibilidade de contaxio no caso de producirse un positivo, nos niveis superiores as diferenzas establécense entre centros", critocou o seu secretario xeral, Suso Bermello.
CIG-Ensino criticou as diferenzas entre centros e etapas, a "desprotección do persoal de risco" e "a falta de transparencia na información sobre contaxios"
O sindicato denuncia que a Consellaría de Sanidade “deixou para o último momento a planificación ao respecto de buscar espazos que garantiran o distanciamento de seguridade de metro e medio e os desdobres". "Moitos centros que dispoñían desa solución ou que mesmo a podían ter buscado en colaboración cos concellos durante o verán víronse obrigados a optar pola semipresencialidade, o que implica unha merma importante da calidade educativa, unha atención desigual en función das condicións de conectividade e recursos do alumnado e aínda por riba unha sobrecarga de traballo para o profesorado". engadiu.
O novo protocolo, que actualiza o do pasado 22 de xullo, incorpora as recomendacións pactadas co Estado a finais de agosto, hai 25 días
Este mércores, ademais, o Goberno galego anunciou a modificación do seu protocolo de prevención ante a Covid-19 nos centros de ensino, aprobado este martes polas Consellarías de Educación e de Sanidade. O novo texto, que actualiza as normas fixadas polo Goberno galego o pasado 22 de xullo, chega despois de case dúas semanas de clase en Primaria e Infantil e xusto no día en que os centros de Secundaria volven ás aulas (cunha semana de atraso con respecto ao calendario inicialmente previsto).
O novo documento incorpora as recomendacións e pautas pactadas polas comunidades autónomas e Goberno central o pasado 27 de agosto, hai 25 días. O Goberno galego xustifica a modificación en que "nas ultimas semanas tense producido un incremento dos gromos que xera inquedanza na comunidade educativa" e tamén no "maior coñecemento que se ten sobre a propagación do virus", así como nas "novas científicas e manifestacións de organismos internacionais".
Entre outros elementos, o protocolo establece que "a actividade lectiva será presencial para todos os niveis e etapas do sistema educativo" e indica que "excepcionalmente, poderán impartirse semipresencialmente as ensinanzas de bacharelato, formación profesional, así como as ensinanzas de réxime especial". Ademais, fixa a distancia mínima recomendada en 1,5 metros, por riba do metro fixado inicialmente pola Xunta.
As consellarías de Educación e de Sanidade aprobaron tamén o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid19 nos centros de ensino para os nenos e nenas con necesidades educativas especiais e tamén o Protocolo de prevención da transmisión da covid-19 nos comedores dos centros educativos non universitarios.
O Protocolo obriga ao equipo COVID de cada centro a elaborar un “Plan de adaptación á situación COVID-19 no curso 2020/2021” de conformidade cun modelo que acompaña o novo documento. E, igualmente, un “Plan de Continxencia” no que se establecerán as medidas en caso de suspensión da actividade lectiva, as medidas para facer efectivo o ensino a distancia e os supostos de reactivación da actividade lectiva presencial.
Este mércores BNG e PSdeG-PSOE criticaron na sesión de control ao Goberno as sucesivas modificacións de protocolos de prevención da Covid-19 no ensino
Este mércores, na primeira sesión de control na nova lexislatura no Parlamento galego, BNG e PSdeG-PSOE criticáronlle a Alberto Núñez Feijóo as sucesivas modificacións de protocolos de prevención da Covid-19 no ensino. A voceira do BNG, Ana Pontón, instou o presidente da Xunta a "pedir perdón" aos profesionais da sanidade, do sistema educativo e aos pais e nais "pola súa improvisación, incapaz de iniciar o curso cun protocolo claro e coas máximas garantías". Mentres, o voceiro do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, criticou tamén o “abandono” da comunidade educativa e a a “improvisación continua” do Goberno galego nesta materia.