Foanpas advirte á Consellería de Educación de que o servizo de comedor non funcionará en Vigo se non asume a responsabilidade da xestión e desde Anpas Galegas lembran que os comedores son "un servizo educativo" e non "social"
″A normativa de comedores escolares galega di que son un servizo educativo complementario, non un servizo social. Polo tanto, dependen da autoridade competente, que é a Xunta de Galicia. O resto é unha anomalía″. Fernando Lacaci, presidente da confederación Anpas Galegas, quen sinala que a problemática cos comedores agudizada pola pandemia da COVID-19 ″non é de agora″.
O secretario xeral de Educación, Manuel Vila, reuniuse esta semana coa Federación olívica de asociacións de nais e pais de alumnos de Vigo e comarca (Foanpas) para tratar de desfacer o conflito coa entidade, provocado pola falla de resposta da Xunta ás dificultades para artellar o servizo de comedor na cidade cumprindo coas medidas de seguridade establecidas pola pandemia. ″Non é competencia das Anpas xestionar servizos públicos, pero estívose facendo todo este tempo por arrimar o ombreiro e sumar na convivencia educativa. Con todo, nesta situación consideramos que non somos quen de xestionar sen unha cobertura″, di Bertila Fernández, portavoz de Foanpas.
A Consellería de Educación vai elaborar un protocolo específico de aulas matinais e de comedores escolares, así llo trasladou Manuel Vila a Foanpas na súa xuntanza, á que tamén acudiu o xefe territorial de Educación en Pontevedra, o ex-deputado do PP César Pérez, e un representante de Fanpa, a Federación de Anpas de centros públicos da provincia. ″Todo o que se consiga para os comedores de Vigo vai ser para todos os galegos″, salienta Lacaci desde Anpas Galegas, onde está integrada Foanpas.
Bertila Fernández agarda recibir a normativa da Xunta no día de hoxe, para debatela na asemblea de Foanpas. ″Un dos puntos quentes da nosa asemblea é que queremos que se exima ás Anpas de toda a responsabilidade en canto á xestión do comedor nesta situación″, sinala. Na reunión, solicitaron a flexibilización deste servizo porque ″se un comedor de 200 nenos e nenas require agora quendas para poder levar a cabo o distanciamento e aplicar o protocolo, necesita máis coidadoras e coidadores e máis espazos″. ″O que demandabamos á Xunta era unha maior inversión para poder enfrontar a situación e dar as solucións precisas″, resume.
″As demandas xa veñen desde o mes de abril, o confinamento levounos a unha reflexión. Vimos que isto non era ningunha broma, que non se ía solucionar cun confinamento de vinte días nin cunha vacina que aínda non existe. Era todo unha incerteza, pero visualizabamos o que ía pasar porque lle pedimos á Xunta solucións ante os escenarios posibles. E aquí nos encontramos, esperemos que a razón entre en escena″, critica a portavoz de Foanpas.
"O comedor ten que ser un servizo educativo no que se aprenda a convivir, o respecto polos compañeiros e tamén cara aos alimentos", salienta Bertila Fernández
″Os comedores non son un restaurante″, evidencia Fernando Lacaci. ″Son espazos que teñen que ofrecer unha garantía alimentaria para todos os nenos e nenas, non só nutricionalmente, pois para moitos é a única comida do día. A situación socioeconómica é crúa e isto xa non é de agora, vén da anterior crise. O comedor ten que ser un servizo educativo no que se aprenda a convivir, o respecto polos compañeiros e tamén cara aos alimentos; onde se adquiran as bases para unha alimentación saudable e os hábitos de hixiene″, describe Bertila Fernández.
O presidente da confederación Anpas Galegas apunta que ″a incidencia real das Anpas no tema dos comedores non é tanta″, xa que os comedores xestionados por asociacións de nais e pais ″non chegan ao 20%″ do total en Galicia. Porén, explica que adoitan estar ao cargo do servizo de comedor dos centros escolares das cidades, onde hai unha cantidade máis elevada de alumnado. ″Agora reclamámoslle á Consellería que asuma a responsabilidade sobre a organización porque o protocolo para a volta ás aulas equipara os comedores co resto de actividades que xestionan as Anpas e di que son elas as que deben marcar cal é a responsabilidade″
″Desde Anpas Galegas rexeitamos que as Anpas presten neste momento ningún tipo de servizo precisamente pola irregularidade que supón que teñan que ser as Anpas as que elaboren un protocolo e se responsabilicen do desenvolvemento do mes. Entendemos que a Xunta debe elaborar unha normativa. É absolutamente impensable que unha Administración pública che diga que elabores ti unha normativa privada e te responsabilices dela″, agrega Lacaci.
Adaptar os comedores escolares á realidade da COVID-19 supón un ″sobrecusto inmenso″ porque se precisa de ″máis medios, máis persoal e máis limpeza″. Fernando Lacaci di que a Xunta avanzou que fará unha ″interpretación máis laxa das subvencións que convoca todos os anos″. ″De momento, todo seguen sendo palabras″, lamenta. Con todo, hai Anpas que decidiron seguir adiante coa organización dos comedores e elaboraron un protocolo no verán; son as menos, segundo explica o presidente de Anpas Galegas, pois ″a xente se sinte moi insegura por se chega a haber contaxios no comedor″.
Esta ″situación irregular″ co servizo de comedor permite que ″moitos estean xestionados de forma non profesional″, da mesma maneira que ″outros son un exemplo de excelencia. ″Mentres que a Administración conta con persoal especializado e ten uns menús programados, as Anpas non teñen por que cinguirse a nada máis que á normativa sanitaria dos locais″, destaca Lacaci, quen exemplifica que problemas como a obesidade infantil poderían abordarse nos comedores, así como a ″adaptación á diversidade″, posto que no tempo da comida os menores están nun espazo máis transversal.
Ferramenta de conciliación
″Os comedores, as aulas matinais e as actividades extraescolares non poden ser a solución para a conciliación familiar, laboral, persoal e social; son unha axuda para levar a cabo esa conciliación. O debate da asemblea de Foanpas é que a conciliación ten que vir por outros cauces″, razoa Bertila Fernández.
"Non concilian os nenos, concilian os pais", afirma o presidente de Anpas Galegas
"Non concilian os nenos, concilian os pais", engade Fernando Lacaci, "se o meu fillo está fóra da escola ás dúas da tarde non hai que pensar en onde o meto mentres eu non saio, senón en como saio antes para collelo". "A conciliación debe esta na man das empresas e hai que desligala dos servizos que atenden aos nenos e nenas. Se van ao comedor que sexa porque alí van aprender e lles vai resultar positivo, non porque os seus pais teñen que traballar ata as tres", asevera.