O presidente da Xunta avala a ″semipresencialidade″ en Bacharelato e FP mentres a inspección de Educación pide agora aos centros que estuden instalar mamparas nas aulas onde non é posible manter a distancia de seguridade
A reunificación das consellerías de Educación e Cultura, que puxo fin á etapa de Carmen Pomar e lle devolveu as competencias a Román Rodríguez, fai agora ′saltar′ os altos cargos da cúpula do departamento de ensino para recuperar nomes que xa tiveron responsabilidades en etapas anteriores, incluso remontándose aos anos de Manuel Fraga na Xunta. É o caso de José Luis Mira Lema, nomeado director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa no lugar de Manuel Corredoira López, que levaba nesta dirección xeral desde 2012.
Mira (Cabana de Bergantiños, 1954) foi coordinador de Formación Profesional e da Reforma de Ensinanzas Medias en Galicia entre os anos 1985 e 1988 e xa ocupou un cargo semellante en 1996, cando Fraga o designou director xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos. Na súa traxectoria tamén destaca o paso polo Ministerio de Educación do Goberno español, entre 2000 e 2004, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa no segundo Executivo de José María Aznar. No primeiro Goberno de Feijóo (2009-2012) ocupou a mesma dirección xeral á que agora regresa.
A Xunta tamén anunciou este xoves o cese de Jesús Oitavén Barcala como secretario xeral técnico de Educación após dez anos no cargo; segundo fontes consultadas por Praza.gal, Oitavén mostrouse partidario de contratar máis profesorado por mor das dificultades da pandemia para este curso. Manuel Vila López (A Fonsagrada, 1965), que ata o de agora era secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, pasa a ocupar o cargo tamén coa nova configuración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Con anterioridade, Vila foi subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, posición que ocupou desde 2010 ata 2018.
Outro alto cargo que acompañou a Feijóo desde o seu desembarco na Xunta e foi cesado este xoves é José Manuel Pinal Rodríguez, que deixa a dirección xeral de Centros e Recursos Humanos, unha responsabilidade que levaba asumindo desde 2009. Este cargo pasa a ser ocupado por Jesús M. Álvarez Bértolo (Forcarei, 1963), quen na última década dirixiu o Centro de Formación e Recursos do Profesorado de Pontevedra, ademais de coordinar asuntos en materia educativa dentro do PP.
O primeiro día de clase en Educación Infantil, Primaria e nas Ensinanzas especiais despois de seis meses sen aulas presenciais estivo marcado polas incertezas co protocolo da COVID-19
″É fundamental que a volta ás aulas sexa un éxito porque o necesitamos. Non podemos volver pechar o sistema educativo en Galicia nin no conxunto de España″, asegurou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión do Consello deste xoves. O primeiro día de clase en Educación Infantil, Primaria e Ensinanzas especiais estivo marcado polas incertezas derivadas da aplicación nos centros do ′Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19′ ideado pola Xunta, e por unha folga convocada polos sindicatos CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF, e apoiada polas plataformas de pais e nais Anpas Galegas e Confapa, e polas organizacións do estudantado Erquer e Anega, da que os sindicatos salientan que é "imposible" facer seguimento debido aos servizos mínimos decretados.
″Semipresencialidade″ nas aulas
Feijóo sostivo que ″haberá desdobres″ de aulas este curso polas distancias de seguridade esixidas no protocolo da Xunta e que ″haberá un incremento salientable de profesorado″. Dúas afirmacións que chocan coa proposta da ″semipresencialidade″ para o alumnado de Bacharelato e dos ciclos superiores de Formación Profesional que realizou o pasado mércores o conselleiro Román Rodríguez na reunión do Consello Escolar de Galicia.
O presidente considerou que a opción da ″semipresencialidade″ no ensino ″ten todo o sentido″ porque ″non é posible cumprir as distancias con ou sen mampara nos centros″. Ademais, Feijóo trasladou que os institutos de Santiago de Compostela solicitaron acollerse a esta medida, a pesar de que o escrito asinado polas direccións destes centros para adiar a volta ás aulas non se refire a esta posibilidade. Sobre como vai funcionar esta "semipresencialidade", a Consellería de Educación só concreta que "será sempre a proposta dos centros" coa "previa autorización da Inspección educativa".
"Cando non sexa posible poñer mamparas teremos que ir a cursos semipresenciais", sinalou Feijóo
″Temos que contratar máis profesores e desdobrar aulas. Cando non sexa posible desdobrar aulas, pois teremos que poñer mamparas. Cando non sexa posible poñer mamparas teremos que ir a cursos semipresenciais. Niso é no que está a Consellería″, dixo Feijóo. ″Polo tanto, -proseguiu- eu espero que poidamos ter un protocolo do curso semipresencial, máis outro protocolo do plan de continxencia para o ensino virtual máis concreto do que temos actualmente para a próxima semana″.
Desde a CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector, consideran que o novo equipo á fronte da Consellería de Educación mantén unha actitude ″irresponsable″ e que todo xira entorno ao aforro para non contratar máis docentes perante a crise do coronavirus. ″Déronse conta de que os desdobres implican contratar moitísimo profesorado e agora queren dar marcha atrás con mamparas e a semipresencialidade que, depende de como a xestionen, pode supoñer un aforro importante de persoal coa conseguinte sobrecarga de traballo para os docentes″, explica o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.
O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) lamenta que o inminente comezo das aulas en Secundaria [previsto para o vindeiro mércores, día 16, cando está convocada a segunda xornada da folga] vaise producir ″entre unha chea de despropósitos, incumprimentos, ameazas e desgoberno absoluto″. ″A semipresencialidade vai ser enormemente contestada e queren tirar polo tema das mamparas″, indica un portavoz a Praza.gal, que pon o foco en que a inspección de Educación xa se está a dirixir aos centros para que realicen un estudo da viabilidade de colocar esas mamparas de separación, un material que aínda non está asegurado que vaia sufragar a Consellería.
Comité educativo
Feijóo anunciou no primeiro día do curso escolar a creación dun "comité educativo", promovido polo conselleiro Román Rodríguez, que vai ″protocolizar″ o labor que, segundo o presidente, xa viña facendo a Xunta. Será un comité ″semellante ao comité clínico do Sergas, para que os profesionais de Educación vaian validando e resolvendo as dúbidas nos casos prácticos que se vaian formulando″. Así, este ″grupo de expertos″ asesorará ao Goberno galego durante todo o curso escolar. ″Será necesario tomar decisións, na maioría das veces, inéditas″, advertiu Feijóo.
Un "comité educativo", semellante ao clínico, asesorará a Xunta durante todo o curso escolar pola pandemia
Este "comité educativo" contará, segundo avanzou Feijóo, con representantes dos directores e docentes dos colexios, dos institutos, dos centros de Formación Profesional, da Educación Especial, das Escolas Oficiais de Idiomas, das xefaturas de estudos, dos secretarios dos centros, dos equipos de formación e orientación, de expertos en tecnoloxía e Psicoloxía e cunha parte do comité clínico do Servizo Galego de Saúde.
Máscaras con ′sentidiño′
O presidente da Xunta tamén se referiu este xoves ao reparto ″dun total de 400.000 máscaras″ entre os centros escolares galegos para os profesores e o persoal non docente. Desde a plataforma Profesorado en Pé manifestaron a Praza.gal a súa desconformidade con que o Goberno galego ″encareza o prezo da máscara coa serigrafía do #sentidiño″, o lema da súa campaña pola COVID-19, ″para facer propaganda da Xunta″. Feijóo tamén manifestou que estas máscaras servirán para ″ter un pequeno depósito para os alumnos que, de forma excepcional, esquezan a máscara cando cheguen a clase″.