Pagar ou pagar. Ou non comer. Son as opcións que, segundo o secretario xeral da Consellería de Educación, Jesús Oitavén, ao alumnado que fai uso dos comedores escolares que dependen do Goberno galego. Poucos días despois de ratificar o taxazo de ata un 40% nos servizos de comedor das escolas do país o departamento que dirixe Jesús Vázquez seguiu este martes a defender con intensidade a súa medida e, ao tempo, ratificaba que as familias en apuros económicos non terían máis remedio que botar a man ao peto se queren que os seus fillos e fillas sigan a xantar na escola, porque a Xunta non lles permitiría levar a comida da casa. A prohibición estivo vixente o tempo que a Consellería tardou en corrixir o seu alto cargo.
Despois de que nos últimos meses autonomías como a Comunidad de Madrid sementasen a polémica por valorar cobrarlles tamén polo comedor aos estudantes que achegasen o popular tupper Oitavén asegurou no Parlamento "non saber como fan as outras comunidades" pero na Xunta, di, "non somos quen de garantir o cumprimento" dos principios de "seguridade alimentaria" das comidas "elaboradas no fogar". As verbas do alto cargo deron lugar a un fenomenal rebumbio social e mediático que provocou a rectificación. Fontes de Educación consultadas por este diario admiten que "non hai ningunha novidade", xa que a presenza das friameiras nas escolas "non está prevista, pero non hai ningunha prohibición". Outra cousa, din, é que atenderán ás cuestións de "seguridade alimentaria" porque "cada pai utiliza os criterios de hixiene que lle parece", aínda que "procuren a maior limpeza", matizan. Por isto, "se se formula algún caso, haberá que estudalo", conclúen.
Con esta aclaración o Executivo emenda a Oitavén, que explicou ante os parlamentarios que "na actualidade nos centros a comida que se serve é a dos propios centros, sen que se permita comida levada da casa" e así a Administración educativa vela "pola análise, trazabilidade e principio de cautela" no conxunto dos comedores. De agora en diante, di, o alto cargo de Educación, a Consellería seguirá a vixiar que os xantares escolares teñan "todas as garantías" e, polo tanto, "non contempla" que os alumnos poidan consumir outra comida. O que non aclaraba é que acontecerá se algún alumno ou alumna non pode xantar por falta de cartos e non ten outra opción, caso por exemplo dos estudantes do rural que fan uso do comedor porque acoden ao colexio tras un longo percorrido en transporte escolar, que ata agora comían de balde na escola por acudir a ela en autobús.
Seguen as críticas
Educación segue adiante en solitario coa súa polémica reforma mentres lle choven as críticas dos sindicatos educativos, das asociacións de pais e nais e, este martes, e novo dende a oposición parlamentaria. En resposta á comparecencia de Oitavén o voceiro socialista en materia educativa, Vicente Docasar, censurou que nos comedores escolares o alumnado vaia estar de agora en diante "catalogado en función da renda". "Obrigan os nenos a entrar nos centros públicos coa declaración da renda dos pais nos dentes", ilustra o parlamentario do PSdeG, para quen a medida non é máis que "un novo castigo" de Feijóo á educación pública "coa escusa de cadrar as contas". "Fixo o mesmo retirando os libros de texto de balde", lembra.
"Obrigan os nenos a entrar nos centros públicos coa declaración da renda dos pais nos dentes"
Tamén o voceiro de AGE no debate, Ramón Vázquez se amosa convencido de que "a finalidade do PP non é outra que afixiar o sistema educativo, tal e como demostran todas as medidas que están a adoptar". A suba dos comedores, igual que as medidas a respecto dos concertos educativos só pretenden, para Alternativa, "que lle saia gratis o colexio privado a uns cantos mentres para os outros queda unha escola deficitaria, masificada ou despoboada segundo o caso, sen recursos e deteriorada".
Pola banda do BNG o seu voceiro parlamentario, Francisco Jorquera, censura o recorte e tamén que o propio presidente "pretenda xustificalo facendo uso da demagoxia de máis baixa estofa" ao asegurar que o Goberno non pagará os comedores "cos cartso dos parados". Feijóo, di, debera saber que "a propgresividade en todo sistema minimamente equitativo e xusto hai que establecela no pagamento dos impostos, é aí onde ten que pagar máis quen máis ten". "O argumento do señor Feijóo cae pola súa propia base", asegura o nacionalista, "pero se o damos por bo teríamos que concluír que, en cambio, si están a favor de que os parados paguen os 29,3 millóns que se destinan a custear profesores de relixión" ou "os 3 millóns que se destinan a pagar aos centros concertados que segregan os alumnos" por razón de sexo.