“Sabemos o que estamos facendo”: Feijóo pide “tranquilidade” ás familias ante un protocolo de volta ás aulas que “está sendo pulido”

Feijóo presidindo este mércores por videoconferencia a reunión do comité clínico de expertos que asesora á Xunta fronte ao coronavirus CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente espera informar a pais e nais sobre como será o regreso ao colexio “a partir da primeira semana de setembro” e rexeita a oferta de Sánchez de que as comunidades poidan pedir estado de alarma á medida

“Pedimos tranquilidade, sabemos o que estamos facendo”. Así se dirixiu este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ás familias ante a indefinición polo coronavirus da volta presencial ás aulas o 10 de setembro. O titular do Goberno galego asegurou, tras unha reunión co comité de expertos que asesoran á Xunta sobre a pandemia, que o protocolo presentando en xullo ao persoal educativo “está sendo pulido” polas consellerías de Educación e Sanidade cos últimos datos dispoñibles sobre a pandemia e a experiencia da volta ás aulas xa en marcha no norte e o centro de Europa. Segundo dixo, o seu obxectivo é poder informar do mesmo ás familias “a partir da primeira semana de setembro”.

Feijóo admitiu que as competencias en materia de Educación da Xunta son “indelegables”, e pediu confianza na Xunta, pero ao tempo insistiu en culpar á falta dunha coordinación ou protocolo estatal da indefinición que vén criticando a comunidade educativa. “Ata agora o Goberno central non parece estar disposto a facer o traballo que entendemos que ían facer hai meses”, censurou Feijóo, que lamentou o atraso, agora a setembro, da conferencia de presidentes entre os titulares autonómicos e o do Goberno central específica sobre o curso escolar “anunciada xa desde maio”.

Reunión por videoconferencia de Feijóo cos expertos que asesoran á Xunta fronte ao coronavirus CC-BY-SA Xunta de Galicia

“Haberá máis risco de contaxio fóra das aulas que dentro das aulas”, di Feijóo

Sobre a reunión previa que este xoves está prevista entre os ministros e os conselleiros autonómicos de Educación e Sanidade, Feijóo dixo agardar “unha proposta seria e rigorosa”. E en xeral sobre a volta ás clases presenciais o presidente asegurou que “haberá máis risco de contaxio fóra das aulas que dentro das aulas”.

Feijóo tamén admitiu este mércores que o protocolo da Xunta céntrase en cuestións sanitarias e asistenciais e non prevé respostas para as necesidades de conciliación das familias que se poidan ver afectadas por peches puntuais de centros educativos. Sobre esa cuestión, este mércores a ministra de Educación, Isabel Celaá, avanzou nunha entrevista na Cadena Ser que o Goberno central está a estudar ese tipo de medidas de conciliación, que “podería ser unha baixa por enfermidade ou un permiso retribuído”.

Feijóo rexeita que os presidentes autonómicos poidan pedir o estado de alarma á medida de cada territorio porque podería supoñer que con situacións epidemiolóxicas iguais uns o pidan e outros non

Sobre a oferta que este martes lanzou o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, de que os presidentes autonómicos poidan pedir a aplicación do estado de alarma en todo ou parte do seu territorio en funcións das necesidades, o titular da Xunta rexeitou a posibilidade argumentando, ao igual que no caso dos diversos protocolos autonómicos de volta ás aulas, que iso podería supoñer que con situacións epidemiolóxicas iguais uns presidentes autonómicos pidan o estado de alarma e outros non.

Feijóo retrucou a Sánchez avanzando que a Xunta vai enviar ao Goberno central un borrador de lei orgánica como exemplo da “lexislación específica” máis alá do estado de alarma coa que ao seu ver tería que contar o Estado para afrontar a pandemia. “Ás veces a xustiza ordinaria non acepta as propostas dos gobernos autonómicos”, dixo Feijóo, algo que aínda non ocorreu coas diversas medidas que ata agora veu ditando a Xunta.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.