A Xunta non dá resposta para a conciliación ante peches de escolas por brotes da Covid-19

Persoal da Consellería de Educación supervisa o CPI de Pazos de Borbén CC-BY-NC-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego non ten contempladas, a día de hoxe, medidas que permitan a conciliación para as familias que non poidan levar aos menores ás aulas porque o seu centro escolar resulte pechado por un brote de coronavirus, aínda que os seus fillos e fillas non teñan Covid-19 nin deban facer os 14 días de corentena porque non estean considerados como un contacto estreito dun caso. Os sindicatos critican que a Xunta actúa de maneira "unilateral" cara ao curso que comeza en setembro e sinalan que este é un dos aspectos sen resolver. 

Os sindicatos critican que a Xunta actúa de maneira "unilateral" co protocolo de volta ás aulas e que non se están a debater as cuestións colaterais ao documento, como son as solucións para a conciliación familiar e laboral no caso dos brotes da Covid-19

O 'Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021' da Xunta, ao que remite a Consellería de Educación preguntada por Praza.gal sobre ese posible escenario, contempla a opción de pechar un centro se se producen varios casos positivos nel e o inicio do ensino a distancia. Pero non hai, no documento asinado polos departamentos de Educación e Sanidade, ningunha referencia a como será posible a atención dos menores nas súas casas.

Pola súa banda, desde Política Social trasladan a este respecto que "no caso de darse un positivo nunha escola infantil de 0 a 3 anos, actuarase de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias, que non teñen por que supoñer o peche total da escola".

Aula coa separación que indica o protocolo da Xunta para o inicio do curso CC-BY-NC Sonia Msm/Profesorado en Pé

O propio conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, admitía a pasada semana nunha entrevista que ao reiniciar as aulas presenciais "de centos e miles de escolas igual algunha, unha, dúas, por un brote importante, hai que pechala". Pola súa banda, a titular de Educación, Carmen Pomar, apostou por "ir vendo a evolución día a día" a respecto do inicio do novo curso despois dun último trimestre de confinamento.

"Isto pode ser un problema gravísimo, afecta a toda a sociedade galega e española", afirma Zeltia Burgos da CIG

Este mesmo mércores, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou unha nova medida para engadir a ese protocolo de volta ás aulas, a obriga de levar máscara permanentemente en todo o recinto escolar durante as horas lectivas para o alumnado maior de 6 anos e para todo o profesorado. Feijóo referiuse ao protocolo distribuído aos centros escolares como a un documento aínda en estudo e avanzou que levará a medida á conferencia de presidentes territoriais na búsqueda dun "consenso".

A secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, explica que "na teoría" estes supostos "non teñen ningún tipo de cobertura porque o Estado non lle vai dar unha baixa a eses pais e nais". "Isto pode ser un problema gravísimo, afecta a toda a sociedade galega e española", asevera.

Burgos incide en que o protocolo da Xunta para a volta ás aulas é "unilateral": "Non foi tratado no comité de saúde laboral, na Consellería de Educación nin na de Política Social; polo tanto, as representacións sindicais non tivemos a oportunidade de formular estas cuestións porque no momento no que se pecha un centro xa non é responsabilidade do centro".

"Deixa desprotexidos aos traballadores xa que é ben sabido que na empresa privada as baixas non sempre son ben recibidas", di Paula Carreiro da FeSP-UXT Galicia

Paula Carreiro, responsable de ensino público na FeSP-UXT Galicia, asegura que polo momento non teñen coñecemento de medida algunha a este respecto. "O que se nos trasladou cando consultamos foi que se poñen aos nenos de aula burbulla en corentena por casos de Covid-19, os proxenitores deberán pasar con eles esa corentena que será respaldada por unha obrigada baixa médica", sinala.

Con todo, para Carreiro "isto non dá solución a unha conciliación" se se produce un peche total das escolas como ocorreu marzo. "Desde a nosa perspectiva, deixa desprotexidos aos traballadores xa que é ben sabido que na empresa privada as baixas non sempre son ben recibidas", engade.

Desde CC.OO. Galicia manifestan que a Xunta non lles trasladou opcións para estes casos e apuntan que cando rematou o ensino presencial por mor da pandemia no curso pasado podía solicitarse o "bono coidado extraordinario" para familias con nenos e nenas menores de 12 anos, que "tiña efectos retroactivos a marzo". E defenden que "o contido desa medida chegou en gran parte polas achegas de CC.OO., que realizou diversas emendas á proposta inicial da Xunta". Con todo, o prazo para solicitar esa axuda finalizou en xullo e non tivo a repercusión que se prognosticara desde o Goberno galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.