"É moi grave perder aos nenos agora no principio do curso. O que necesitabamos era poder volver ás aulas con seguridade para poder manternos nelas, porque se non melloran as infraestruturas a educación a distancia é inxusta para os nenos e nenas". Noelia Blanco dirixe o IES Terra Chá en Castro Ribeiras de Lea e manexa demasiadas incertezas cara ao inicio do curso.
"Durante o confinamento non podía dar unha aula virtual, intenteino e resultou imposible. Duns cen alumnos tiña entre 20 e 25 cunha conexión boa para seguir a clase sen atrancos. E se nos mandan para casa agora pasaría o mesmo. O protocolo non garante a igualdade no acceso á educación no caso de rebrotes", incide Javier Gómez, profesor de secundaria nun instituto de Lugo e integrante de Profesorado en Pé.
"O protocolo non garante a igualdade no acceso á educación no caso de rebrotes", salientan desde Profesorado en Pé
Tanto o protocolo asinado entre as consellerías de Educación e Sanidade como as instrucións da Dirección Xeral de Educación, enviadas o pasado 30 de xullo aos centros, deixan no aire cuestións do día a día que terá que abordar cada centro o 1 de setembro, cando regresen ás aulas para os exames de recuperación. "Dá a sensación de que están feitos por alguén que non sabe como funciona un centro", asegura Blanco, "semella que estamos igual que en marzo cando nos enteramos pola prensa de que nos mandaban para a casa".
O IES Terra Chá é un instituto do rural onde "o grande sufrimento" durante o confinamento foi a mala cobertura de internet. "Houbo pais e nais que collían o coche no confinamento ata un sitio con sinal para enviar os exercicios dos seus fillos. Ninguén quere que o seu fillo se quede atrás", lembra Blanco, que como directora forma parte do "equipo Covid" do seu centro.
"Este papeleo do protocolo Covid estamos a facelo agora en agosto. Isto é improvisado. Non temos formación. E quen nos apoia? Pois ninguén, pero iso se podía prever. Podía estar todo máis axilizado antes, en lugar de pedirnos explicacións do que estabamos a facer durante o confinamento nese tempo podían ter preparado algo", explica.
Blanco lamenta que a Administración "non mellorou nada" coas instrucións para o vindeiro curso porque "non solucionan nada na práctica". "Necesitamos máis profesorado e non o hai", asegura. Neste punto coinciden os sindicatos presentes na mesa sectorial de Educación (CIG, ANPE, CCOO e UXT), que cualificaron o protocolo da Xunta como "inaceptable".
Máis profesorado e menos alumnado por aula son demandas que contan coa unanimidade do sector do ensino e coas que non conta a Consellería de Educación
"Todos esiximos que se baixe o número de alumnos por aula e que se contrate unha cantidade inxente de profesorado", salienta Gómez desde a plataforma Profesorado en Pé, "non tomar medidas vai en contra da seguridade dos traballadores do ensino, do alumnado e das familias".
Para Javier Gómez resulta evidente que "se estamos a ver que reunións ao aire libre de rapaces son o principal foco dos abrochos manter as mesmas ratios nas aulas pechadas non é boa idea". "Non coñezo a nin un só docente que non me diga que imos caer todos", agrega.
Distancia nas aulas
As directrices a cumprir nas aulas recollen unha separación de mínimo un metro "do centro dunha cadeira ata o centro de outra", un dato que destacan desde Profesorado en Pé, pois a distancia mínima de seguridade é de 1,5 metros e nas aulas "non se vai chegar nin a un metro". Ademais, apunta Gómez, "o protocolo supón que o alumnado vai estar sentado mirando cara á fronte e falando en voz baixa en lugar de estar xirados para falar entre eles, boureando e tocándose, que é o que fan".
"Ata que punto podemos apelar á responsabilidade individual durante tantísimas horas de persoas que nin sequera son maiores de idade?", indica Javier Gómez
Sería "moito máis fácil" se en lugar de 25 rapaces por cada aula houbese entre 10 e 15, como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). "Pero para iso necesitamos máis docentes e o espazo para poder desdobrar aulas", indica Gómez. Aínda que o punto que máis chama a atención do profesorado é o dos "grupos estables" que recolle o protocolo, aos que chaman "grupos burbulla", e nos que se entende que vai estar dividido o alumnado.
Porén, as instrucións da Xunta non achegan solucións para os centros que non poden diversificar os accesos e as saídas do alumnado, non se contempla como proceder co transporte escolar nin nos comedores; tampouco nos grupos de "madrugadores" que hai en moitos centros para a conciliación laboral das familias. "O protocolo é incongruente porque ou se moven os nenos, ou se moven os profesores, ou nos movemos ambos. Pero queda moi bonito no papel", manifesta Noelia Blanco.
"Estamos nun xogo entre a responsabilidade e a imposición, que non funciona só para os mozos e mozas aos que non se pode culpabilizar senón que funciona a todos os niveis da sociedade. Eles agora son os que están centrando a carraxe da crítica pública, pero pasa con máis persoas. Ata que punto podemos apelar á responsabilidade individual durante tantísimas horas de persoas que nin sequera son maiores de idade? Por iso desde Profesorado en Pé esiximos que os protocolos sexan máis concretos e máis reais e, en certa medida, tamén máis restritivos", reflexiona Javier Gómez.
As decisións quedan "no tellado dos centros"
Para Blanco, esta pandemia evidencia a necesidade de contar coa figura dun sanitario nos centros de ensino. "Neste momento sería vital porque non sabemos que tipo de formación nos van dar e aínda así non creo que poidamos ser quen de diferenciar un catarro dun caso de Covid-19. Imos ter que estar chamando todos os días ao médico que nos asignen no centro de saúde de referencia. Agora era o momento para incluír esta figura, pois cada vez temos máis nenos e nenas con distintas patoloxías e non estamos preparados".
"Semella que todo vai ser igual pero con máscaras e xel hidroalcohólico", comenta unha profesora de Educación Primaria que aínda non sabe se poderá manter as "dinámicas de traballo en grupo" co seu alumnado no novo curso. "Non queda nada claro, porque o dos grupos burbulla é un absurdo vendo a realidade".
Noelia Blanco, directora de instituto, aposta por incluír persoal sanitario en todos os centros de ensino
Esta profesional do ensino entre os 6 e os 12 anos considera que "se están deixando no tellado dos centros decisións que van marcar a realidade coa que vivamos". "Ademais, o protocolo chegou tan tarde que non houbo oportunidade de facer un claustro para poder comentalo e tampouco estamos seguros de que isto sexa definitivo. Nos primeiros días de setembro poden chegar novas instrucións e mentres, aínda que estamos de vacacións, todos temos isto na cabeza e non desconectamos de todo".
Con todo, ven pouca marxe de manobra para mellorar as cousas. "Os tempos escolares non esperan por ninguén. Pódense contratar máis docentes? Si. Hai vontade política para facelo? Non. Parece que a Xunta quere pasar esta fase crítica a custe cero", afirma Gómez. "Isto vai na liña do desinvestimento no ensino dos últimos anos, da fuga de talentos universitarios, da non cobertura de prazas, de estar anos e anos sen convocar oposicións e amortizando prazas e, en xeral, dun trato indigno cara a todos os que o presidente da Xunta bautizou como 'operadores educativos' nunha frase que deixa ver a consideración que hai dos docentes da pública".
A "invisibilidade" do ensino Infantil
"Para a Consellería de Educación non existimos, e por un lado case mellor porque así podemos facer mellor as cousas", di Rosa Suárez, profesora de Infantil no CEIP López Ferreiro, en Santiago de Compostela. "Dá a sensación de que o único que lles interesa é ter cuberta a parte administrativa, a do papeleo. Pero o novo curso está sendo un esforzo importante para todo o equipo docente. No fondo penso que todo acabará funcionando ben porque hai moita vontade do profesorado, pero tiña que haber outro tipo de apoio".
No caso do ensino de 3 a 6 anos "esta pandemia supón unha involución tremenda". "Non había ninguén de Infantil cando se elaborou o protocolo da Xunta porque é todo moi xenérico e non se adapta aos máis pequenos. Infantil non existe. Pensan que temos un labor asistencial e non saben que a casa non se empeza polo tellado. Somos un piar fundamental e que o alumnado adquira unha serie de aprendizaxes vén de que os cimentos estean ben, que son a nosa parte", asevera Suárez.
Rosa Suárez, docente en Santiago, asegura que os efectos da Covid-19 supoñen unha "involución tremenda" para o ensino de 3 a 6 anos.
As adaptacións en Infantil pasan por diminuír a socialización dos nenos e nenas. "Temos que intentar colocar a aula de tal forma que non estean confrontados, e as nosas mesas son redondas polo que tivemos que mercar un novo mobiliario que aínda non chegou. Vai haber que mudar todas as dinámicas, para infantil isto é unha volta atrás: supón un adeus á aprendizaxe cooperativa".
Aínda así, Rosa Suárez, que forma parte do "equipo Covid" do seu centro, fai fincapé en que non se pode aplicar o distanciamento cos nenos máis pequenos. "Non van entender o da distancia de seguridade, o que si van seguir é a rutina de hixiene porque xa a facían desde a volta do Nadal. E que se diga no protocolo que xoguen de maneira individual vai ser imposible, nós como mestras tampouco o entendemos".