O protocolo da Xunta para a "adaptación" dos centros escolares ás medidas para previr contaxios da COVID-19 segue a xerar reaccións entre os colectivos que terán que aplicalo. Non só entre o persoal docente e doutros servizos de colexios instituto, xa mobilizado nas últimas semanas contra o documento elaborado polas consellerías de Educación e Sanidade, senón tamén entre as familias.
Os receos nas comunidades educativas están ligados a diversos aspectos; dende a negativa da Xunta a reducir o número de estudantes por aula -no caso de non ser posible manter o metro de separación que fixa o protocolo, o documento prevé máscara durante "todo o horario lectivo"- ata as repercusións noutro servizo clave, os comedores. Tal é así que algunhas das asociacións de nais e pais que xestionan os comedores xa están a renunciar a continuar facéndoo no curso 2020-21.
A Xunta fixa metro e medio entre estudantes no comedor escolar ou "un metro, sempre que non estean encarados" e propón suplir a redución de prazas con "segundas e terceiras quendas de comida"
O protocolo da Xunta indica que "o uso do comedor escolar (...), con independencia de quen preste o servizo, quedará limitado á capacidade suficiente para ter o alumnado separado por 1,5 metros de distancia" ou "un metro, sempre que non estean encarados". Deste xeito, en moitas destas instalacións haberá que reducir prazas, eventualidade que a Xunta propón cubrir con "segundas e terceiras quendas de comida". Indica, ao tempo, que "na medida do posible, o alumnado sentará no comedor agrupado por aulas".
Estas son algunhas das medidas que levan a asociacións de nais e pais como ás agrupadas na FANPA, que agrupa a ANPA de centros públicos da cidade de Pontevedra, a deixar de xestionar os comedores. Como recolle Pontevedra Viva, o presidente da FANPA explicaba este mércores que adoptan a decisión porque ven "imposible" cumprir o protocolo e, ao mesmo tempo, seguir "atendendo á totalidade das familias" que fan uso do comedor escolar.
A FANPA de Pontevedra ve "imposible" aplicar o protocolo sen reducir o número de estudantes que van ao comedor e renuncia a seguir xestionándoos: "Nós non podemos facer esa escolma, nin nos pagan por iso nin imos ser responsables dese conflito"
Nalgúns dos comedores xestionados pola FANPA, explica a entidade, cumprir o protocolo implicaría reducir a capacidade "a unha décima parte", afirma despois de "comprobalo" nos últimos días en varios centros. Neste escenario, agrega, a FANPA veríase obrigada a "decidir" que familias "quedan fóra" do servizo. "Nós non podemos facer esa escolma, nin nos pagan por iso nin imos ser responsable dese conflito social", máis aínda tendo en conta que a Xunta "nos traslada todas as responsabilidades" ante calquera problema que poida xurdir.
Os motivos do rexeitamento da FANPA de Pontevedra van na liña do expresado por outros colectivos que agrupan asociacións de pais e nais tanto nesta provincia como fóra dela a respecto do protocolo nas últimas semanas, como a Confederación de Anpas Galegas. A entidade, que ve no texto proposto por Educación a "consecuencia de non querer gastar un céntimo máis en educación pública", ve "sorprendente" que "as bibliotecas só poidan ocuparse ao 50%, as salas de profesorado precisen un metro e medio de separación" ou que "os recreos manteñan esa distancia", igual que os comedores, pero "nas aulas, abonde un metro ou menos, coa máscara posta".
"Malestar" da Fegamp polos gastos adicionais
Ás protestas das familias e persoal dos centros sumábase este mércores, noutra vertente, tamén a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) por boca do seu presidente, Alberto Varela, alcalde socialista de Vilagarcía. Tras manter un encontro coa conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar -convocado por petición "urxente" da Fegamp, aclara a entidade-, Varela subliñou a "imposibilidade dos concellos para asumir todas as obrigas" que trae consigo para os municipios este protocolo.
A Federación de Municipios e Provincias reclama á Xunta máis fondos para que os concellos poidan asumir as tarefas extra de limpeza e desinfección nos colexios
"O desexable sería que a Xunta, autoridade competente en materia educativa e sanitaria, asumise as súas competencias" en eidos como a limpeza e desinfección dos centros pero se non o fai, resalta o presidente da Fegamp, "a solución inmediata ao problema sería que transfira fondos aos concellos para poder levar a cabo" estes "labores extraordinarios de mantemento". "Os concellos -resume- estamos asfixiados polas funcións e custos que estamos a asumir pola pandemia".
A resposta de Pomar, sinala o rexedor vilagarcián, foi "boa nas formas, pero moi mala no fondo", xa que consistiu en "trasladar que por parte da comunidade autónoma non se van destinar fondos para compensar os concellos nestas obrigas". A Xunta, pola súa banda, sinalou que eses posibles fondos adicionais dependerían, de existiren, dos fondos transferidos polo Estado por mor da pandemia, que o Goberno galego considera insuficientes.