A Xunta presenta a primeira versión do Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros educativos non universitarios para o curso 2020/2021. Tras meses de peticións por parte dos sindicatos educativos e unha vez celebradas as eleccións ao Parlamento do pasado domingo, os titulares en funcións das consellerías de Educación e Sanidade presentaron este 14 de xullo o bosquexo do protocolo que docentes e alumnado terán que adoptar no curso 2020-21, o primeiro marcado dende o seu inicio pola pandemia do coronavirus.
O documento, como xa avanzara a conselleira, non contempla a posibilidade de reducir o número de estudantes por aula para garantir a separación de seguridade que evite contaxios da covid-19
O documento, case un centenar de páxinas, concreta algunhas das intencións que xa avanzara a a Consellería, como non reducir o número de estudantes por aula por baixo dos 25 vixentes -o Ministerio permíteo, aínda que recomendou diminuílo-, e avanza outras. Entre elas, a posibilidade de que a máscara poida ser obrigatoria durante "todo o horario lectivo" nas aulas onde non haxa espazo dabondo para manter un metro de distancia entre estudantes.
Esa "distancia físíca mínima" dun metro é a directriz xeral marcada polo protocolo para "as clases en aulas nas que o alumnado se dispoña sentado en pupitres, todos orientados no mesmo sentido". Nese caso, indica, non será preciso portar máscara porque un metro "é a distancia recomendada pola Organización Mundial da Saúde para os centros educativos". "Cando o tamaño da aula o permita, adoptarase a maior distancia posible entre pupitres", indica.
O protocolo prevé "retirar mobiliario" para gañar espazo e "usar, sempre que sexa posible" as aulas de "maior dimensión. "Como última medida, imporase o uso da máscara en todo o horario lectivo", agrega
Pero, que sucederá nas aulas onde gardar un metro entre estudantes sexa imposible? "Retirarase o mobiliario non indispensable que diminúa superficie útil" para "tentar obter o máximo distanciamento posible" e, "en todo caso", ese mínimo dun metro. "Sempre que sexa posible -agrega- utilizaranse aulas alternativas de especialidade" con "maior dimensión", como "laboratorios, aulas de música ou similares". "Como última medida -conclúe- imporase o uso da máscara obrigatoria en todo o horario lectivo".
Neste punto tampouco figura referencia ningunha á redución das ratios de estudantes por aula. A actual conselleira en funcións, Carmen Pomar, opuxérase a esta posibilidade alegando falta de orzamentos, pero tamén apuntando riscos "socioemocionais" para o alumnado na adopción dunha medida coma esta.
Onde a máscara si será obrigatoria en todo caso é "fóra das aulas" tanto para o alumnado como para o docente e resto do persoal. No caso concreto do profesorado, "recoméndase que utilice a máscara continuamente, non só pola súa función de protección, senón tamén polo seu carácter exemplificante", di esta primeira versión do documento, que esta semana será presentada ás centrais sindicais do sector en mesa sectorial.
"Grupos estables de aula" sen distancia mínima en Infantil e Primaria
Nos denominados "grupos estables" de ata 25 estudantes, a Xunta permitirá non manter a distancia mínima nin usar máscara, pero indica que "deberán evitar a interacción con outros grupos"
O protocolo, que impón a cada colexio e instituto a obrigatoriedade de elaborar un plan de adaptación ás medidas contra a covid-19, fixa outra excepción a este uso xeral da máscara e da distancia dun metro. En Infantil e Primaira, indica, "poderase optar pola alternativa de establecer" o que denomina "grupos estables de aula" de ata 25 estudantes. Xunto á titora ou tutor, "poderán conformar grupos de convivencia estable, cuxos membros poden socializar e xogar entre si sen ter que manter distancia interpersoal de forma estrita.
Neste caso, a Consellería permitiría non gardar esa "distancia interpersoal" dun metro, pero indica que "eses grupos de convivencia estable deberán evitar a interacción con outros grupos do centro educativo". Tamén "limitar ao máximo o número de contactos", sinala.
Material non compartido
O protocolo, que contempla o peche de de aulas ou mesmo centros enteiros no caso dun brote, fixa ademais a prohibición de que o alumnado "comparta material de uso propio con ningún dos seus compañeiros". "Nas aulas ou no propio pupitre -abonda- deberá existir un espazo diferenciado para o material de cada alumno, de xeito que non permita ser manipulado por outros compañeiros".
Son algunhas das normas, que aínda poden variar, previstas para un curso no que a Xunta prevé que "o persoal docente e non docente realice unha auto enquisa diaria" de síntomas da covid-19. Entre o alumnado, indica, "estes ou os seus pais/nais/titores" tamén "realizarán unha auto avaliación dos síntomas de forma diaria". O estudantado con síntomas "compatibles" co coronavirus "non acudirá ao centro" e se os síntomas son detectados no propio colexio ou instituto, "contactarase coa súa familia (...), que deberá presentarse á maior brevidade" e "solicitar consulta" co médico. Mentres, o estudante permanecerá "nun espazo de uso individual" que cada centro deberá "habilitar dende o inicio do curso" para posibles contaxios.