Unha aula simbólica ante a Consellería de Educación, en San Caetano, para reclamar a urxencia de que o vindeiro curso conte "cunha planificación escolar adaptada á situación sanitaria provocada pola covid" e para evidenciar tamén as dificultades para aplicar as medidas de seguridade requiridas.
CIG-Ensino recreta unha aula mantendo as medidas de seguridade requiridas para evidenciar as dificultades para implantalas e reclamar un plan adaptado
Foron delegados de CIG-Ensino os que recrearon esta aula para alertar que a Consellería "despreza toda a comunidade educativa e segue sen negociar a planificación do vindeiro curso académico". Así, o sindicato maioritario na educación galega advirte de novas mobilizacións e "accións máis contundentes" co inicio do curso.
Na recreación, os participantes nesta protesta colocaron un grupo de cadeiras nunha área de 50 metros cadrados, na que se distribuirían uns 20 alumnos mantendo a separación de 1,5 metros entre eles. O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, advertiu á Xunta de que a única maneira de garantir ese distanciamento é dotando de máis recursos de persoal, que permita así desdobramentos, reducir grupos de alumnado e contar cun ensino presencial.
CIG-Ensino asegura que a única maneira de garantir o distanciamento é con máis persoal e menos grupos de alumnado
Segundo asegura Bermello, "a única novidade" que están a recibir os centros da Xunta é "o peche de unidades", o que contrasta coa evidencia de necesidades para adaptarse á crise sanitaria que vive a sociedade. Así, pediu á titular de Educación, Carmen Pomar, que "abra a boca" cando faltan menos de dous meses para que comece un novo curso e aínda non se coñecen as "verdadeiras intencións" do Goberno galego para o ensino.
"Nestes momentos, noutras comunidades de todas as cores políticas xa están avanzadas estas negociacións e aquí o único que sabemos é que a Xunta do PP mantén a súa dinámica de pechar unidades educativas como todos os veráns. Os centros, o profesorado e as familias non se merecen tanto desprezo e desatención", insistiu Bermello.
Ademais, criticou os "cálculos electorais" do Goberno galego e o PP e pediu á Xunta que convoque "dunha vez" os sindicatos e o sector educativo para abordar a planificación do curso, e pediu que abandone o seu papel de "descargar a responsabilidade" noutras administracións, como está a facer estes días Alberto Núñez Feijóo "co rebrote na Mariña" e os concellos desa comarca.