O curso 2020/21 en Galicia terá un día máis de aulas do habitual. Serán 176 xornadas lectivas fronte as habituais 175, que é o mínimo que marca o Ministerio de Educación. Así se acordou este martes logo da mesa sectorial entre a Consellería e os catro principais sindicatos educativos para acordar un calendario escolar que comeza o 10 de setembro no 2º ciclo de Infantil, en Primaria e en Educación Especial e o 16 para ESO, FP e Bacharelato e que remataría o 22 de xuño.
O curso 2020/21 en Galicia terá un día máis lectivo do habitual; a volta das vacacións de Nadal será o venres 8 de xaneiro
Malia que os sindicatos procuraron suprimir un deses días lectivos e deixalos en 175 ampliando unha xornada as vacacións de Nadal, a Xunta non o aceptou. A rapazada volverá ás aulas un venres, o 8 de xaneiro, e marchará de vacacións o 23 de decembro, mes no que haberá ponte sobre o día 7. O período de descanso da Semana Santa irá do 27 de marzo ao 5 de abril e no Entroido, non serán lectivos 15, 16 e 17 de febreiro.
O sindicato maioritario no ensino, a CIG, criticou que a Consellería fixese "unha proposta para un curso normal, como se non pasase nada". "É un copia e pega do calendario de cursos anteriores e non se fai ningún tipo de consideración ao respecto das posíbeis incidencias que poden existir a principio de curso", en referencia aos posibles efectos da covid, ou pola existencia de probas da EOI ou probas de acceso en setembro.
Os sindicatos critican que o calendario escolar "non teña en conta a situación provocada pola covid" e sexa "un calco do do curso pasado"
Tamén CCOO advertiu de que o calendario "non ten en conta a situación provocada pola covid e supón un calco do calendario do curso pasado".
A CIG denuncia ademais que a Xunta non tivese en conta a súa proposta dun "período de adaptación flexíbel que poida modificarse en función das decisións que tome o equipo docente". "A duración deste período, tanto para reducilo como para amplialo, debe responder á realidade do alumnado e non depender dunha decisión burocrática como é unha orde. Debemos primar a autonomía dos centros", asegura, nunha crítica na que coincidiron outros sindicatos.