Profesorado de toda Galicia expresa o seu malestar pola falta de directrices e apoio da Xunta para adaptarse ao coronavirus

Profesorado do IES David Buján ©

Os últimos tres meses do curso escolar nos centros de ensino galego estiveron marcados pola incerteza e pola necesidade de adaptarse rapidamente a unha situación completamente nova e cambiante. A pandemia de coronavirus obrigou a mudar as clases presenciais polos contidos telemáticos e o regreso ás aulas, nas últimas semanas, fíxose improvisando en certa maneira solucións para garantir a seguridade da comunidade educativa.

A plataforma 'Profesorado en pé' está a organizarse en toda Galicia, compartindo as súas inquedanzas e demandas, plasmadas en escritos que están a ser aprobados polos diferentes Claustros 

En setembro dará comezo un novo curso e farao nunha "nova normalidade" na que se debe tentar combinar o normal funcionamento do sistema cunha serie de medidas de prevención que impidan os contaxios. Porén, a día de hoxe son moitas as cousas que aínda se descoñecen sobre como será este regreso as aulas, unha situación que está a crear un importante malestar entre o profesorado, que esixe da Xunta directrices claras, protocolos, investimento e medidas de apoio para a posta en marcha do vindeiro curso escolar.

O profesorado galego pide directrices claras para a actuación ante a pandemia ©

"Isto naceu do malestar producido polo abandono que sufriu o conxunto da comunidade educativa. O único que recibimos por parte da Consellería de Educación foron presións e peticións apresuradas"

A plataforma 'Profesorado en pé' está a organizarse en toda Galicia, compartindo as súas inquedanzas e demandas, plasmadas en escritos que están a ser aprobados polos diferentes Claustros e que están dirixindo á Consellería de Educación. 

"Isto naceu do malestar producido polo abandono que sufriu o conxunto da comunidade educativa: profesorado, alumando e familias. O único que recibimos por parte da Consellería de Educación foron presións e peticións apresuradas", din dende o IES da Terra Chá, que iniciou este proceso hai xa algúns días, aprobando un documento inicial que posteriormente distribuíron entre outros moitos centros de todo o país. Posteriormente, outros Claustros aprobaron cadanseu escrito, semellante a este inicial, pero adaptado ás circunstancias e necesidades de cada lugar. 

Lembran que "o traballo docente sostívose, nunha porcentaxe abrumadora, pola colaboración entre os profesionais e cos recursos achegados polos docentes"

O profesorado organízase ao redor dunha serie de esixencias concretas e baixo o lema “O profesorado contra o desartellamento do ensino” e, así mesmo, amosa a súa unidade en fotos colectivas que está a compartir nas redes sociais. 

Subliñan que "o profesorado, desde o comezo do confinamento, temos dado probadas mostras do noso compromiso profesional e emocional co noso alumnado. Tivemos que adaptar o noso traballo ás novas circunstancias, fixémolo ás présas e cun importante custo, non só profesional ou emocional". E lembran que "o traballo docente sostívose, nunha porcentaxe abrumadora, pola colaboración entre os profesionais e cos recursos achegados polos docentes: ordenadores, conexións, teléfonos móbiles, aplicacións, dispoñibilidade horaria sen restricións...".

O profesorado galego pide directrices claras para a actuación ante a pandemia ©

A delegación de responsabilidades nos equipos directivos e a ausencia de instrucións de cara á organización do vindeiro curso 2020-2021 son dúas das cuestións máis criticadas

A delegación de responsabilidades nos equipos directivos e a ausencia de instrucións de cara á organización do vindeiro curso 2020-2021 son dúas das cuestións máis criticadas. "Nós entendemos que no primeiro momento a improvisación era algo normal, porque ninguén se enfrontara nunca a isto, pero chega un momento en que temos que deixar de ser comprensivas coa administración. Onde está a administración? Delegouse totalmente no profesorado e tamén nas familias a responsabilidade de atender esta emerxencia educativa", denuncian dende o instituto lucense. 

Critican, así mesmo, que "estamos a 3 de xullo e aínda non sabemos como imos organizar os grupos. En función diso teremos que facer en poucos días as peticións de profesorado e aínda non sabemos se vai haber redución de ratio ou imos continuar cos mesmos grupos". Neste senso, os escritos piden "diminuír a ratio de estudantes por aula de maneira significativa", algo ao que a Xunta en principio se amosa contraria, e "aumentar o cadro de persoal para poder prestar unha atención eficaz ó noso alumnado, particularmente ós que necesitan reforzo educativo ou teñen necesidades educativas especiais". 

Os escritos piden "diminuír a ratio de estudantes por aula de maneira significativa", algo ao que a Xunta en principio se amosa contraria, e "aumentar o cadro de persoal para poder prestar unha atención eficaz ó noso alumnado"

Entre as medidas demandas está a de fornecer os centros cos materiais de protección necesarios para garantir o dereito á saúde de tódolos seus membros e, igualmente, asumir o custo que supoña para os centros os gastos extraordinarios ocasionados pola pandemia do COVID-19. "As traballadoras e os traballadores do ensino temos dereito a desenvolver o noso traballo en condicións certas de seguridade, temos dereito a que a Administración nos dote dos medios e a formación necesarios, eficaces e seguros que nos permitan prestar o mellor servizo á cidadanía, temos dereito a que se nos teña en conta na toma de decisións e a ser tratados con respecto e consideración", conclúen.

O profesorado galego pide directrices claras para a actuación ante a pandemia ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.