Chegou o virus con coroa, pechou colexios, e encerrou á infancia e adolescencia na casa cos proxenitores. E aí comezaron a pensar nesas persoas que aturaban ás súas criaturas, ou aos insolentes mozas e mozos, e conseguían que aprenderan
Noutros tempos había un respecto pola mestra ou unha valoración polo profesorado. Eran persoas que sabían e ensinaban á infancia e adolescencia. Se a profesora daba queixas, o rapaz recibía unha mocada na casa, ou un castigo.
Eu vivín de modo diferente os estudos dos meus, pero nunca se me ocorreu xulgar ou criticar un ou unha profesora. Independentemente do que eu pensase, sempre serían respectados. Era un ben para eles, máis que para os mestres. Se o alumnado non valora ao profesorado non aprenderá.
A democracia, que tanto ben fai en moitos aspectos na sociedade, foi mal levada nos centros de ensino. Se lle concederon ás familias unhas interferencias nos sistemas educativos que foron moi negativos. Cando daba clase, pensaba, que dereito tiña a nai ou pai do alumnado en meterse no meu oficio, cando eu non tiña ningunha posibilidade de xulgar a educación que lle daban na casa, que en ocasións dificultaba o meu traballo.
A cousa foi a peor, e houbo situacións moi desagradables, que roldaron o delito, e en xeral unha desvalorización do profesorado e unha defensa por parte dos pais do alumno suspendido ou reprendido. Aínda que a maioría non teña a mesma cultura para poder xulgar. A crítica ou descreto que manifesten os proxenitores polos profesorado vai en detrimento dos propios fillos.
Pois mira por onde, chegou o virus con coroa, pechou colexios, e encerrou á infancia e adolescencia na casa cos proxenitores. E aí comezaron a pensar nesas persoas que aturaban ás súas criaturas, ou aos insolentes mozas e mozos, e conseguían que aprenderan.
Neste tempo de reclusión estabeleceuse unha relación entre o profesorado e os proxenitores do alumnado de todas as idades, moi íntimo, que sería moi importante que se mantivera
O profesorado traballou durante estes meses de reclusión máis aínda que en situacións normais. Grazas a internet e os ordenadores, enviáronlles, a pequenos e maiores, traballos para que non perderan o tempo e seguiran en contacto cos temas de estudo, as prácticas e artes. Moito tiveron que cismar e dar cos métodos eficaces. Nunca foran adestradas para isto, nin os centros escolares tiñan pautas para atender estas situacións. Houbo que empregar a imaxinación, cada quen na súa casa, e pensar no mellor para o alumnado.
Teño un neto de 4 anos e sei como aprendía os números en inglés, ou como debuxaba os obxectos que lle mandaban, ou facía bolboretas coas mans, ou representaba un cadro dun famoso pintor, etc. Claro, os proxenitores debían colaborar, e non todos tiñan a cultura necesaria. Pero tamén, en certos casos, foron aprendendo. E, desde logo, en xeral, decatáronse do que sabían os cativos ou maiores, de como o aprendían, e de que o facían grazas a persoas que traballaban e se atafegaban para conseguilo.
Saimos ás fiestras e balcóns para aplaudir o servicio sanitario que tan heroicamente se portou, pero non deberíamos esquecer ao profesorado
Neste tempo de reclusión estabeleceuse unha relación entre o profesorado e os proxenitores do alumnado de todas as idades, moi íntimo, que sería moi importante que se mantivera. E sobre todo se fomentou unha valoración de tantas e tantos profesionais, que sen adestramento para unha guerra que os distanciaba e os encerraba, utilizando internet e os aparellos os comunicaba, se esforzaron en dar o mellor de si e traballar a eito para responder á crítica situación.
Saimos ás fiestras e balcóns para aplaudir o servicio sanitario que tan heroicamente se portou, pero non deberíamos esquecer ao profesorado que neste tempo de reclusión dedicou moitas horas e moito esforzo para que o alumnado continuase en contacto coas materias de ensino. Parabéns!!