Dende hai anos, todos os meses de xullo están marcados polos peches de escolas unitarias nas zonas rurais de Galicia. A Consellería de Educación segue un criterio polo que ningún centro escolar debe estar aberto se non chega a un mínimo de seis nenos e nenas matriculadas, buscando unha "xestión eficiente dos recursos". Deste xeito, dende o curso 2005-06 pecharon 213 destas escolas unitarias no país, levando á distribución do alumnado restante polos centros da contorna.
Dende o ano 2006 pecharon 213 escolas unitarias en Galicia
Este verán a Consellaría de Educación aínda non publicou a relación de unidades escolares creadas e suprimidas e dos centros que pechan por completo, algo que adoita facer nos últimos días de xullo. Con todo, hai xa algunhas escolas que coñecen o seu futuro para o vindeiro curso. É o caso da EEI de Luaña, unha pequena escola unitaria do Concello de Brión que conta neste momento con cinco nenos e nenas matriculadas. A Consellería de Educación comunicoulle á única mestra do colexio a supresión da súa praza, unha decisión que leva aparellada a desaparición da escola.
Lucía Forján, representante da anpa de Luaña, manifesta a súa sorpresa e o seu malestar polo peche. Explica que "como non tivéramos ningunha notificación e non sabiamos o que ía pasar coa escola", o pasado 3 de xullo un grupo de nais e pais mantiveron unha xuntanza co inspector de Educación de zona, que lles comunicou "que a orde que tiñan era a de que continuase a escola e que el non sabía se ía pechar". Tamén lles indicou que debían remitir un escrito coa súa consulta ao Xefe Territorial da Consellaría de Educación. Porén, esa mensaxe nunca tivo resposta. O 15 de xullo, tres días despois da eleccións ao Parlamento galego, a mestra da unitaria de Luaña recibiu a notificación de que a súa praza ía ser suprimida.
O 15 de xullo, tres días despois da eleccións ao Parlamento galego, a mestra da unitaria de Luaña recibiu a notificación de que a súa praza ía ser suprimida
Os cinco nenos e nenas da unitaria de Luaña deberán ser distribuídos entre os restantes colexios do concello, sobre todo o CEIP de Pedrouzos, pero tamén a EEI de Sabaxáns e a EEI de Os Ánxeles. As nais e pais que conforman a comunidade educativa da escola de Luaña subliñan non só a "calidade" de ensino que os seus fillos e fillas perderán co peche do centro, senón tamén os riscos engadidos que esta decisión ten neste momento, no que precisamente se tentan poñer en marcha medidas de prevención de contaxios de Covid-19.
"Os criterios de peche que priorizan son os economicistas fronte o dereito constitucional de protección da saúde das nosas crianzas"
Neste senso, a comunidade educativa de todos os centros escolares de Brión, composta polas anpas de todos estes colexios do concello e mais do IES de Brión, difundiu un comunicado no que rexeitan o peche da EEI de Luaña e critican os criterios empregados pola Xunta para o peche de escolas. "Os criterios de peche que priorizan son os economicistas fronte o dereito constitucional de protección da saúde das nosas crianzas, xa que dita escola cumpre coa totalidade de requisitos sanitarios esixidos e é a definición de 'aula-burbulla' proposta". Ademais, alertan de que "estes nenos van recabar en aulas xa de por sí masificadas nos outros centros do concello e aumentarán a problemática xa presente nos servizos de comedor e autobús".
"Estes nenos van recabar en aulas xa de por sí masificadas nos outros centros do concello e aumentarán a problemática xa presente nos servizos de comedor e autobús"
O Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino, publicado hai uns días pola Consellaría de Educación, recolle unhas instrucións moi xerais para previr a aparición de contaxios, pero entre elas aparecen a distancia física nas aulas (posible naquelas aulas cun ratio de alumnado reducido), o obxectivo de que nenos e nenas non cambien de aula ou a regulación de circulacións e de entradas e saídas para evitar aglomeracións. Criterios que unha escola con cinco alumnos e alumnas cumpría á perfección e que serán máis difíciles de implementar en centros máis masificados, coma o de Pedrouzos, que supera os 20 alumnos e alumnas por aula.
Tamén se recollen unha serie de medidas excepcionais para os servizos de transporte e comedor escolar, un dos principais motivos de preocupación no CEIP de Pedrouzos, onde o comedor conte cun número moi elevado de usuarios e usuarias.
Lucía Forján defende, sobre todo, a calidade de ensino da que ata agora viñan gozando as alumnas e alumnos da escola de Luaña. "É unha unitaria rural, pero moi ben dotada. Temos pantalla dixital, ordenador e os nenos teñen moito sitio para xogar. Estamos completamente satisfeitos", di. "Nos últimos anos fóronnos quitando recursos: orientadora, profesor de educación física..., pero a mestra sempre conseguiu suplir estas dificultades", sinala.
"Aquí o ensino é completamente personalizado. Temos unha calidade educativa que non imos atopar en ningún outro lugar", di
"Aquí o ensino é completamente personalizado, estamos en contacto permanente coa mestra e as familias formamos parte da comunidade educativa dunha maneira completamente activa. Temos unha calidade educativa que non imos atopar en ningún outro lugar", conclúe, engadindo ademais que aínda se entende menos o peche "na actual situación", cando se buscan medidas para previr os contaxios por coronavirus: "non se está a pensar na saúde dos nenos", que van "masificar" outros centros.
Forján alerta, ademais, do dano que este peche lle provocaría a todas as aldeas da contorna e á propia comunidade: "Esta é unha zona completamente rural e o punto de encontro dos nenos é a escola. Se pechan a escola van abandonar completamente a zona, e van abandonar completamente os nosos nenos e nenas", resume.
As nais e pais da escola de Luaña van levar a cabo medidas de presión e mobilización para reclamar que o seu centro continúe aberto, "moito máis na actual situación". Ademais do comunicado conxunto asinado pola comunidade educativa de Brión, tamén os tres grupos que conforman a corporación municipal (PSdeG, PP e BNG) remitiron un escrito conxunto á Consellaría de Educación reclamando a continuidade da unitaria.
A protesta chegou tamén á Valedora do Pobo e, igualmente, nais e pais participarán este martes na concentración convocada polos sindicatos educativos ante a Consellaría de Educación, en demanda dunha redución de ratios e de máis apoio ao centros para aplicar medidas de prevención e seguridade ante a Covid.