Todos os veráns por estas datas reprodúcense en distintos puntos do país protestas de nais e pais e do resto da comunidades educativa por mor da supresión de prazas de profesorado e de unidades educativas nos centros de ensino, sobre todo na zona rural, pero non só. En ocasións o recorte leva ao peche do conxunto do colexio, como vén sucedendo coas escolas unitarias cando fican con cinco matrículas ou menos. As mobilizacións máis recentes tiveron como escenario Verducido (Pontevedra) e Pedroso (Narón).
O número de mestres e mestras pasou de máis de trinta mil (30.029) a algo máis de 28 mil (28.194), un descenso do 6%
Cada ano as supresións e recortes afectan a un ou outro concello, pero unha avaliación completa da evolución seguida na última década polos centros públicos galegos amosa un escenario de peches e reducións de persoal que atinxe a practicamente todo o país. Os número falan. Entre 2008 e 2018 o número de mestres e mestras nos centros educativos galegos de titularidade pública pasou de máis de trinta mil (30.029) a algo máis de 28 mil (28.194), un descenso de 1.835 profesionais, un 6,1%.
Nunha ducia de localidades o recorte foi total, pechando todos os centros de ensino existentes
O descenso afectou á maior parte de Galicia. De feito, 221 concellos viron diminuír o número de mestres e mestras que daban clase nos centros de ensino da localidade; en 23 lugares non houbo cambios; e só en 57 houbo incrementos de prazas docentes. Os restantes 13 concellos non contaban hai unha década con ningunha escola, colexio ou instituto. Así pois, o 73% dos concellos con centros de ensino sufriron recortes de profesorado.
Nunha ducia destas localidades o recorte foi total, pechando todos os centros de ensino existentes. Trátase de Trátase de Negueira de Muñiz, Ourol, Ribeira de Piquín, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, Gomesende, Xunqueira de Espadanedo, Larouco, Lobeira, Montederramo, San Xoán de Río e Vilar de Santos, que se unen aos outros 13 concellos que xa carecían deste servizo.
Os recortes de profesorado chegaron tamén a cidades como Vigo (111 mestres menos), Ferrol (-99), Ourense (-61), Pontevedra (-52) e Lugo (-28)
Son localidades ourensás e lucenses, rurais e con grandes problemas de despoboamento, as zonas máis afectadas por este proceso. Porén, os recortes de profesorado chegaron tamén a cidades como Vigo (111 mestres menos), Ferrol (-99), Ourense (-61), Pontevedra (-52) e Lugo (-28). E a importantes vilas como Monforte, Marín, Vilalba, Verín, Ribadavia, As Pontes, Fene, Santa Comba, Malpica, Ribadeo, Muros ou O Porriño, que en conxunto perderon case 500 prazas.
Que localidades gañan máis profesorado? Son, sobre todo, concellos que están a rexistrar un crecemento poboacional sostido, cunha porcentaxe de residentes novos moi superior á media galega: Cambre, Barbadás, Brión, Ponteareas, Arteixo, Culleredo ou Ames, ademais da cidade de Compostela
Un dos argumentos empregados con máis frecuencia para xustificar os recortes de profesorado e de unidades é o do descenso de matrículas motivado pola caída na natalidade. Con todo, as estatísticas amosan que mesmo nos niveis de Infantil e Primaria, os que xa deberían estar sufrindo este efecto, o número de alumnos e alumnas é moi semellante ao que había hai unha década.
O número de alumnos e alumnas é moi semellante ao que había hai unha década, rexistrándose mesmo un incremento en Primaria e un leve descenso en Infantil
Estes dous ciclos suman 193.390 alumnos e alumnas, seis mil máis que no ano 2008, un aumento do 3%. En Infantil si que se produciu un descenso do 5,5% (uns tres mil nenos e nenas), mentres que en Primaria rexistrouse un crecemento de máis de cinco mil matrículas (+7,5%).
Analizando os datos por concellos, vemos como o alumnado de Infantil e Primaria medra en todas as cidades (agás Ferrol) e en concellos próximos ás sete urbes, como Culleredo, Ames, Arteixo, Narón, Oleiros, Sada, Carballo, A Laracha ou Salceda de Caselas. Con todo, chama tamén a atención o importante incremento que se produce en concellos como Boborás, Outeiro de Rei, Toén, O Pereiro de Aguiar, Coirós, San Amaro, O Valadouro, San Sadurniño e Corcubión. Hai, ademais, diferenzas entre niveis. Mentres que o alumnado en Infantil medra en 101 concellos, en Primaria faino en 133.
Ademais das zonas máis rurais e despoboadas, entre os concellos que na última década perderon máis alumnos a alumnas de Infantil e Primaria están localidades como Fisterra, O Carballiño, Mondariz-Balneario, Malpica, O Grove, Boiro, Ferrol, Tui, Verín, Tomiño, Muros, Marín, O Barco de Valdeorras e Poio, todas con 100 matrículas menos, como mínimo.
Só en Infantil e Primaria desapareceron case tres mil unidades na última década (de 10.470 a 7.603), un descenso do 27%
En paralelo ao descenso no número de prazas de profesorado, tamén veñen reducíndose as unidades educativas, as aulas coas que conta cada centro de ensino para atender aos alumnos matriculados e matriculadas. No conxunto de Galicia, só en Infantil e Primaria desapareceron case tres mil unidades na última década (de 10.470 a 7.603), un descenso do 27%.
Neste caso, o recorte afectou de forma moi destacada ás sete cidades, que perderon máis do 30% das súas unidades de Infantil e Primaria. Só 44 concellos viron incrementado o seu número. Entre elas, Sada, Abegondo, San Sadurniño, Barro, Burela, Arteixo, Coles, Brión, Salceda de Caselas e Outeiro de Rei.