A Escola de Educación Infantil de Verducido (Pontevedra) ten sido sinalada nos últimos anos como un exemplo de centro de ensino no rural. O proxecto educativo deste pequeno colexio, a súa situación rodeado de natureza, a posta en valor da vida no rural, un amplo conxunto de actividades, a posta en marcha dunha horta ecolóxica ou o feito de impartir no mesmo centro os dous primeiros cursos de Primaria conseguiron atraer un gran número de familias de fóra da parroquia, mesmo algunha do centro de Pontevedra.
O centro fica con dúas mestras para dar clase a un total de 31 nenos e nenas de entre 3 e 8 anos
Porén, ao igual que lles está a suceder a moitas outras escolas de zonas rurais de todo o país, a EEI de Verducido vén de ser vítima dos recortes de profesorado e aulas impostos polo Goberno galego e xustificados pola diminución de alumnado matriculado. Este martes o centro recibiu unha notificación da Xunta coa supresión de unha das tres prazas de profesorado que ata agora viñan impartindo Infantil e os dous cursos de Primaria, ficando o centro con apenas dúas mestras para dar clase a un total de 31 nenos e nenas de entre 3 e 8 anos.
O recorte, que afecta ao ciclo de Infantil, xustifícase pola redución de 21 a 17 no número de matrículas, o que segundo o Goberno galego impide contar con dúas aulas diferenciadas para os nenos e nenas de 3 a 6 anos, de xeito que os 17 nenos e nenas compartirán unha aula e unha mestra. Os 14 alumnos e alumnas de Primaria contarán con outra mestra.
A Escola de Educación Infantil de Verducido foi sinalada nos últimos anos como un exemplo de centro de ensino no rural
A ANPA do centro di estar "abraiada pola decisión de eliminar unhas das aulas en lugar de atender a súa reivindicación de recuperar o persoal de anos anteriores" e alertan de que "no caso da ausencia puntual dunha das mestras, unha soa teríase que facer cargo de máis de 30 alumnos de 3 a 8 anos". Subliñan así mesmo que "unha delas realiza ademais funcións de dirección, secretaría e xefatura de estudios". A entidade convocou para este xoves ás 20.30 horas unha cazolada no centro para pedir o mantemento das dúas aulas de Infantil para asegurar "o mantemento da calidade educativa mínima"
"Este é un colexio que é vangarda en innovación pedagóxica, un referente en toda a provincia de Pontevedra, que é capaz de atraer alumnado da cidade cara ao rural, algo que é moi raro en Galicia", destacan. E salientan que "o apoio ao rural e o mantemento da escola pública pasa porque rematen os recortes de persoal e peches de escolas". Neste senso lembran que "a directiva do Consello escolar do Estado aconsella manter unidades de 8 alumnos/as nas escolas rurais a fin de apoiar a aposta pola vida" nestas zonas. "Para isto, hai que manter os recursos e as escolas do rural", conclúen.
"O apoio ao rural e o mantemento da escola pública pasa porque rematen os recortes de persoal e peches de escolas"
Este xoves o Xefe Territorial da consellería de Educación en Pontevedra, César A. Pérez Ares, confirmou nunha entrevista en Radio Pontevedra-Cadena Ser a supresión dunha das tres prazas de profesorado, afirmando que "hai unha realidade evidente, que temos unha caída demográfica importantísima" e sinalando que "as excepcionalidades o único que traen son desequilibrios e problemas". Na entrevista, o representante do Goberno galego botou balóns fóra e sinalou que a decisión vén imposta polo catálogo de postos de traballo fixado por Inspección de Educación. Ademais subliñou que a Xunta decidiu manter "a excepcionalidade do colexio de Verducido", ao non suprimir a unidade de Primaria, da que moitas Escolas de Educación Infantil non dispoñen.
A situación que se está a vivir en Verducido repítese todos os anos por estas datas, unha vez que cada centro vai coñecendo o número de aulas, unidades e prazas de profesorado coas que contará para o curso seguinte. En moitos casos estes recortes fan emerxer mobilizacións lideradas por nais e pais e pola veciñanza destes lugares, como sucedeu hai dous anos co CEIP Emilio Navasqüés de Outes ou o CPI Monte Caxado das Pontes ou o pasado ano no Colexio Padre Feijóo de Allariz ou no IES de Brión. En pouco máis dunha década a Xunta pechou máis de 200 escolas unitarias.
En pouco máis dunha década a Xunta pechou máis de 200 escolas unitarias
Un proceso de degradación da escola pública e dos demais servizos básicos no rural que contrastan cos discursos do Goberno galego sobre a protección e impulso destas zonas. No ano 2016 o presidente da Xunta afirmou repetidamente que esta tiña que se "a lexislatura do rural" en Galicia, unha exaltación das políticas neste ámbito que repetiu nas últimas campañas para as eleccións xerais e municipais, nas que afirmou que "o único partido que ten un programa para o rural é o PP". Unhas ideas que esta mesma semana volveu poñer sobre a mesa, ao anunciar novas medidas de fomento á natalidade e á infancia no medio rural. Medidas que contrastan coas eivas no sistema educativo.
O caso de Pedroso (Narón)
Familias e veciñanza de Pedroso concentráronse esta semana en Ferrol ante a sede da Xunta, esixindo a reapertura do colexio
Ao caso de Verducido únese o do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Pedroso, en Narón. O centro, con máis de 60 anos de historia, pechou o pasado curso por falta de matrículas, comprometéndose a Xunta a reabrilo o ano que vén se se acadaban as 5 pre-inscricións mínimas, sinala a ANPA. Nais e pais subliñan que foron 6 as matriculacións, pero que aínda así estes nenos e nenas foron escolarizados nas súas segundas opcións (Unitaria de Sedes, San Sadurniño e CEIP Ayala).
Familias e veciñanza de Pedroso concentráronse esta semana en Ferrol ante a sede da Xunta, esixindo a reapertura do colexio e o cumprimento dos compromisos adquiridos polo Goberno galego o pasado curso. "O que hoxe está acontecendo en Pedroso xa aconteceu noutras parroquias, noutros concellos, noutras escolas e mañá, de seguro, acontecerá nas vosas escolas", sinalaban. A protesta foi apoiada pola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro (TeGa), que lle lembrou á Xunta que o Concello cumprira coas súas obrigas no referido ao mantemento do centro e das súas instalacións.