O peche de colexios fai revivir as protestas contra os recortes educativos da Xunta

Manifestación contra o peche de centros educativos en torno a San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Unha reacción en rede fronte a decisións gobernamentais con efectos a quilómetros de distancia entre si. O Goberno de Alberto Núñez Feijóo vén transitando dende o inicio da súa terceira lexislatura con maioría absoluta por unha senda de razoable paz social. O propio resultado electoral, a mellora relativa da situación económica e as inxeccións económicas do último ano compuxeron un cadro que a Consellería de Educación vén de rachar coa "reorganización" de colexios, isto é, co peche de dous colexios e a fusión de aulas en varios máis que, comunicado no penúltimo día do curso escolar, vén de facer revivir as protestas contra os recortes educativos do Goberno galego.

O pechamento do CPI Monte Caxado das Pontes e mais do CEIP Emilio Navasqüés de Outes -co traslado do seu alumnado a centros próximos-, a supresión da ESO nos CPI Tomás de Lemos (Ribadavia) e Ribeira (O Porriño) e a supresión de prazas docentes no IES de Celanova ou CEIP de Calo (Teo) deixaron este xoves de seren conflitos illados para unírense nunha única mobilización fronte á sede central da Xunta en Santiago. Familias enteiras, docentes, sindicatos da educación e os líderes das tres forzas da oposición parlamentaria puxéronse tras as pancartas, moitas delas de factura artesanal, e uniron as súas voces en berros contra os recortes acompañados por instrumentos procedentes de aulas de música.

Os peches de dous colexios e a supresión e reestruturación de aulas noutros deixaron de seren conflitos illados cunha mobilización conxunta ante a sede central da Xunta

"Mans arriba, isto é un atraco" ou "a nosa escola non se pecha" foron algunhas das consignas máis repetidas nunha mobilización que pola banda pontesa tivo un reforzo tan inusual como contundente. Máis de 150 camións de transporte de carbón que operan na localidade marcharon en caravana xunto á decena de autobuses que transportaron a estudantes, profesorado, familias e políticos locais encabezados polo alcalde e presidente da Deputación da Coruña, Valentín García. As forzas de seguridade non permitiron que os camións accedesen ao centro de Santiago polo risco de colapso do tráfico, pero a súa presenza nos accesos á capital galega, na contorna do polígono do Tambre, si contribuíu a facer máis evidente o regreso ao tempo das mobilizacións nunha cidade que na última semana tamén foi escenario de protestas polas folgas do transporte e do metal e, este mesmo xoves, de manifestacións de persoal de seguridade privada e do dispositivo de extinción de incendios forestais. Ante o impedimento á entrada algúns dos camioneiros deixaron os seus vehículos para sumárense a pé á marcha.

"Mexan por nós e din que optimizan"

"Mexan por nós e din que optimizan", rezaba unha das pancartas que compartiron espazo ante San Caetano. Docentes e familias reiteran que o feito de que as unidades escolares non sexan suprimidas e só trasladadas non varía o seu rexeitamento. "Non somos só números", claman dende o Emilio Navasqüés de Outes. Na Xunta, lamentan ANPA e docentes do CEIP de Calo, falta "empatía" e "diálogo" e sobra "improvisación". O feito de que as decisións chegasen a última hora, co curso rematado, contribúe a incrementar a indignación en todos estes centros; é o caso do Monte Caxado das Pontes, onde como en todos os demais a mudanza chega en pleno proceso de matrícula e mesmo de asignación de libros de texto para o vindeiro curso.

Docentes, familias e sindicatos, lamentan a falta de "empatía" da Consellería e que tome decisións que semellan "ocorrencias" sen planificación de "proxectos educativos"

Neste sentido exprésase tamén a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público a través de Fernando Lacaci, tamén representante da Confederación de Anpas Galegas. O Goberno, lamenta, ignora os "proxectos educativos" e non para a pensar que un colexio ou instituto "non é un establecemento económico" e que o seu peche ten repercusións académicas, pero tamén sociais e económicas. "Un lugar sen centros escolares esmorece e morre, perde habitantes e perde ilusión, perde tecido comercial e perde futuro". O conselleiro Román Rodríguez, lamenta, está a protagonizar "unha ocorrencia tras outra" sen contar coa comunidade educativa "pero non estamos sós, nótase ben", sinala en compaña do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, quen advirte de que as mobilizacións non van dar "un paso atrás".

Apoio de toda a oposición

A mobilización das comunidades educativas das Pontes, Outes, Ribadavia ou Teo recibiu o apoio en Santiago das tres forzas da oposición parlamentaria encabezadas por cadanseus voceiros, dous dos cales, Luís Villares e Ana Pontón, reclaman xa a dimisión do conselleiro. "Debe dimitir", di o voceiro de En Marea, porque hai apenas unha semana compareceu no Parlamento e fixo balance do curso "sen dar conta de que isto ía pasar", o que amosa que actúa "de costas á comunidade educativa, sen consultar as necesidades" de docentes, alumnado e familias. "Sen sanidade, educación e servizos públicos non hai posibilidade de facer vida" fóra das cidades, sinala Villares, quen afirma que as persoas que volven protestar contra os recortes educativos "non están soas, téñennos a nós".

Villares e Pontón coinciden en reclamar a dimisión de Román Rodríguez

O silencio de Rodríguez no Parlamento sobre estes peches e reestruturacións é tamén reprochada polo voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen ve "inaceptable" que a Conselería actúe "con premeditación e aleivosía" para executar "recortes de centros inxustificados". "Hai que establecer criterios obxectivos e claros" para determinar "onde se precisan novos centros e onde é posible facer axustes", pero "dá a impresión de que a discreacionalidade e a improvisación" pasaron a ser "norma" na Xunta, lamenta o socialista.

Leiceaga: "Hai que establecer criterios obxectivos para abrir e pechar centros, pero dá a impresión de que a improvisación é a norma"

Para a portavoz nacional do BNG a mobilización deste xoves ratifica que a Xunta "non pode" continuar a "facer ouvidos xordos e contando milongas". "Paréceme lamentable a campaña de mentiras e manipulación mediática, dicindo que non hai peche de centros", sinala a nacionalista, quen censura que o PP volva presentarse como "experto en desmantelar o ensino público". Os peches, agrega a líder do Bloque, son unha "inmoralidade" mentres o PP afirma que "xa non hai crise", pero tamén porque chegan xusto despois de que a propia consellería "blindase" os concertos con colexios privados ata o ano 2023.

As críticas á decisión chegan tamén dende a política local nun dos concellos afectados nos que goberna o PP, Outes, pola banda da primeira forza da oposición municipal, Compromiso por Outes. "É inconcibible que unha decisión así se tome sen consultar", reprocha o voceiro municipal, Manuel González, quen subliña que o peche do Emilio Navasqüés se produce, paradoxalmente, "cando por primeira vez en anos se incrementa o número de estudantes no colexio". "É patético", resume.

Alumnado e familias de Outes, contra o peche do Emilio Navasqüés CC-BY-SA Praza Pública
Membros da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, na cabeceira da manifestación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.