0 Gardados para despois

A Xunta tenta desactivar con cartos antes da campaña os principais conflitos sociais

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O sector lácteo, os mariñeiros, os brigadistas forestais ou algunhas entidades do terceiro sector foron nos últimos anos unha dor de cabeza para o Goberno galego polas súas protestas e capacidade de mobilización social. Moitos dos seus problemas teñen orixes distantes no tempo, pero é nas últimas semanas, a piques de comezar a campaña electoral para as autonómicas do 25 de setembro, cando a Xunta está a anunciar medidas coas que tentar acalar parte das súas reclamacións. E faino fundamentalmente a través da achega de cartos xa que, segundo di o propio presidente Feijóo, “neste momento hai posibilidade” de facelo.

Este xoves o Consello da Xunta aprobou unha liña de axudas de 10 millóns de euros para atender os danos causados polos incendios forestais, unhas subvencións que outros anos chegaron máis tarde ou sen tanta propaganda por parte do Goberno galego. Tamén este xoves Feijóo salientou a importancia do acordo acadado esta semana co persoal da Xunta que loita contra os incendios para mellorarlle as súas condicións salariais e laborais. Terán categoría de bombeiro forestal, poderán xubilarse antes ou pasar a actividades de menor esixencia física cando acaden determinada idade, e os que son persoal laboral indefinido poderán converterse en funcionarios. Cunha mobilización xa convocada de todo o sector, o Goberno galego desactiva así polo menos as reivindicacións dos 2.000 traballadores autonómicos (non así dos brigadistas subcontratados a través da empresa pública Seaga ou das contratas privadas como Inaer ou Natutecnia).

Tamén este xoves Feijóo anunciou que a Xunta axudará con 70.000 euros aos mariñeiros galegos que traballaron en barcos de Noruega e que reclaman tamén nas rúas que ese país lles pague a pensión que xeraron alí. Serán uns fondos cos que se sufragarán os gastos nos que incorra o colectivo na denuncia internacional que presentará contra o país nórdico. Porén, un voceiro dos afectados xa rexeitou a medida. "É unha manobra electoral; somos vellos, non imbéciles", di.

Feijóo nega o electoralismo das súas medidas e argumenta que as toma xusto antes dos comicios porque "neste momento hai posibilidade" económica de facelo

Preguntado tanto polas axudas económicas aos mariñeiros e á recuperación dos montes como pola mellora laboral dos bombeiros forestais, Feijóo negou este xoves que ambas medidas teñan carácter electoralista. Segundo dixo, se non se adoptaron ata o de agora foi porque “ninguén pode dar o que non ten”, mentres que “neste momento hai unha posibilidade de atender” esas reclamacións. “Imos seguir atendendo as cuestións que nos parecen máis xustas”, asegurou o presidente.

Outra explicación temporal é a que deu Feijóo tamén este xoves sobre o anunciou que el mesmo realizou o mércores de que unha empresa pretende construír en Curtis unha planta con capacidade para procesar o 17% de todo o leite que se produce en Galicia. A firma foi constituída en febreiro e a planta non comezará a operar ata 2019, pero o proxecto anúnciase xusto cando os gandeiros viñan de convocar diversas protestas pola continua caída do prezo do leite. Segundo Feijóo, os tempos elixidos débense a que é agora cando a empresa ten xa os terreos necesarios. Pero aínda deberá pór en marcha o proxecto, que requirirá un investimento de 70 millóns de euros no que contará con axudas públicas que a Xunta aínda non detallou.

Un día antes, o vicepresidente, Alfonso Rueda, asinaba convenios por un importe total de 12.000 euros con varios colectivos LGTBI. O propio PP galego, que leva máis de sete anos na Xunta, eloxiaba que “por primeira vez un goberno galego axuda” ás entidades que loitan contra a discriminación desas persoas.

O propio PP salientou esta semana que xusto agora “por primeira vez un goberno galego axuda” aos colectivos LGTBI, cun total de 12.000 euros

O Consello da Xunta da semana pasada tamén tivo a súa dose de medidas para as que agora non parece haber problemas económicos, como o Goberno galego esgrimía hai non moito escudándose na herdanza recibida. Hai unha década que a Xunta subvenciona, no marco do que denomina como transporte metropolitano, tanto as viaxes que calquera cidadán realiza entre as principais cidades e os municipios da súa contorna, como o transbordo gratuíto entre eses servizos interurbanos e o transporte urbano. Os concellos tamén achegan cartos a  ese sistema, aínda que en moita menor medida. O xoves pasado o Goberno galego aprobou que, desde este mesmo luns, os mozos de ata 19 anos non paguen as viaxes metropolitanas, e o propio Feijóo instou ás seis cidades con transporte metropolitano (Pontevedra non ten e do resto só Ourense é gobernada polo PP) a que apliquen a mesma medida para as viaxes dos mozos no transporte exclusivamente urbano.

Ese mesmo día o Goberno galego aprobou axudas por medio millón de euros para os viticultores da Ribeira Sacra afectados en xornadas anteriores por unha forte treboada. E un día antes o Hospital Lucus Augusti comezaba a tratar aos primeiros cinco pacientes no seu agora estreado servizo de Medicina Nuclear, unha vella reivindicación da sociedade lucense á que o propio Feijóo lla prometera cinco anos antes.

Non son as únicas reclamacións que rexeitara ou adiara ata o de agora o Goberno galego con argumentos económicos e que está a atender xusto antes das eleccións. Igual que este xoves se melloraron as condicións dos bombeiros forestais, hai unhas semanas a Xunta aumentou a categoría dos axentes forestais. O Goberno galego aboará das arcas públicas a formación necesaria para que o persoal que non contaba cos estudos requiridos no novo nivel poida obter o título necesario e acceder así á mellora salarial. Do mesmo xeito, nuns días está previsto que o persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vexa atendida a súa reclamación de ser equiparado co resto do persoal da Xunta.

Medidas simbólicas sen custo

Outras vellas reivindicacións agora atendidas non lle están a custar á Xunta tantos cartos de xeito directo antes das eleccións. É o caso da Área Metropolitana de Vigo, que leva tres lustros negociándose e que non será constituída formalmente ata o outono. Porén, o propio Feijóo quixo escenificar o pasado 27 de xullo o esforzo que fai pola que di que é a súa cidade, pero na que o PP vén colleitando sucesivos fracasos electorais, asinando en público en Vigo, nun xesto inédito, a lei pola que o Parlamento creou esa nova administración.

Os conselleiros están visitando xusto agora no exercicio do seu cargo, e non como os candidatos do PP que tamén son, os principais colectivos relacionados coas súas áreas

No ámbito dos xestos públicos, varios membros da Xunta están viaxando por toda Galicia nas últimas semanas reuníndose, en exercicio do seu cargo e non como candidatos do PP, que tamén o son, cos colectivos máis representativos das súas respectivas áreas de xestión. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, está a percorrer todas as confrarías de pescadores de Galicia, para as que este mesmo xoves o propio Feijóo anunciou un investimento de 3,8 millóns de euros para a modernización dos sistemas tecnolóxicos das lonxas. O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, estase a reunir con todo tipo de asociacións de afectados e hai unha semana puxo en funcionamento o denominado Bono Coidado, que subvenciona ás familias que requiran axuda no domicilio para o coidado dos fillos en determinadas circunstancias. E o conselleiro de Economía, Francisco Conde, está a visitar un bo número de empresas galegas de éxito que contan con axudas públicas.

O anuncio de achegas e atencións para diversos colectivos e territorios do país a poucos meses das eleccións galegas garda certa semellanzas co plan no que traballaba o derradeiro goberno de Manuel Fraga pouco antes de que, finalmente, a presión da dirección estatal do PP levase o patrón da dereita española a adiantar as eleccións a xuño de 2005 e non celebralas en outubro, como correspondía. Tal e como admitiron membros daquel Executivo, os conservadores galegos apostaban por unha política de "chuvia fina", un "maná" con pequenas achegas económicas para practicamente "todos" os concellos galegos co que procuraban manter a maioría absoluta. Dende a madrileña rúa de Génova forzouse o adianto e en San Caetano non deu tempo a preparar o devandito "maná". Pouco despois, Fraga perdía a Xunta por un só escano.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.