Os retallos de información que chegaron ás comunidades educativas de catro localidades galegas na véspera do fin do curso escolar e que as sacaron á rúa xunto a docentes, estudantes e familias doutros concellos polas mudanzas nos planteis de profesorado. O Diario Oficial de Galicia recolle este martes os efectos concretos da "reorganización de centros docentes" en Outes, As Pontes, Ribadavia e O Porriño que, como anticiparan nos municipios atinxidos, implica o peche de dous colexios, o envío do seu estudantado a outros centros e mais a "transformación" doutros dous.
Os colexios que botan o ferrollo son o CPI Monte Caxado das Pontes e o Emilio Navasqüés de Outes. O colexio pontés "extínguese", tal e como reflicte o decreto da Consellería, e por mor deste peche é trasladado o alumnado das súas 17 unidades (3 de Infantil, 6 de Primaria e 8 de ESO). Os estudantes de Infantil e Primaria son trasladados ao CEIP A Magdalena e os de Secundaria, ao IES Moncho Valcarce. No caso do Emilio Navasqüés a fórmula legal para o seu peche é a da "integración": fica fusionado co colexio Serra de Outes e dá lugar a un centro con nova denominación, CEIP de Outes, con 6 unidades de Infantil e 12 de Primaria.
O CPI Monte Caxado das Pontes "extínguese" e o Emilio Navasqüés de Outes desaparece pola vía da fusión
No caso dos CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e da Ribeira, no Porriño, a mudanza principal consiste na perda dos niveis da ESO. No colexio ourensán as ensinanzas de Secundaria son trasladadas ao IES do Ribeiro e no porriñés, ao IES Ribeira do Louro, ambos nos mesmos concellos. Unha vez realizadas estas operacións a Consellería "determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados", xa que no caso do persoal con praza perden o seu destino.
Centro | Concello | Operación | Destino |
---|---|---|---|
Emilio Navasqüés | Outes | Fusión | Unido ao ao CEIP Serra de Outes co nome CEIP de Outes |
CPI Monte Caxado | As Pontes | Extinción | Infantil e Primaria: CEIP A Magdalena |
ESO: IES Moncho Valcarce | |||
CPI Tomás de Lemos | Ribadavia | Transformación | Infantil e Primaria: no centro |
ESO: IES o Ribeiro | |||
CPI da Ribeira | O Porriño | Transformación | Infantil e Primaria: no centro |
ESO: IES Ribeira do Louro |
Alén da concreción dos peches e traslados o decreto deste martes inclúe tamén unha ampla xustificación política da decisión, na que a xestión da información xerou practicamente a mesma controversia que os propios peches. Esta "revisión da rede de centros", di a Consellería, obedece á "realidade sociolóxica e educativa" e á necesidade de "optimización dos recursos". As mudanzas, indica, realízanse "garantindo a escolarización de forma satisfactoria do alumnado afectado, sen menoscabo dos seus dereitos a recibir unha educación de calidade e "respectando as esixencias de ratio e de postos de traballo docentes".
A Xunta asegura que esta "optimización de recursos" obedece á "realidade sociolóxica e educativa" e terá "efectos pedagóxicos positivos"
Sempre segundo o decreto, esta "reorganización" vai traer consigo "efectos pedagóxicos positivos para o alumnado de Educación Infantil e Primaria" porque "o traslado permitirá aos centros dispoñer de máis espazo" e o profesorado poderá "centrarse en proxectos educativos máis acordes coa tipoloxía do alumnado". Pola banda da ESO, di a Consellería, o alumnado vai ser "beneficiado" porque se vai "integrar en grupos de estudo máis amplos" que "permiten aumentar a oferta educativa en determinadas materias que necesitan un número mínimo" de estudantes e, ademais, "participará dunha contorna socioeducativa máis afín nun centro no que poderá cursar tamén o bacharelato.
Esta xustificación política do Goberno galego contrasta coas críticas das comunidades educativas afectadas, das centrais sindicais e da oposición parlamentaria galega. A xuízo da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, convocante das mobilizacións da pasada semana, a Xunta obviou os "proxectos educativos" dos centros afectados e está a xestionar colexios como se fosen "establecementos económicos", sen ter en conta as súas repercusións sociais e económicas. Os peches e fusións, agregan, semellan responder máis a "unha ocorrencia tras outra" que a un plan a medio ou longo prazo.