A Xunta pecha outras seis escolas unitarias e un colexio por non chegaren á media ducia de matrículas

Mobilización contra o peche da escola unitaria de Carnoedo, en Sada, que a Xunta ratifica © Sada Maioría

Como cada mes de xullo, Galicia volve perder escolas unitarias. O criterio da Consellería de Educación segundo o cal, en aras da "xestión eficiente dos recursos", ningún centro escolar que non logre un mínimo de seis matrículas pode seguir aberto, no curso 2019-20 non volverán abrir media ducia de escolas unitarias e, adicionalmente, tamén será pechado un colexio de educación infantil e primaria.

Carnota perde dúas escolas unitarias e confírmanse cadanseus peches en Mugardos, Vigo, Cuntis e Sada

Tal e como figura na orde publicada este luns no Diario Oficial de Galicia, o municipio máis afectado polos peches é desta volta Carnota, que perde dun golpe as escolas unitarias de Portocubelo e do Viso por quedaren en 4 e 5 matrículas, respectivamente, segundo informa  Consellería de Educación. En Mugardos pecha a unitaria do Seixo, á que lle faltou unha matrícula para chegar ás 6, o mesmo que á de Zamáns, en Vigo. En Cuntis bota o ferrollo a unitaria de Arcos de Furcos e ademais, Sada despídese definitivamente da escola unitaria de Carnoedo.

Os peches de escolas unitarias seguen a dinámica habitual dos últimos anos, nos que o criterio de non manter aberto ningún destes centros rurais que non teña un mínimo de seis matrículas se mantivo, retroalimentándose coa profunda crise demográfica. En apenas unha década as unitarias pechadas xa foron máis de 200. Ao catálogo de peches únese desta volta tamén un colexio, o CEIP da Polveira, en Trazo.  

Alén das escolas suprimidas Educación concreta tamén a "reorganización de unidades" escolares en función do aumento ou diminución do alumnado. Un ano máis as creacións non compensan as supresións, polo que o balance volve ser negativo. Por provincias, a única que gaña unidades é Lugo, con seis máis. No conxunto do país, a redución é de 42, segundo os datos divulgados pola Xunta.

O saldo das creacións e supresións de unidades escolares formalizadas pola Consellería de Educación volve ser negativo no curso 2019-20, con 42 menos

Deste proceso procurou escapar, precisamente, o colexio da vila lucense de Trabada. Diante da anunciada supresión da súa unidade de Educación Infantil, no CEIP Celso Currás, o goberno municipal decidiu ofrecer vivenda de balde a familias con fillos e fillas de entre 3 e 6 anos. Ao chamamento do Concello responderon xa varias familias polo que, segundo confirmou a Praza.gal a alcaldesa, Mayra García, o goberno local confía en sortear a orde da Consellería para culminar as matrículas e manter aberta a unidade de Infantil, aínda que o documento publicado no DOG inclúe a supresión.

Educación reitera en que os peches responden á "obriga de realizar unha xestión eficiente" e pon o foco en que prevé abrir seis novos colexios

Como en anos anteriores a Consellería de Educación insta a lembrar que este é un "proceso habitual" que ten como obxectivo "adecuar a estrutura de cada centro educativo ao alumnado que ten matriculado". "Responde -di o departamento agora dirixido por Carmen Pomar- á obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos educativos sostidos con fondos públicos, adecuándoos tanto ás necesidades educativas de cada zona como á realidade social".

Adicionalmente a Xunta aposta por poñer o foco en que está a "atender a demanda de escolarización" en "determinadas zonas de maior dinamismo demográfico". Mostra disto, agrega, é que prevé construír seis novos colexios no barrio coruñés de Novo Mesoiro, no do Sagrado Corazón en Lugo, no Milladoiro (Ames) e mais en Arteixo, Vilalonga (Sanxenxo) e Tui.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.