Galicia incrementou a súa poboación durante o segundo semestre do ano 2018, rachando así unha xeira de descensos consecutivos que se iniciara no ano 2012. Segundo as cifras provisionais publicadas este martes polo INE, con 2.700.330 habitantes o noso país recupera o nivel dos 2,7 millóns que perdera hai seis meses por primeira vez dende o ano 2003. Este reaxir demográfico non está motivado por un incremento no número de nacementos, que de feito acadou o pasado ano un novo mínimo histórico, senón na mellora dos fluxos migratorios, en especial pola chegada de inmigrantes dende fóra de España.
A pesar do leve incremento do número de habitantes no último semestre, o dato sitúase por debaixo das cifras rexistradas un ano antes (2.703.149), acumulándose un descenso de case 72 mil habitantes dende o ano 2012.
O saldo vexetativo leva décadas sendo negativo e a diferenza entre defuncións e nacementos vai facéndose máis grande cada ano que pasa. No 2018 foi de -15.854. Este dato foi equilibrado polos saldos migratorios, tanto o interautonómico (fluxos dende o resto do Estado e en dirección a outras comunidades), que é positivo (+252) por primeira vez dende o ano 2012, como sobre todo polo saldo exterior (+12.884), é dicir, a diferenza entre as persoas que que dende Galicia marchan ao estranxeiro e aquelas que chegan ao noso país dende fóra de España.
O saldo migratorio exterior é positivo dende o ano 2015, pero nos últimos tres anos vén experimentando un crecemento moi importante, motivado principalmente polo aumento na chegada de persoas procedentes de América Latina, especialmente dende Venezuela.
Durante o ano 2018 un total de 22.260 persoas chegaron a vivir a Galicia procedentes de fóra de España. A cifra leva en ascenso dende o 2013 e máis que duplica o dato que se rexistraba no 2015. Mentres, as saídas cara ao estranxeiro (9.376) mantéñense nin nivel estable dende o ano 2014, despois do máximo que acadaran no 2013 (12.300), no peor momento da crise económica.
No que atinxe aos fluxos en dirección a outras comunidades autónomas ou procedentes delas, no 2018 a chegada (ou regreso) de persoas dende o resto de España experimentou un pequeno descenso, cortando unha tendencia de crecemento que iniciara en 2012. Pola súa banda, as saídas cara a outros territorios do Estado mantéñense estables, aínda que a súa tendencia é á baixa dende o ano 2015.
O saldo migratorio interautonómico é moi negativo no grupo de idade entre 15 e 35 anos (-920), o que amosa que a mocidade galega segue a marchar a outras zonas do Estado
Aínda que o saldo co resto do Estado foi positivo en 2018 (chegaron máis persoas das que marcharon), hai grandes dirferenzas por idade. O saldo migratorio interautonómico é especialmente positivo para Galicia no grupo de idade de 0 a 15 anos (+189), entre 35 e 65 anos (+663) e por riba de 65 anos (+320). Porén, é moi negativo no grupo de idade entre 15 e 35 anos (-920). O saldo resultante da xente nova que emigar a outros territorios do Estado mellora nos dous últimos anos, pero segue a ser moi negativo.
A emigración galega cara a outras comunidades diríxese sobre todo a Madrid (3.197), Cataluña (1.737) e Canarias (1.531). De igual xeito, a inmigración procedente do resto do Estado chega principalmente dende estes tres territorios.
Cómpre lembrar, en todo caso, que a meirande migración de Lugo e Ourense segue dirixíndose á Coruña e Pontevedra máis que cara a outras comunidades autónomas ou a países fóra de España.
Entre as 22.260 persoas que chegaron a Galicia procedentes do estranxeiro, case o 30% foron venezolanas, seguidas moi de lonxe polas procedentes de Brasil, Colombia e Cuba
Entre as 22.260 persoas que chegaron a Galicia procedentes do estranxeiro, case o 30% foron venezolanas (6.202), seguidas moi de lonxe polas procedentes de Brasil (1.890), Colombia (1.615) e Cuba (920). Portugal (829), Perú (690), Arxentina (622), Marrocos (608) e a República Dominicana (547) tamén sumaron continxentes importantes, nunha lista na que predominan os países latinoamericanos.
A inmigración procedente de Venezuela experimentou un crecemento exponencial nos últimos anos: das 811 persoas que se rexistraran no 2014 pasouse a 1.459 un ano despois, 2.576 en 2016, 4.368 en 2017, ata chegar ás 6.202 do pasado ano. O resto de nacionalidades tamén está a rexistrar incrementos moi importantes; por exemplo, a chegada de persoas procedentes de Marrocos ou Senegal máis que se duplicou nos últimos dous anos. O mesmo sucedeu coa inmigración con orixe en Cuba, Arxentina, Brasil, Colombia, Perú ou Uruguai, que tamén duplicou as súas cifras dende o 2016. Cómpre salientar igualmente o aumento rexistrado no número de inmigrantes procedentes de Nicaragua, México ou Honduras.
O 63% das persoas que chegan dende fóra de España ten menos de 40 anos
En canto á idade destes novos e novas residentes, cómpre salientar que o 23% ten menos de 20 anos e o 63% ten menos de 40, superando os 65 anos menos do 10% do total.
A análise das persoas que o pasado ano marcharon ao estranxeiro dende Galicia revela que en boa medida a cifra está composta por fluxos de ida e volta. Entre as 9.376 saídas, menos dun terzo (2.880) corresponderon a persoas nacidas en España, mentres que portugueses, romaneses, brasileiros e venezolanos sumaron en conxunto unha cantidade semellante.