É o ano 1900. Galicia conta con case dous millóns de habitantes, máis do 10% dos 18,6 millóns que viven no Estado Español. Milleiros de persoas están a emigrar a América -Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil...)- dende os portos da Coruña e Vigo, algúns con viaxe de ida e volta. O 57% dos homes e o 22% das mulleres sabe ler e escribir. Francisco Silvela e Marcelo Azcárraga ocupan a Presidencia do Consello de Ministros antes do regreso de Sagasta ao cargo en 1901. Un rapaz de 14 anos chamado Alfonso Daniel Rodríguez Castelao acaba de regresar dende a Arxentina. Non existe aínda a Estrella Galicia (1906), nin o Deportivo (1906) nin o Celta (1923).
A Estrada era o quinto concello máis poboado do país. Ortigueira, A Fonsagrada e Lalín situábanse entre os dez primeiros. E pouco despois aparecían Chantada, Pantón, O Saviñao ou Mondoñedo
Nese ano a poboación galega seguía a ser eminentemente rural. A Coruña era a localidade máis poboada, con menos de 44.000 habitantes (aínda non se anexara ao termo municipal o antigo Concello de Oza). Vigo era o sexto concello do país (pouco máis de 23 mil habitantes), pero na cidade aínda non se incluían os datos de Bouzas e Lavadores, concellos independentes. Lugo con 27 mil, Ferrol (sen Serantes) con 25 mil e Compostela (sen Conxo e Enfesta) con 24 mil sumaban máis poboación que a cidade olívica.
A Estrada era o quinto concello máis poboado do país, con case 24 mil habitantes, tres mil máis dos que ten na actualidade. Ortigueira (18 mil), A Fonsagrada (17 mil) ou Lalín (16 mil) situábanse entre os dez concellos máis habitados. E Chantada (15 mil), Pantón (13 mil), O Saviñao (11 mil) ou Mondoñedo (10.500) aparecían pouco despois.
Dous de cada tres concellos (208) perderon habitantes, mentres que só 94 gañaron residentes
De feito, son moitas as localidades que en 1900 contaban con máis poboación da que teñen na actualidade. En concreto, dous de cada tres concellos (208) perderon habitantes, mentres que só 94 gañaron residentes. Nalgúns casos non é posible establecer a comparación, pois a comezos do século XX os concellos aínda non existían (A Pontenova, Ribeira de Piquín, Pontecesures, Cariño, Negueira de Muñiz, Mondariz-Balneario, A Illa de Arousa, Burela, Ramirás...).
Os efectos da caída demográfica, do envellecemento da poboación e de décadas de migracións exteriores e interiores son claros ao comparar os datos dos concellos en 1900 e 2018. Durante boa parte do século XX (sobre todo na segunda metade) comezan a producirse os fenómenos de despoboamento da zona rural e de concentración da poboación nas zonas urbanas e no eixo atlántico que agora continúan, aceleradas. Na actualidade, o 85% dos concellos galegos perden poboación cada ano e tan só 16 concellos teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65.
Se se observa o mapa coa poboación que cada concello tiña no ano 1900, a foto-fixa é ben distinta á actual, na que o eixo da AP-9 entre Ferrol e Tui (no que se inclúen as conurbacións de Ferrol, A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo) concentra a gran maioría dos habitantes do país.
Carballedo, Chantada, Pantón, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón, Taboada, Quiroga, Folgoso do Courel, Samos e Sarria sumaban case 150.000 habitantes
Por exemplo, o sur da provincia de Lugo estaba moi poboado: Carballedo, Chantada, Pantón, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón, Taboada, Quiroga, Folgoso do Courel, Samos e Sarria sumaban case 150.000 habitantes, fronte aos pouco máis de 60 mil da actualidade. Na Montaña lucense, A Fonsagrada, Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes, As Nogais e Pedrafita sumaban 50.000 residentes, mentres que hoxe roldan os 11.000. O mesmo sucedía no interior da provincia de Pontevedra, onde A Estrada, Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Rodeiro sumaban 90.000 habitantes.
Había ademais importantes diferenzas no equilibrio interno das distintas comarcas. Vemos, por exemplo, que Verín, Vilardevós, Riós ou Laza tiñan unhas cifras de poboación moi semellantes, mentres que hoxe Verín duplica á suma das restantes localidades. De igual xeito Viana do Bolo, a Veiga ou O Bolo contaban con máis habitantes que O Barco, sumando 15 mil residentes entre os tres.
Destaca, así mesmo, o peso que daquela tiña Mondoñedo (por riba dos 10 mil habitantes), Palas de Rei (9.800) ou Vimianzo (8.637). Ou o poboados que estaban os antigos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras, que sumaban máis de dez mil, o dobre que na actualidade.
O seguinte mapa permite ver a evolución demográfica que cada concellos e comarca experimentaron entre 1900 e 2018: en verde as zonas que gañan poboación e en marrón as que a perden. Medra o eixo atlántico e todas as grandes cidades, xunto coas súas áreas circundantes. Hai que ter en conta, ademais, que todas as urbes agás Lugo engadiron novos territorios aos seus termos municipais: Serantes, Oza, Conxo, Lavadores, Canedo, Xeve...
Cae todo o interior (sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense), agás algúns núcleos comarcais que concentran parte da poboación que perden os concellos da contorna (pero só unha pequena parte)
E perde todo o interior (sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense), agás algúns núcleos comarcais que concentran parte da poboación que perden os concellos da contorna (pero só unha pequena parte). Así, fronte ás perdas xeneralizadas da maior parte dos concellos lucenses e ourensáns, crecen Foz, Monforte, O Barco, Verín, Xinzo, O Carballiño, Lalín, Sarria, Melide ou Vilalba. Tamén o fai de forma moi destacada As Pontes, atraendo a parte da migración dos concellos da súa contorna.
O litoral gaña poboación en case todos os casos, agás na Mariña lucense (tan só o fan Foz, Viveiro e Ribadeo), o Ortegal (medra Cedeira, pero con grandes perdas para Ortigueira e Mañón) e a contorna da Costa da Morte, onde só aumentan Cee e Camariñas, con importantes descensos para Ponteceso, Muxía, Vimianzo, Carnota, Dumbría...
Un gran número de concellos perdeu máis do 80% da súa poboación
Ademais das sete cidades, os concellos que máis aumentan son Vilagarcía de Arousa, Oleiros e Narón, que multiplican por cinco a súa poboación; Ames, Culleredo e Cambre, que a cuadriplican; e Poio, Arteixo, Cangas, Moaña, Nigrán, Barbadás, Verín, Baiona, O Porriño, O Grove ou Redondela, que a triplican.
No extremo contrario atopamos un gran número de concellos que perden máis do 80% da súa poboación: O Incio, Pantón, Muras, Cervantes, Ourol, Montederramo, O Bolo, Samos, Parada de Sil, Navia de Suarna, Folgoso do Courel, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, A Teixeira ou A Veiga.