Tan só 16 concellos teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

O IGE vén de publicar os indicadores de poboación correspondentes ao ano 2018, unhas cifras que seguen a debuxar un país cada vez máis envellecido, mesmo nas áreas urbanas. A idade media da poboación galega chega por primeira vez aos 47 anos, cun incremento de tres anos e medio na última década (44,41 en 2008). Hai ademais grandes diferenzas por provincias, entre os 45,29 anos de Pontevedra e os 50,49 de Ourense.

 A idade media da poboación galega chega por primeira vez aos 47 anos

Ademais, a porcentaxe de galegos e galegas que superan os 65 anos rolda xa o 25% do total da poboación (24,89%), cun aumento de tres puntos na última década (21,62% en 2008). En paralelo, a proporción de mozos e mozas menores de 20 anos mantense por debaixo do 16% (15,92%), iso si, mantendo un nivel semellante ao de hai dez anos (15,96% en 2008). De novo, hai grandes diferenzas por territorios, destacando o 31,2% de maiores de 65 anos que xa rexistra Ourense, moi por riba do 28,8% de Lugo, o 24,3% da Coruña e o 22,1% de Pontevedra.

Albiscando o futuro inmediato, os datos deixan claro que o envellecemento da poboación se acelerará nas vindeiras dúas décadas. O índice de estrutura da poboación en idade activa é un bo indicador da distribución interna das xeracións intermedias, alén da mocidade e da terceira idade. Entre 1975 e o ano 2000 este índice mantívose estable entre 82 e 85 puntos sobre cen; é dicir, por cada 85 galegos e galegas entre 40 e 65 anos había 100 entre 15 e 40 anos, o que aseguraba unha renovación natural cando a xeración de máis idade chegaba á súa xubilación.

Na actualidade hai 147 persoas entre 40 e 65 anos por cada 100 entre 15 e 40

Porén, a partir da entrada no século XXI, este índice comezou a crecer, pasando en só 17 anos do 84% ao 147% puntos. É dicir, na actualidade hai 147 persoas entre 40 e 65 anos por cada 100 entre 15 e 40, polo que a substitución dun grupo por outro xa non se pode dar. Este fenómeno de rápido envellecemento pode observarse na diminución do peso electoral da mocidade nas últimas dúas décadas.

Por concellos. A Galicia moza é cada vez máis pequena

Analizando os datos concello a concello obsérvase ademais unha enorme desigualdade territorial, cunha gran parte do país profundumente envellecido e só algunhas zonas cun certo equilibrio demográfico. Porén, son cada vez menos e tamén esta Galicia moza comeza a envellecer.

Hai 5 anos eran 26 os concellos que tiñan máis xente moza que maior de 65 e hai 10 anos eran 37, toda unha mostra deste rápido envellecemento

Os concellos nos que hai máis poboación menor de 20 anos que maior de 65 anos comezan a ser unha excepción. Na actualidade son unicamente 16, situados case todos nos arredores das grandes cidades da fachada atlántica (A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo): Ames, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Oroso, Teo, Gondomar, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Salceda de Caselas e Soutomaior. Coas excepcións, iso si, de Burela e de Barbadás, en Lugo e Ourense.

Hai 5 anos eran 26 os concellos que tiñan máis xente moza que maior de 65 e hai 10 anos eran 37, toda unha mostra deste rápido envellecemento. No resto do país hai aínda un grupo de concellos nos que os dous grupos de idade presentan un certo equilibrio, pero son xa 215 localidades (máis de 2 de cada 3) nas que os maiores de 65 cando menos duplican os menores de 20. E en 87 a diferenza é de 5 a 1: cinco maiores de 65 por cada menor de 20 anos.

Os récords

  • Ames é o concello coa menor media de idade e o único por debaixo de 40 anos (39,63). Ségueno Salceda de Caselas, Oroso, O Porriño, Ponteareas, Arteixo, Barbadás e Culleredo.
  • Semellante é a lista de localidades cunha porcentaxe maior de poboación menor de 20 anos, de novo encabezada por Ames (23%). E de igual xeito Ames é o concello cunha menor proporción de maiores de 65 anos (un 12%)
  • San Xoán de Río é o concello máis envellecido de Galicia, cunha media de idade de 62,48 anos. Ségueno Lobeira, Calvos de Randín, Verea e Larouco.
  • A lista de concellos cunha maior proporción de poboación maior de 65 anos presenta algunhas diferenzas, situándose Calvos de Randín, Larouco, Verea, Lobeira e O Irixo por diante de San Xoán de Río. Todos eles por riba do 51%.
  • Lobeira, Verea, Montederramo, Calvos de Randín, Parada de Sil e Navia de Suarna son os concellos cunha maior desproporción entre os dous grupos de idade. En todos eles hai cando menos 10 maiores de 65 anos por cada mozo ou moza menor de 20.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.