Comeza a tempada de caza, que na última década deixou 1,8 millóns de animais mortos en Galicia

Os exemplares cazados van en aumento malia a caída progresiva de licenzas de caza CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A tendencia de exemplares abatidos é ascendente malia a caída de licenzas, que a Xunta tenta reverter coa renovación gratuíta e automática para maiores de 65 anos

Este domingo 19 de outubro comeza a tempada xeral de caza en Galicia, que rematará o 6 de xaneiro. Porén, as diversas excepcións contempladas pola normativa segundo as especies fan que se poidan cazar uns ou outros animais durante practicamente todo o ano, no que poden caer mortos máis de 180.000 animais. Esa é a cifra media de exemplares de todo tipo cazados na última década, cun total de 1,8 millóns de animais mortos, pero a tendencia é ascendente malia a caída de licenzas.

A Xunta non fai públicos os datos de animais cazados en cada tempada, que se coñecen polas recompilacións anuais que fai o Estado. A última tempada de caza con datos completos é a 2022-23, na que foron matados en Galicia preto de 222.000 animais, récord da serie histórica, con 80.000 exemplares máis que unha década antes. 

Da seguinte tempada, a 2023-24, xa se coñece a cifra da caza menor, con máis de 86.000 aves e máis de 85.000 mamíferos, pero aínda non a da caza maior, que viña superando os 20.000 exemplares ao ano, polo que a cifra total podería situarse en preto de 195.000 exemplares, novamente por riba da media da última década.

Esta tendencia ascendente, coa interrupción da pandemia da COVID-19, contrasta coa progresiva caída de licenzas. Se hai unha década superaban as 46.000, agora roldan as 34.000. Son 12.000 menos, pero se hai dez anos cada licenza abatía unha media de 3 exemplares, agora son máis de 5 os cazados de media con cada permiso.

As 34.000 licenzas autonómicas de caza actuais son 12.000 menos que as de hai unha década, pero se daquela cada cazador abatía unha media de tres pezas ao ano, agora son máis de cinco

Ante a caída progresiva de licenzas, a Xunta vén amosando o seu apoio económico expreso aos cazadores nas sucesivas convocatorias electorais. Ademais, se a comezos do pasado ano, ás portas das eleccións galegas, o Goberno galego decidía renovar de balde as licenzas a maiores de 65 anos, hai un ano ampliou esa medida e pasou a considerar indefinidos eses permisos para as persoas de máis idade. A medida fará difícil saber nos vindeiros anos se seguen a contabilizarse como cazadores a persoas que realmente xa se retiraron da actividade pero ás que o Goberno galego renova igualmente a autorización.

Na caza maior o xabaril, con 18.000 exemplares e á alza, vén estando á cabeza das especies cazadas, e na caza menor lidera o coello, cuns 70.000 exemplares ao ano

Os anuarios do ministerio permiten poñer algunhas cifras a que especies veñen sendo as máis cazadas. O coello, cuns 70.000 exemplares ao ano, vén estando á cabeza, seguido de varias especies de aves. Na caza maior, o xabaril é con diferenza a especie máis cazada, con cifras que pasaron de 15.000 a máis de 18.000 na última década, cuns últimos anos nos que a Xunta foi autorizando a caza sen límite en cada vez máis comarcas. Só para este ano, segundo a decisión feita oficial este venres, hai unha lixeira rebaixa do territorio no que se permite a caza libre do xabaril, con 254 concellos, seis menos que o ano anterior. 

Unha caza libre do xabaril que desde as organizacións ecoloxistas contrapoñen co feito de que o Goberno galego queira poder cazar tamén lobos, depredadores dos xabarís e cuxa poboación axudarían tamén a conter.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.