O tribunal, á espera de analizar o fondo da cuestión, considera que os danos no gando "aínda que non son irreversibles, si son indemnizables", mentres que os prexuízos para a especie protexida poderían ser maiores
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir un auto, con data deste martes 10 de xuño, co que paraliza cautelarmente a aplicación dunha resolución aprobada pola Xunta en abril que abría a porta á posibilidade de cazar lobos para "xestionar" a especie. O auto di que, á espera de analizar o fondo da cuestión e emitir unha sentenza, a posta en práctica da resolución da Xunta podería afectar á viabilidade das poboacións desa especie protexida.
O tribunal, presidido pola maxistrada María Azucena Recio González e conformado tamén por Enrique García Llovet, relator do auto, José Antonio Parada López e Antonio Martínez Quintanar, aplica na súa decisión, instada por WWF-Adena, o "principio de precaución ambiental".
O auto explica que na adopción das medidas de xestión que se contemplan na resolución da Xunta, conforme á memoria xustificativa, "atópase o control de lobos co fin de previr e paliar os danos á gandería". Con todo, recalca que, "na ponderación obrigada nesta medida cautelar, a este só efecto, deses danos na gandería, dun lado, e, doutro, a protección da viabilidade das poboacións de lobo", débese ter en conta que sobre "os danos á gandería non se ofrece información nin cualitativa nin cualitativa", así como que eses danos á gandería, "aínda que non son reversibles, si son indemnizables".
O auto cita o último censo de lobos da Xunta, que esta divulgou presentando a evolución da especie como "positiva" malia que o documento sinalaba só que era "estable"
Os maxistrados advirten que o auto cautelar "non pode anticipar o sentido da resolución final do litixio no que atende ao fondo do debate" senón que pondera entre os bens xurídicos en risco. Nesa liña, o tribunal lembra que, conforme a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, "o principio de precaución se impón tanto na área concernida pola resolución como na avaliación extensa, que integra a áreas limítrofes, pero tendo que ser favorable o estado das poboacións en ambos os escenarios e non só nun deles", ao que engade que, coa provisionalidade inherente a este incidente e á limitada proba practicada ata o momento, existen "indicios consistentes, coas mesmas limitacións probatorias, dunha cualificación desfavorable respecto do estado das poboacións".
Para iso o auto cita, entre outros, o último censo da poboación de lobos elaborado pola Xunta, que o Goberno galego divulgou asegurando que a súa evolución era "positiva" cando realmente os datos sinalaban unha situación "estable".