Hai un mes o Goberno galego divulgou datos parciais do estudo que encargou sobre o estado de conservación do lobo que o documento oficial matiza
O pasado 21 de decembro o Goberno galego fixo pública unha nota de prensa na que asegurou que “o censo do lobo realizado pola Xunta estima 93 mandas reprodutoras en Galicia e confirma a evolución positiva da especie”. Engadía que se distribuiría polo 91% do territorio galego.
Porén, o documento oficial non fala en ningún momento de “evolución positiva”. Conclúe que as poboacións de lobo “mantéñense estables” cunha estimación segundo dous métodos distintos de análise de 92 ou 93 mandas reprodutoras e unha distribución no territorio do 91%, fronte ás 90 mandas e 94% do territorio do anterior censo de 2013/2015.
A comezos de 2021, en pleno enfrontamento da Xunta co Goberno de España pola maior protección que o segundo acabou dando ao lobo ibérico, o Goberno galego decidiu encargar un novo censo da especie en Galicia, xa que o último era do período 2013-2015. O contrato foi asinado en maio de 2021 por 63.000 euros e un prazo de execución de 10 meses, pero non se volveu saber del ata o pasado decembro, cando a Consellería de Medio Ambiente divulgou a nota de prensa coa que ofreceu algúns datos parciais do estudo.
O lobo esténdese polo 91% do territorio de Galicia fronte ao 94% do censo de 2015, con mandas compartidas con Asturias, Castela e León e Portugal
Porén, o resumo executivo do documento oficial presenta varios matices a respecto da nota de prensa. Se a nota falaba de 93 mandas reprodutoras detectadas fronte ás 90 do anterior censo, o que era presentado como unha “evolución positiva” e un “estado favorable de conservación”, o documento oficial ofrece dúas cifras distintas, 92 ou 93 mandas reprodutoras segundo dous métodos distintos de estimación para concluír que “as poboacións de lobo ibérico en Galicia mantéñense estables, en termos xerais”. O documento oficial en ningún momento emprega as palabras “positiva”, “favorable” ou ningunha derivada das mesmas. A Xunta tamén falaba do “bo estado” da especie, valoración que tampouco aparece no documento oficial.
Por outra banda, na súa nota a Xunta dicía que a distribución da especie chega ao 91% do territorio galego "manténdose a súa área de distribución territorial". A cifra do 91% si está tirada do documento oficial do último censo, pero non se mantén senón que se reduce a respecto do 94% do territorio do censo anterior.
Segundo dous métodos de estimación distintos o estudo calcula entre 736 e 837 exemplares, pero as mandas reprodutoras son a clave para o futuro da especie
Nese eido o documento oficial reflicte que “a presenza do lobo é xeneralizada en todo o territorio galego, fóra das grandes cidades e o Baixo Miño”, con mandas “compartidas” con Asturias, Castela e León e Portugal.
Canto ao número de exemplares, menos representativo para o futuro da especie que o de mandas reprodutoras, o documento oficial recolle estimacións segundo dous métodos distintos, de xeito que “asumindo un número de lobos/manda de 8-9 exemplares despois da reprodución” unha das estimacións que fai é de 744-837 exemplares de lobo e outra de 736-828 exemplares.