A Xunta mantén a súa oposición ao plan do Goberno central para ampliar a protección legal do lobo, unha posición que defende xunto cos gobernos de Castela-León, Cantabria e Asturias e que este martes acompañou da aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei no Parlamento galego, na que o PP contou co apoio do PSdeG.
PP e PSdeG demandan no Parlamento que o Goberno central reconsidere a decisión de outorgar unha maior protección a esta especie
Este luns representantes dos gobernos de Galicia, Castela-León, Cantabria e Asturias mantiveron un encontro coa ministra de Transición Ecolóxica Teresa Ribera no que lle demandaron que "reconsidere" a decisión e reclamaron que os gobernos autonómicos "contan cunha maior información e cos coñecementos necesarios para controlar de maneira adecuada a especie e garantir o equilibrio necesario na súa convivencia co sector gandeiro e a actividade humana". Os catro gobernos territoriais pediron "ser as comunidades que lideren a estratexia nacional para a conservación do lobo ibérico".
A ministra Ribera anunciou que, malia as críticas das catro comunidades autónomas, o proceso para outorgar unha maior protección ao lobo segue adiante
A ministra Ribera anunciou que, malia as críticas das catro comunidades autónomas, o proceso para outorgar unha maior protección ao lobo segue adiante. Ademais, instou aos catro gobernos territoriais a traballar de forma conxunta para actualizar o censo do lobo no Estado e tamén a estratexia de xestión, que leva cinco anos caducada.
Pola súa banda, este martes PP e PSdeG aprobaron no Parlamento galego unha proposición non de lei que demanda ao Goberno central que paralice o proceso de inclusión do lobo ibérico na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, unha medida que impedirá a súa caza de forma xeneralizada. A iniciativa foi rexeitada polo BNG, que votou en contra.
A proposición non de lei inclúe outros tres puntos, que foron votados por separado, e que si contaron co voto favorable dos tres grupos, despois de transaccionar unha emenda do PSdeG-PSOE. Neles, ínstase á Xunta a "liderar", xunto con Asturias, Cantabria e Castela e León, "a estratexia nacional para a conservación do lobo" e a "actualizar ou elaborar" un novo plan do lobo para Galicia, "que debe ser froito do consenso entre as asociación en defensa do lobo, representantes das organización gandeiras e representantes do sector veterinario e no que deben participar os expertos do lobo presentes no comité técnico constituído recentemente".
Os tres grupos pediron "axilizar a actualización dos censos poboacionais e elaborar un novo mapa de presenza do lobo en Galicia" e garantir que o orzamento de 2021 para prevención e danos por ataque de lobos ao gando "cubra todas as solicitudes presentadas correctamente"
Tamén se pide "axilizar a actualización dos censos poboacionais e elaborar un novo mapa de presenza do lobo en Galicia" e, igualmente, garantir que o orzamento de 2021 para prevención e danos por ataque de lobos ao gando "cubra todas as solicitudes presentadas correctamente e o cobro destas nun prazo axeitado, ademais de actualizar as contías por danos por ataque do lobo actuais".
O PP volveu criticar a decisión adoptada polo Ministerio de Transición Ecolóxica, sinalando que “carece de todo sentido e está absolutamente baleira de diálogo e consenso, rachando coa procura do equilibrio entre a actividade gandeira e a conservación do lobo ibérico”.
Pola súa parte, o PSdeG sinalou que a inclusión do lobo no catálogo de especies en réxime de protección especial “deberá levarse a cabo sempre de acordo co sector gandeiro, que é o máis afectado por esta medida, e coas comunidades que teñen no seu territorio a maior parte da poboación de lobo ibérico, como Asturias, Castela e León, Cantabria ou Galicia. Os socialistas fixeron fincapé no incremento das axudas para os gandeiros afectados "para que os danos provocados por esta especie sexan menores e que sexan reparados a tempo, sen demoras insoportables e con fondos suficientes para compensar aos gandeiros”.
“O problema non é o lobo, o problema é a falta de medios de axuda da Xunta e do resto de gobernos para a gandería, sobre todo para as 2.400 explotacións que traballan en extensivo; en definitiva, unha mostra máis do abandono do medio rural”, di o BNG
Mentres, o BNG defendeu a necesidade de protexer o lobo, "dando cumprimento ademais a un mandato legal internacional", e compatibilizar esta protección coa dos sectores económicos que desenvolven a súa actividade no medio rural, especialmente o da gandería. Luís Bará recalcou que o debate sobre o lobo está sometido a “altas doses de populismo, manipulación, oportunismo e alarmismo” posto que se está desenvolvendo unha campaña que denominou de “lobofobia” pretendendo converter a este animal “en culpable de todos os males do rural”. “O problema non é o lobo, o problema é a falta de medios de axuda da Xunta e do resto de gobernos para a gandería, sobre todo para as 2.400 explotacións que traballan en extensivo; en definitiva, unha mostra máis do abandono do medio rural”, sinalou.
A deputada popular Marisol Díaz demandou ao BNG que “superen ese vello discurso do lobo como vítima, porque hoxe é unha especie protexida, ben asentada en Galicia, en plena expansión e cun plan de xestión específico para a Comunidade galega”.
"O problema co lobo en Galiza non é a súa protección, senón que a Xunta non ofrece solucións á gandería", di ADEGA
Mentres, a organización ecoloxista ADEGA salientou este martes que "o problema co lobo en Galiza non é a súa protección, senón que a Xunta non ofrece solucións á gandería". A entidade salienta que "os datos oficiais dos censos de lobo indican que nas últimas décadas a poboación desta especie en Galiza está estancada, e desacreditan que a súa poboación teña experimentado un incremento no noso territorio, por moito que se insista no contrario".
ADEGA subliña que a inclusión do lobo na LESRPE "será positiva para a protección da especie" e que "non ten por que resultar negativa para as explotacións gandeiras sempre e cando a Administración asuma a súa responsabilidade", reclamando unha vez máis que a Xunta incremente os apoios aos gandeiros e denunciando ao mesmo tempo a súa "indiferenza" ante a caza furtiva do lobo que se vén producindo en Galicia nos últimos anos.
Dende o ano 2013 non foi cazado de forma legal ningún exemplar de lobo en Galicia nos 28 controis de caza (batidas ou esperas) autorizadas polo Goberno galego entre 2014 e 2019
A entidade lembra que dende o ano 2013 non foi cazado de forma legal ningún exemplar de lobo en Galicia nos 28 controis de caza (batidas ou esperas) autorizadas polo Goberno galego entre 2014 e 2019. Entre o 2006 e o 2013 si se deu morte a 17 exemplares nun total de 59 accións legalmente aprobadas pola Xunta. "Cabe pensar pois que, ou ben non hai tantos lobos como a Xunta di, ou que a caza furtiva campa ás súas anchas e pouco, ou nada, fai a Xunta para evitalo", sinala a entidade.
Neste senso, ADEGA calcula que "anualmente se matan entre 200 e 300 exemplares pola caza furtiva" en Galicia a través de caza ilegal en esperas específicas, caza ilegal durante batidas de xabaril e raposo, lazos ou velenos. A organización ecoloxista tamén critica o "silencio" sobre a caza furtiva dos sindicatos agrarios e colectivos de cazadores.
Durante o ano 2020, segundo os propios datos da Xunta, os lobos causaron a morte de 667 vacas, 1.045 ovellas e 308 cabras. ADEGA pide un maior investimento en medidas preventivas para evitar os ataques do lobo
Durante o ano 2020, segundo os propios datos da Xunta, os lobos causaron a morte de 667 vacas, 1.045 ovellas e 308 cabras, un total de 2.310 animais contando cabalos e outros. A cifra é moi semellante á dos anos 2017, 2018 e 2019, aínda que superior á que se daba ata o ano 2016. Os ataques dos lobos no ano 2020 significaron a morte do 0,07% das vacas existentes en Galicia, o 0,53% das ovellas e o 0,67% das cabras.
ADEGA pide un maior investimento en medidas preventivas para evitar os ataques do lobo (por exemplo para fomentar a compra e cría de mastíns), sinalando que "as axudas por danos deixan de ser o áxiles que deberan polos intentos de engano de falsos ataques". A entidade sinala subliña que dende o ano 2009, a Xunta investiu en prevención de ataques unha media anual de 75.257 euros, só incrementada no último exercicio, cando chegou aos 300.000 euros.