ADEGA vén de facer público un informe sobre a presenza do lobo en Galicia e os prexuízos que causa nas explotacións gandeiras. A entidade ecoloxista busca desmentir as informacións que nos últimos meses se veñen difundindo sobre un suposto incremento nos danos á gandería e o suposto crecemento das súas poboacións. E aposta pola coexistencia: "Defendemos que a coexistencia entre o lobo e a gandería non só é posible, senón que é moi necesaria para manter a saúde dos nosos ecosistemas, e preservar un legado natural único e ecolóxicamente moi valioso", destacan.
"A desatención da Administración ante este problema xera unha frustración e desanimo que se acaba cebando co lobo"
A asociación lembra que a poboación do lobo se mantén estable nas últimas décadas e destaca que "o feito de que se rexistren máis danos dende o 2015 responde máis ben á mellora e optimización do sistema de recollida de avisos disposto dende a Xunta, e a publicidade e que se triplicaron as axudas dos pagos (aínda así, de modo insuficiente)". "Compartimos as reivindicacións dos afectados que padecen ataques de lobo, son lóxicas e lexitimas, no sentido de sentirse desprotexidos ante unhas perdidas económicas", sinala, engadindo que "a desatención da Administración ante este problema xera unha frustración e desanimo que finalmente, case sempre, acábase cebando co lobo".
ADEGA denuncia "unha situación caótica na atención que a Xunta presta a este asunto", cunha "insuficiencia importante" na dotación de recursos. Para o ano 2017 o alcance total dos danos tivo un custo de case 500 mil euros (496.150 euros, máis da metade na provincia de Lugo), pero o Goberno galego só cubriu a metade deses danos (279.958 euros) e mesmo reduciu as axudas en cen mil euros con respecto ao ano anterior (379.958).
Para o ano 2017 o alcance total dos danos tivo un custo de case 500 mil euros, pero o Goberno galego só cubriu a metade (279.958) e mesmo reduciu as axudas en cen mil euros con respecto ao ano anterior
A asociación amosa a súa preocupación porque a Xunta aínda non ten disposto para o 2018 unha liña de axudas para proporcionar a incorporación de dispositivos que favorezan un pastoreo e vixianza asentada na filosofía do manexo preventivo. "A prevención pasa por ser a acción fundamental dende a Xunta para abordar este problema e, sen embargo, non se aposta decididamente por esa estratexia", engade. De igual xeito, denuncia que "certos sindicatos agrarios cargan máis contra o lobo que en poñer o grito no ceo na deficitaria actuación en esforzos e recursos da Administración pra remedialo".
A asociación amosa a súa preocupación porque a Xunta aínda non ten disposto para o 2018 unha liña de axudas para elementos de prevención
Diversos estudos publicados veñen a demostrar a inutilidade absoluta das batidas como mecanismo para reducir ou acabar cos danos ao gando e mesmo conclúen que os danos poden chegar a incrementarse. "Despois de décadas vendo como se matan lobos e lobos, o problema persiste inmutable, mentres que os afectados finalmente continúan desasistidos. Sábese que en zonas onde o lobo ten provocado danos, tense probado de todo, velenos, lazos, caza de noite, batidas, etc, máis os danos esporádicamente reprodúcense", explica o informe
Diversos estudos publicados veñen a demostrar a inutilidade absoluta das batidas como mecanismo para reducir ou acabar cos danos ao gando
Finalmente, a entidade ecoloxista alerta de que "un dos elementos que menos están axudando a establecer medidas de coexistencia son as informacións e novas que se publican sobre a especie, na maioría, imprecisas, alarmistas, xeradoras de maiores tensións, e na que predomina unha falta de rigor e contraste científico preocupante". E reclama que se activen campañas de divulgación e sensibilización sobre a importancia do lobo no medio natural, algo previsto no Plan de Xestión do Lobo, pero que non se puxo en marcha.
