"A Xunta ten que poñer os medios para que haxa unha boa convivencia co lobo"

Explotación gandeira caprina en Pol © O-Xan

O pasado 1 de xaneiro La Voz de Galicia publicou unha noticia dando conta de que "un gandeiro de Abadín" cazara "coa súa cámara un lobo devorando un cabalo". De inmediato demostrouse que a suposta fotografía fora tirada en 2010 en Asturias e que non era a primeira vez que se utilizaba para ilustrar ou denunciar supostos ataques de lobos ao gando. O xornal retirou a nova e o redactor que a realizara desculpouse. Este episodio serviu para poñer de manifesto o tratamento sensacionalista que en moitas ocasións empregan algúns medios de comunicación á hora de tratar o problema de convivencia que se dá en Galicia entre a presenza do lobo e a actividade das explotacións gandeiras.

O-Xan é un grupo de opinión, creado a finais de 2015 co obxectivo de servir de espazo de debate e de información sobre a cuestión

O-Xan é un grupo de opinión, creado a finais de 2015 co obxectivo de servir de espazo de debate e de información sobre a cuestión. Está formado por agrupacións gandeiras (ACRUGA, OVICA, PURAGA, SGPF) e gandeiros e gandeiras a título individual, entidades de cazadores (UNAC, UNITEGA), conservacionistas (AGCT), investigadores e investigadoras (CIAM, USC, Universidad de Oviedo), así coma persoal técnico vinculado coa xestión e a conservación do lobo en Galicia. "O que facemos, fundamentalmente, é compartir información entre as entidades, chegando a acordos entre todas as partes. Tentamos así mesmo que os xornalistas teñan un punto de referencia, e achegar recursos para a comprensión desta situación", explican.

O-Xan pídelles aos medios "un enfoque máis global e menos sensacionalista, máis descritivo e menos narrativo". "Hai un perigo, hai ataques, hai unha problemática..., pero por favor, centrémonos na parte máis racional", din

En relación con esta publicación, O-Xan vén de aplaudir a retirada da nova, demandándolles aos medios de comunicación "un enfoque máis global e menos sensacionalista, máis descritivo e menos narrativo" sobre estas cuestións. "O que fai é volver ao mito que temos sobre este animal, volver aos contos de ai vén o lobo, ao Pedro e o lobo...", destaca Joan Alibés, enxeñeiro e gandeiro. "Hai un perigo, hai ataques, hai unha problemática..., pero por favor, centrémonos na parte máis racional", engade.

Alibés salienta que "a situación nos últimos tempos mantense estable. As cifras da consellaría apuntan a un mantemento no número de ataques denunciados. Pero ollo, os ataques reais son moito máis elevados que os rexistrados pola consellaría", di. "A situación é relativamente tranquila porque os galegos aguantamos moito", advirte. "Todos os integrantes do grupo estamos unidos baixo un ideario común sustentado na afirmación de que queremos e aceptamos o lobo en Galicia nunha coexistencia corresponsable. O lobo formou, forma e formará parte do patrimonio natural e cultural de Galicia e, como tal, debe ser conservado e correctamente xestionado", destacan dende O-Xan. Porén, "non é unha convivencia moi ben resolta", alerta Alibés.

Nos últimos meses O-Xan denunciou en varias ocasións os importantes atrasos que se veñen producindo no pagamento por parte do Goberno galego das compensacións económicas aos gandeiros afectados polos ataques de lobo. Atrasos que chegaban mesmo aos dous anos. "A Xunta debe poñerse ao día", subliñaban hai un ano. E, aínda que semella que houbo unha reacción por parte do Executivo, os problemas continúan: "A consellaría comprometeuse a poñerse ao día, mesmo houbo unha dotación orzamentaria importante, pero segue habendo atrasos", salienta Joan Alibés.

"Nós partimos da base de que a sociedade quere o lobo, pois ben, a sociedade ten que poñer os medios para que haxa unha boa convivencia e os gandeiros poidan desenvolver as súas actividades económicas. Polo tanto, a Xunta é quen ten esa responsabilidade"

"Nós partimos da base de que a sociedade quere o lobo, pois ben, a sociedade ten que poñer os medios para que haxa unha boa convivencia co lobo e os gandeiros poidan desenvolver as súas actividades económicas. Polo tanto, a Xunta é quen ten esa responsabilidade", di. "O mínimo que se lle pode esixir é que os danos directos certificados se paguen en tempo. Porque se non se fai, calquera outra actuación queda a expensas diso. Ti a un gandeiro que leva meses agardando pola compensación económica por ataques pasados, non podes ir falarlle de medidas preventivas, de censos do lobo ou doutras cousas", engade.

Entre as demandas realizadas por O Xan están a estipulación dun prazo máximo de seis meses para o pagamento de indemnizacións

Entre as demandas realizadas por O Xan están a estipulación dun prazo máximo de seis meses para o pagamento de indemnizacións; permitir a solicitude de axudas preventivas durante varios meses para posibilitar a realización dos investimentos por parte do peticionario e permitir a entrega da documentación durante cando menos un mes dende que ten realizada unha actuación preventiva; contemplar subvencións para a instalación de métodos coma os peches fixos con malla ovelleira e arames electrificados; incorporación de axudas para a compra, cría e mantemento de mastíns; e tamén a continuidade no tempo deste tipo de axudas, no canto de constituír unha convocatoria illada.

"Nós temos a man tendida á Xunta dende o primeiro día", conclúe Alibés, que engade que "este ano daremos moita máis guerra, seguiremos erre que erre mentres non consideremos que se chegan a uns mínimos aceptables".

 

Noticia falsa retirada por La Voz de Galicia Dominio Público Praza Pública
Explotación gandeira caprina en Pol © O-Xan

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.