Caza en tempos do COVID-19, tamén un problema de ciencia

Cazadores nun monte galego © Federación Galega de Caza

Mediados de marzo, comeza o confinamento para tratar de protexer a vida dos membros máis febles da sociedade e o precolapsado sistema sanitario. Tras uns días descubrimos o duro que é estar atrapado, inda que sexa na casa. E a pesares diso, a maior parte da poboación cumpre. Pero dende o inicio plantéxase a necesidade, máis que a posibilidade, de cazar. 

Mentres nenas e nenos apenas poden gozar dun paseo ao día e os nosos maiores comezan a poder saír brevemente, cazadores e pescadores "deportivos" deste país van poder saír a facer aquelo que lles gusta: matar fauna salvaxe

Se ben nesta primeira onda, o goberno central, lembremos, xa en pleno estado de alarma, foi quen de parar a pretensión de moitas comunidades autónomas de permitir a caza, mesmo con ordenes xa asinadas, agora, máis de 40 días despois, parece que os interesados vanse finalmente saír coa súa. Así mentres nenas e nenos apenas poden gozar dun paseo ao día e os nosos maiores comezan a poder saír brevemente, cazadores e pescadores "deportivos" deste país van poder saír a facer aquelo que lles gusta: matar fauna salvaxe. En definitiva, se calquera neste país, queremos ir dar un paseo para observar aves ou practicar sendeirismo, en solitario e a poucos quilómetros do domicilio ou, xa non digamos, os ciclistas que non poden saír do concello propio, simplemente non o podemos facer. Necesitaríamos cambiar os prismáticos ou a bicicleta por unha escopeta. 

Podemos pensar o que queiramos desta actividade pero cómpre facer algunha consideración. A primeira é que clase de poder hai que ter para impoñer a axenda propia á comunidades autónomas e goberno central, mesmo en tempos tan duros e complexos para todos, por que chegan a ter mesmo un programa propagandístico na televisión pública?. Quizáis por esas conexións elitistas retratadas en Los Santos Inocentes ou La escopeta nacional.

Tan ben lles está a quedar a escusa que van poder cazar en maio, en pleno período reprodutor de todas as especies cazables que crían na Península Ibérica contravindo así a lexislación

Volvendo á situación actual, na que comezamos timidamente a asomarnos ao exterior, hai que reparar nas razóns esgrimidas polos interesados. Se ben durante a tempada cinexética "regular" a razón da caza é que é un deporte, dende o día un do confinamento a escusa escollida para cazar é que hai que controlar á fauna. Este argumento é de vergoña allea. En primeiro lugar, sempre que se asocian as verbas xestión e, especialmente, control á fauna salvaxe significa unicamente matar, cazar. Como calquera sabe non hai razóns obxectivas para matar animais salvaxes por razóns de xestión, salvo para que o acto de matar sexa máis eficaz en termos numéricos, ben sexa número de pezas, ben sexa puntas na cornamenta dun cervo macho. O de "control" ten a súa substancia. Intuitivamente é moi doado encher o maxín da poboación con hordas de xabaríns, por exemplo, invadindo leiras ou exércitos de coellos arrasando hortas. Pero estas imaxes salvo casos excepcionais son simplemente falsas e, polo tanto, o control debera ser igual de excepcional. En definitiva, o colectivo cazador é plenamente consciente do rexeitamento social á súa actividade, indiferenza no menor dos casos, e sabe perfectamente que estando o pais confinado, con anciáns e nenos nas casas e a economía pendente dun fío, necesitan unha escusa. A súa actividade é, a longo prazo, unha batalla perdida. 

Non hai hordas de animais salvaxes arrasando nada. Polo menos, e como máximo, igual que en calquera outro ano, é dicir, nada excepcional

E tan ben lles está a quedar a escusa que van poder cazar en maio, en pleno período reprodutor de todas as especies cazables que crían na Península Ibérica contravindo así a lexislación. O problema é que como boa escusa, simplemente, é falsa. Non hai hordas de animais salvaxes arrasando nada. Polo menos, e como máximo, igual que en calquera outro ano, é dicir, nada excepcional. Entre outras razóns, en 50 días non da tempo a ningunha poboación de vertebrado europeo a multiplicarse de tal xeito xa que o seu ciclo reprodutivo leva máis tempo. 

Pero aínda hai máis consideracións que facer. A caza non é necesaria para regular nin controlar ningunha poboación porque as propias especies e ecosistemas, mínimamente sans, teñen os seus propios mecanismos para facelo. No caso de que, puntualmente, determinada poboación poida afectar a actividades económicas están ou, máis ben, deberan estar, os profesionais. Existen xa a día de hoxe, países nos que se deixaron de cazar determinadas especies e o resultado é que non pasa nada, ningunha especie se convirte en praga. É máis, a evidencia científica amósanos exemplos. Unha das especies que máis preocupa en Galicia, por exemplo, é o xabarín que evidentemente provoca danos en determinados cultivos ou mesmo en pradarías. Ben, contraintuitivamente a súa proliferación en número vese incrementada coa caza porque ante a situación de stress que produce a persecución directa, a resposta poboacional é reproducirse máis; as femias entran en celo moito antes nun ciclo anual, tanto que ata xa non existe case ese ciclo, teñen o seu primeiro celo moito antes, con apenas meses, e o número de crías é moito máis elevado. 

Unha das especies que máis preocupa en Galicia é o xabarín. A súa proliferación en número vese incrementada coa caza porque ante a situación de stress que produce a persecución directa, a resposta poboacional é reproducirse máis

Así que, se queren que haxa menos xabaríns, deixen de cazalos. Outro problema que se lles achaca é que producen accidentes de tráfico. É certo, prodúcennos particularmente horas despois de actos de caza cando os animais se moven inusualmente. Pero hai moito máis, tamén se fala de que son reservorios da tuberculose bovina e tamén é certo, pero xusto por esa razón non se deben cazar deportivamente para non estender o patóxeno polo territorio. E isto lévanos a outro elemento máis. O único depredador natural que ten o xabarín é o lobo e, mira por onde, tamén se lle acusa de proliferar e non sei cantas maldades máis. Curiosamente, ou non,  alí onde hai lobos a incidencia da tuberculose bovina é significativamente inferior, aforrando aos gandeiros auténticas fortunas. Pero tamén queren matar lobos ao igual que outros depredadores, como raposos, inda que nalgúns lugares se queixen logo de que hai praga de coellos, sen ter nin en conta aspectos incluso de saúde pública. As decisións das administracións públicas deben estar motivadas se non poden incorrer mesmo nunha ilegalidade e dende logo non se debería vulnerar o artigo 45 da Constitución Española. 

Se queren cazar, o honesto é dicir "queremos cazar", non buscar xustificacións tan absurdas como ficticias

Un dos factores que máis fai perigar os cultivos, tanto que pode supoñer a perda de colleitas completas en áreas xeográficas enormes, poñendo en perigo a alimentación de miles de millóns de persoas é o cambio climático e, moito me temo, que non imos ver á minoría cazadora contra a emisión de gases de efecto invernadoiro, antes ben, todo o contrario.

En definitiva, se queren cazar, o honesto é dicir "queremos cazar", non buscar xustificacións tan absurdas como ficticias. 

Como apuntaba, a fracción cazadora inda que minoritaria ten peso social ben por pertencer a determinada elite socioeconómica ben por ser un caladoiro de votos no rural, condicionando posiblemente deste xeito a distribución de escanos en diferentes provincias de España. E por esa razón é obxecto de mimos por parte de administracións que os cobren de subvencións, é dicir, dopa un colectivo con cartos públicos a pesar de producir prexuízos ambientais. So en Galiza entre os anos 2016 e 2020 a Federación Galega de Caza recibiu 201.929,93€ só da Xunta de Galicia (máis de 30.000€ no que vai de ano). Son máis de 3 millóns de Euros para as diferentes federacións do estado no mesmo período. 

A fracción cazadora inda que minoritaria ten peso social ben por pertencer a determinada elite socioeconómica ben por ser un caladoiro de votos no rural

Soen tamén alegar que a caza é unha importante actividade económica. É unha actividade económica, si, pero se fora importante amplas zonas do estado como moitas áreas de Estremadura ou Castela A Mancha, Andalucía ou algúns concellos galegos serían polos de crecemento económico. Non o son, son xusto os lugares máis deprimidos. Aparte de que a mera actividade económica non é nin xustificación ética nin moito menos ambiental, actividades como a observación de aves, o senderismo ou a bici de montaña teñen moito máis recorrido. 

Que clase de país queremos? Un que empregue a ciencia nas decisións ou confíe en falabaratos? Nin a Terra é plana, nin o Covid-19 se cura inxerindo lixivia, nin hai hordas de animais salvaxes por ningures

Sendo serio o comentado ata agora, hai unha reflexión que transcende á mera actividade cinexética. Que tipo de sociedade somos ou queremos ser? Non podemos escapar ao feito de que a crise do COVID-19 fixo que boa parte da sociedade estea asistindo a algo pouco común, ao progreso científico, podería dicirse, en vivo e en directo. A ciencia, ben sexa en forma de tratamentos, vacina ou os procedementos para non contaxiarnos é o único que temos para agarrarnos. Pero este país vive sempre de costas á ciencia e a caza é un dos exemplos paradigmáticos. No canto de tomar decisións baseadas no mellor coñecemento científico sobre o estado das poboacións de fauna, as autoridades autonómicas tómanas en función da mera opinión de persoas con un obvio conflito de intereses, sen que medie ningún estudio con metodoloxía e solvencia científicas. Que clase de país queremos? Un que empregue a ciencia nas decisións ou confíe en falabaratos? Nin a Terra é plana, nin o Covid-19 se cura inxerindo lixivia, nin hai hordas de animais salvaxes por ningures. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.