O feito de que, oficialmente, Santiago e Lugo superen os cen mil habitantes permítelle aos dous concellos acceder a un mellor financiamento público, máis persoal, mellores servizos e, ademais, poder incrementar de 25 a 27 os concelleiros que se elixirán nas eleccións de 2027
Chegou o día. Santiago de Compostela e Lugo xa poden dicir oficialmente que contan con máis de cen mil habitantes. O fito xa fora anunciado polos respectivos gobernos municipais grazas aos seus propios rexistros de empadroamento, pero este martes os datos do Censo publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman o fito, que completa unha lenta tendencia de ascenso poboacional nos últimos anos. En concreto, o 1 de xaneiro de 2025 Santiago situouse nos 100.842 habitantes e Lugo nos 100.071.
O dos cen mil habitantes é un fito simbólico pero que ten importantes consecuencias prácticas: mellor financiamento, máis recursos públicos (persoal, xulgados...) e, ademais, a eleccións de dous concelleiros máis nas eleccións municipais do ano 2027 (sempre que este nivel de poboación se manteña dentro de 12 meses), pois ambos os plenos dos dous concellos pasarán de contar con 25 representantes a 27.
Tamén A Coruña acada un fito poboacional (este, si, puramente simbólico), ao superar por primeira vez en varias décadas os 250.000 habitantes (exactamente, 251.277), confimando a tendencia de ascenso iniciada en 2022, cando contaba con sete mil habitantes menos.
Todas as cidades galegas gañan poboación, como veñen facendo dende o remate da pandemia. A Coruña é a que máis sobe, superando por primeira vez en varias décadas os 250.000 habitantes
Todas as cidades galegas gañan poboación, como veñen facendo dende o remate da pandemia de COVID. En conxunto, o incremento rolda os seis mil habitantes, encabezado en termos absolutos pola Coruña (+2.022), pero en termos relativos lidera Santiago (+1,36%), por diante de Ferrol (+0,85%), Ourense (+0,84%) e A Coruña (+0,81). O ascenso en Pontevedra e Vigo é máis cativo.
Chama a atención o cambio de tendencia iniciado por Ferrol o pasado ano, cando por primeira vez dende os anos 90 gañou poboación, algo que repite nos datos deste ano. Dende o ano 2021, as sete cidades galegas gañaron 13.526 habitantes, encabezadas precisamente pola Coruña, Santiago e Lugo.
Son máis os concellos que perden poboación (189) que os que a gañan (121), con tres localidades nas que non hai cambios. Aumenta a Galicia urbana e descense a rural, pero con excepcións
Durante o pasado ano 2024 Galicia incrementou de forma importante a súa poboación, con case nove mil habitantes máis, unha tendencia que se mantén neste ano 2025. Porén, son máis os concellos que perden poboación (189) que os que a gañan (121), con tres localidades nas que non hai cambios. O mapa reflite a evolución relativa da poboación en cada termo municipal, confirmando a habitual fenda entre unha Galicia urbana que gaña residentes e unha Galicia rural que os perde. Iso si, con excepcións.
O mapa amosa extensas manchas azuis (incremento da poboación) nas contornas urbanas da Coruña, Santiago e Lugo, principalmente, pero tamén na Mariña Oriental, en Ferrolterra, en parte da Terra Cha, no Baixo Miño, no norte do Salnés ou nas áreas urbanas de Pontevedra e Vigo.
Dende o ano 2021 destaca o aumento da poboación de Miño (+10,3%), Salvaterra de Miño (+6,6%), Sada (6,3%), Melide (5,4%), Oleiros (5,1%), Arteixo (4,5%) ou Monforte (+4%)
Ademais dos xa comentados aumentos de poboación nas cidades, chaman a atención os ascensos experimentados en Narón, Carballo, Oleiros, Monforte, Ames, Arteixo, Sarria, Ordes, O Porriño, Culleredo ou A Laracha, esa Galicia vilega que nos últimos anos vén rexistrando un importante crecemento.
Narón, Oleiros e Vilagarcía achéganse de forma paseniña aos 40 mil habitantes e Arteixo, Ames, Carballo e Culleredo superan amplamente os 30 mil.
Dende o ano 2021 destaca o aumento da poboación de Miño (+10,3%), Salvaterra de Miño (+6,6%), Sada (6,3%), Melide (5,4%), Oleiros (5,1%), Arteixo (4,5%) ou Monforte (+4%).
Tamén na Galicia rural hai concellos que gañan claramente poboación. No último ano, en termos relativos os maiores incrementos corresponden a Ribeira de Piquín, Larouco, Becerreá, Monterroso, A Bola, Sobrado
Tamén na Galicia rural hai exemplos de concellos que están a gañar claramente poboación. No último ano, en termos relativos os maiores incrementos corresponden a Ribeira de Piquín, Larouco, Becerreá, Monterroso, A Bola, Sobrado, que levan en ascenso dende o 2021. Larouco, por exemplo, subiu un 13% neste tempo, Verea un 6,8%, Ribeira de Piquín un 6,5%, Monterroso un 5,6%, o mesmo que A Bola.
No outro extremo, no entanto, hai unha longa lista de concellos rurais que están a perder poboación moi rapidamente, con padróns cada vez máis envellecidos e forte migracións a outros lugares de Galicia. No último ano Beariz, Folgoso do Courel, Parada de Sil e Porqueira encabezan os descensos, entre un 4% e un 6% menos.
Dende o ano 2021, os descensos están encabezados por Dozón, que perdeu un 19% da súa poboación
Dende o ano 2021, os descensos están encabezados por Dozón, que perdeu un 19% da súa poboación en só catro anos, pasando de 1.172 a 949 habitantes. As caídas en Cervantes, As Nogais e Calvos de Randín superan tamén o 10%.