A Galicia urbana concentra o aumento da poboación, pero dous de cada tres concellos perden habitantes

Mapa coa evolución da poboación en cada concello o pasado ano sobre unha imaxe aérea de Vigo ©

Galicia gañou 7.166 habitantes o pasado ano, pero ese incremento da poboación repartiuse de maneira moi desequilibrada. As sete cidades gañaron case seis mil residentes, pero un total de 199 concellos perderon residentes

Galicia gañou 7.166 habitantes o pasado ano, pero ese incremento da poboación repartiuse de maneira moi desequilibrada. As sete cidades gañaron case seis mil habitantes, encabezadas pola Coruña (+1.885), Lugo (1.268) e Santiago (+849). Pola contra, case dous de cada tres concellos perderon habitantes, especialmente nas zonas rurais. Os datos definitivos do padrón mucipal correspondentes ao 1 de xaneiro de 2024, publicados este venres polo INE, confirman o mantemento da tendencia da poboación a se concentrar nas áreas urbanas e no eixo da AP-9, acrecentando o progresivo despoboamento dunha parte importante do país.

107 concellos gañan poboación e 8 manteñen exactamente o mesmo número de habitantes de hai un ano, pero 199 perden residentes, os máis deles nas provincias de Lugo e Ourense e en comarcas rurais da Coruña e Pontevedra.

Vigo (293.977) continúa lonxe de acadar a arelada cifra dos 300.000 habitantes. Tampouco Lugo (99.482) nin Santiago (99.536) chegan este ano aos 100.000

A pesar do importante incremento poboacional que rexistran as cidades, as cifras oficiais confirman que Vigo (293.977) continúa lonxe de acadar a arelada cifra dos 300.000 habitantes. Tampouco Lugo (99.482) nin Santiago (99.536) chegan este ano aos 100.000 habitantes, aínda que as dúas cidades fican moi preto, a tan só 500 persoas en cada caso. As dúas urbes anunciaron o pasado mes de xuño que conseguiran finalmente chegar aos cen mil residentes, unha cifra que se podería reflectir na vindeira revisión do padrón, correspondente ao 1 de xaneiro de 2025, que se coñecerá dentro de doce meses.

Os datos coñecidos este venres traen, iso si, unha nova moi salientable para Ferrol. A cidade, que sofre dende hai décadas un importante devalo poboacional rexistra a primeira suba na súa cifra de habitantes dende o ano 1996, cando incrementara lixeiramente a cifra de 1991. Os 328 novos residentes deixan en 64.218 o total, moi lonxe aínda dos case 90 mil habitantes que tiña en 1981 ou dos 83.048 de 1996.

Tamén Ourense presenta nesta ocasión un aumento da súa poboación (+641, ata os 104.891), rompendo unha tendencia de descensos continuados que iniciara no 2010, coa única excepción do ano 2020.

Ferrol rexistra a primeira suba na súa cifra de habitantes dende o ano 1996. E Ourense racha a tendencia de descensos continuados que iniciara no 2010, coa única excepción do ano 2020

A Coruña é, con diferenza, o concello que gaña máis poboación e suma 4.500 habitantes máis que hai dous anos. Os 249.261 residentes rexistrados o 1 de xaneiro de 2024 supoñen a poboación máxima da cidade herculina na súa historia. Ademais dos importantes incrementos que presentan as sete urbes, destaca tamén o auxe poboacional de localidades das súas áreas metropolitanas, como Oleiros (+524), Arteixo (+522), Ames (+330), Sada (+266), Narón (+234) ou Culleredo (+221). 

Cómpre salientar igualmente o aumento da poboación en vilas como Monforte (+326), Sarria (+238), Salvaterra de Miño (+197), Verín (+186), Melide (+181), Betanzos (+179), Carballo (+179) ou Ribadeo (+150). En termos relativos ao seu tamaño, A Pobra de Brollón e Miño son os dous concellos que gañan máis poboación.

A Coruña é, con diferenza, o concello que gaña máis poboación e suma 4.500 habitantes máis que hai dous anos, acadando o seu record histórico de poboación

No extremo contrario, Rianxo, Padrón, Cangas, Mondoñedo, As Pontes e Bueu son os concellos que máis poboación perderon no último ano, preto de 100 habitantes en todos os casos. En termos relativos ao seu tamaño, Lobeira, Calvos de Randín, Padrenda e A Teixeira son as localidades que sofren un maior despoboamento, perdendo o 5% dos seus habitantes nun só ano.

A Estrada consolídase por riba dos 20.000 habitantes e A Guarda recupera o nivel dos 10.000, ao que se achega Ribadeo e que As Pontes ve cada vez máis lonxe

Na relación de concellos máis poboados do país non hai grandes variacións. Santiago segue a ser a cuarta cidade en poboación, por diante de Lugo. E Narón continúa a ser a oitava localidade con máis residentes, por diante de Oleiros, Vilagarcía, Ames, Carballo e Culleredo.

A Estrada consolídase por riba dos 20.000 habitantes e A Guarda recupera o nivel dos 10.000, ao que se achega Ribadeo e que As Pontes ve cada vez máis lonxe. Pola súa banda, Vedra, Ribadavia, Neda e A Illa de Arousa afástanse cada vez máis da posibilidade de chegaro aos 5.000 habitantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.