O saldo migratorio do ano 2023 volveu ser moi positivo para Galicia (+25.738), tanto no que atinxe ás migracións procedentes ou en dirección ao estranxeiro (+23.337) coma no referente aos cambios de residencia entre unhas e outras comunidades autónomas do Estado (+2.401)
Galicia segue a recibir un fluxo moi importante de inmigrantes que está a equilibrar o moi negativo saldo vexetativo (con moitos menos nacementos que defuncións) e a frear o proceso de envellecemento da poboación. O saldo migratorio do ano 2023, cuxa estatística deu a coñecer este xoves o INE, volveu ser moi positivo para Galicia (+25.738), tanto no que atinxe ás migracións procedentes ou en dirección ao estranxeiro (+23.337) coma no referente aos cambios de residencia entre unhas e outras comunidades autónomas do Estado (+2.401).
Este saldo migratorio positivo compensa o saldo vexetativo negativo que se produciu o pasado ano (-18.778), o que fixo aumentar a poboación total de Galicia en preto de sete mil persoas en 2023.
O número de persoas que chegaron -ou regresaron- a Galicia dende fóra do Estado español mesmo aumentou un chisco en relación ao ano 2022 (de 39.281 a 39.415)
Os datos de migracións do ano 2023 son moi semellantes aos do 2022, cun saldo co estranxeiro lixeiramente inferior, pero un mellor saldo migratorio interautonómico. En todo caso, o saldo migratorio total é o segundo mellor de toda a serie histórica.
O número de persoas que chegaron -ou regresaron- a Galicia dende fóra do Estado español mesmo aumentou un chisco en relación ao ano 2022 (de 39.281 a 39.415) e tamén medrou o fluxo de persoas chegadas a Galicia dende outros territorios do Estado. En paralelo, as saídas de persoas en dirección ao estranxeiro e tamén ao resto de España tamén foron máis numerosas. En todo caso, con valores moi próximos aos coñecidos no ano anterior.
O saldo migratorio de Galicia vén sendo positivo dende o ano 2016, sobre todo grazas á chegada de persoas dende o estranxeiro
O saldo migratorio de Galicia vén sendo positivo dende o ano 2016, sobre todo grazas á chegada de persoas dende o estranxeiro, cunha tendencia de aumento que só rompeu a pandemia de COVID. O saldo co resto de España adoita presentar cifras máis equilbradas e entre o 2013 e o 2019 foi negativo. Porén, dende o 2020 comezou tamén a amosar máis chegadas que saídas.
O resultado da tendencia á que asistimos nos últimos anos é unha Galicia cun peso cada vez maior da poboación nacida noutros países (en 2022 era o 12%), especialmente na poboación máis nova (ao redor do 20% dos galegos e galegas entre 25 e 44 anos naceron no estranxeiro) e máis aínda nas cidades. Mais o fenómeno non se limita ás zonas urbanas, senón que os datos amosan que cada vez máis a inmigración do exterior que chega á Galicia rural contribúe a equilibrar a marcha de poboación nova ás zonas urbanas.
Nos fluxos migratorios co estranxeiro o saldo é máis positivo nas novas xeracións
A poboación que está a chegar a Galicia é maioritariamente nova, de xeito que os inmigrantes que proceden do estranxeiro teñen unha idade media de 34 anos. O saldo migratorio exterior, de feito, é máis positivo entre os menores de 25 anos (+9.025) e entre 25 e 44 anos (+9.024).
Se observamos as migracións co resto do Estado español a situación é diferente. Por riba dos 45 anos o saldo migratorio é moi positivo (+1.363 entre 45 e 64 anos e +705 por riba dos 65 anos), pero debaixo dos 44 anos o saldo equilíbrase e mesmo é negativo entre os 25 e 44 anos, é dicir, que marcha máis xente da que chega a Galicia.
En cambio, entre os 25 e os 44 anos, marchan de Galicia a outras comunidades máis persoas das que chegan
Os datos do INE amosan neste caso un fluxo de emigración importante de persoas novas, na procura de emprego, dende as cidades galegas en dirección a Madrid e Cataluña ou a comunidades autónomas con gran peso do turismo, como a Comunidade Valenciana e Baleares.
En calquera caso, o saldo migratorio de Galicia co resto do Estado é netamente positivo e só hai tres comunidades autónomas coas que o pasado ano foi negativo: Comunidade Valenciana, Baleares e Aragón. No resto dos casos Galicia recibiu máis inmigrantes que emigrantes saíron en dirección a outros territorios.
Un ano máis Venezuela é o lugar de orixe do maior número de inmigrantes (7.181). Na lista seguen outros países latinoamericanos: Colombia, Perú, Cuba, Brasil e Arxentina
O INE tamén dá conta do país de procedencia das preto de 40 mil persoas que o pasado ano chegaron a Galicia dende o estranxeiro. Un ano máis Venezuela é o lugar de orixe do maior número de inmigrantes (7.181), aumentando mesmo as cifras do ano anterior. Na lista seguen outros países latinoamericanos: Colombia, Perú, Cuba, Brasil e Arxentina. Máis abaixo aparecen tamén República Dominicana, Uruguai, México ou Paraguai.
Hai tamén un fluxo migratorio importante de persoas procedentes de Marrocos ou Senegal e, dende outros países de Europa, de Portugal e Romanía. Chama a atención o dato de Ucraína, cunha cifra de inmigrantes chegados a Galicia que se disparou en 2022 debido ao inicio da guerra con Rusia (2.361) e que no 2023 descendeu de forma importante, ata as 403.