En dúas décadas a porcentaxe de persoas residentes en Galicia con nacionalidade estranxeira pasou do 1,3% ao 5,2%. E a proporción de persoas nacidas noutros países medrou do 4,2% ao 10,5%
Galicia está cambiando. Un país dende o que tradicionalmente a súa poboación emigrara a outros territorios é, dende hai xa algunhas décadas, un lugar que recibe milleiros de persoas doutros países. Este movemento intensificouse o pasado ano 2022, no que case 40.000 persoas chegaron a Galicia dende o estranxeiro e pasaron a residir aquí, especialmente nas zonas urbanas, mais non só, como se pode ver neste mapa interactivo. O resultado destes fluxos de inmigración está a ser unha sociedade máis diversa, cunha porcentaxe cada vez maior de poboación nacida noutros lugares.
Ademais, a gran maioría das persoas que chegan a Galicia dende o estranxeiro son novas, o que funciona como contrapeso á crise de envellecemento e falta de natalidade que sofre o país, e que tamén podería converterse nunha solución á cuestión do despoboamento de moitas zonas rurais.
Case dous de cada dez galegos e galegas entre 25 e 44 anos (o 17,2%) naceron fóra do Estado español. E entre os 25 e os 35 anos a porcentaxe supera o 19%
O peso da poboación estranxeira e da nacida noutros país, iso si, é aínda inferior á que ten noutras comunidades autónomas. Segundo os datos do Censo 2023, feitos públicos hai uns días, a porcentaxe de poboación de nacionalidade estranxeira en Galicia é do 5,16% (en España é do 12,7%) e a proporción de galegos e galegas que naceron noutros países é do 10,46% (en España é do 17,1%). Porén, a evolución destes indicadores en Galicia está a ser notable: no ano 2001 a porcentaxe de estranxeiros en Galicia era tan só do 1,3% e só o 4,2% nacera fóra do Estado. En só 20 anos as cifras multiplicáronse por 4 e por 2,5, respectivamente.
Cómpre facer fincapé nesta diferenciación entre poboación con nacionalidade estranxeira (a que, aínda residindo en Galicia, non conta con nacionalidade española) e as persoas nacidas no estranxeiro, un colectivo máis amplo e diverso que na metade dos casos si conta coa nacionalidade. Neste grupo atopamos dende inmigrantes recentes a persoas que levan toda a súa vida residindo en Galicia malia ter nacido noutro país, moitas veces en comunidades de emigrantes galegos en América ou Europa.
Aínda que a porcentaxe de poboación con orixe noutros países presenta aínda cifras cativas, só lixeiramente superiores ao 10% da poboación total, cómpre facer unha análise diferenciada en función da súa idade. Case dous de cada dez galegos e galegas entre 25 e 44 anos (o 17,2%) naceron fóra do Estado español. E entre os 25 e os 35 anos a porcentaxe supera o 19%. A porcentaxe, de feito, non baixa do 14% entre os 20 e os 55 anos, o groso da poboación activa.
A proporción é máis cativa entre os nenos e nenas, por razóns obvias, pois mesmo os que teñen pais e nais doutros países naceron en Galicia nos máis dos casos. E, sobre todo, entre as persoas por riba de 65 anos, dos que apenas o 3% naceu nun país estranxeiro.
Ourense e A Coruña son as urbes cunha maior proporción de poboación nacida no estranxeiro (o 15,3%), seguidas de Vigo, Lugo e Compostela. Se miramos unicamente o grupo de idade entre 25 e 44 anos, as porcentaxes medran ata o 25% en Ourense e A Coruña, un de cada catro habitantes
Os datos son igualmente superiores nas cidades e no conxunto da Galicia urbana. Aínda que os concellos con maior porcentaxe de poboación nacida noutros países son Avión, Beariz ou A Lama, localidades rurais cunha parte moi grande da súa poboación na emigración e, ao mesmo tempo, moitos emigrantes retornados, as cidades galegas -agás Ferrol e Pontevedra- e as súas áreas metropolitanas contan cunha poboación nacida no exterior superior á media.
Ourense e A Coruña son as urbes cunha maior proporción de poboación nacida no estranxeiro (o 15,3%), seguidas de Vigo, Lugo e Compostela. Se miramos unicamente o grupo de idade entre 25 e 44 anos, as porcentaxes medran ata o 25% en Ourense e A Coruña, un de cada catro habitantes. E en Vigo, Lugo e Compostela a porcentaxe supera o 20%, un de cada cinco habitantes.
Destacan tamén as elevadas porcentaxes do Barco, Monforte, Lalín, Sada, Arteixo, Culleredo, Barbadás ou Ames
En grandes vilas e capitais comarcais como O Barco de Valdeorras (27,1%), Monforte de Lemos (26,1%) ou Lalín (24,6%) a porcentaxe de habitantes que naceu fóra do Estado tamén rexistra valores moi elevados. O mesmo que en localidades das áreas metropolitanas das cidades, como Sada (24,5%), Arteixo (21,8%), Culleredo (21,4%), Barbadás (21,3%) ou Ames (19,9%).
Os países de América Latina son os lugares de orixe máis habituais
E onde naceron as persoas que integran este colectivo crecente de galegos e galegas nacidas noutros países? Se observamos unicamente os datos das sete cidades galegas, atopamos que os países de América Latina son os lugares de orixe máis habituais: Venezuela (24.243 entre as sete urbes), Colombia (13.544), Brasil (8.622), Arxentina (8.130), Cuba (7.438), Perú (6.978), República Dominicana (5.019) e Uruguai (4.813), cunha presenza destacada tamén de persoas nacidas en Portugal (4.749) e, igualmente, de Suíza (4.452), Alemaña (3.173) e Francia (3.484), entre os que probablemente hai moitos fillos e fillas de emigrantes galegos neses países, finalmente retornados a Galicia.
Ademais, nas sete cidades galegas residen case catro mil persoas nacidas en Marrocos e máis de dúas mil nacidas en Romanía e Senegal, con algo menos de dúas mil nacidas en China.
Nos barrios da Agra do Orzán, Sagrada Familia, Os Mallos a porcentaxe de residentes nacidos fóra do Estado español chega a superar o 30% nalgunhas rúas e practicamente non baixa do 20% en ningún lugar
Por último, o Censo 2023 do INE ofrece tamén información sobre o peso que a poboación nacida noutros países ten nos distintos barrios das cidades galegas, con datos referidos ás seccións censuais que amosa grandes diferenzas entre unhas e outras zonas. Así, por exemplo, no mapa da Coruña observamos como nos barrios da Agra do Orzán, Sagrada Familia, Os Mallos a porcentaxe de residentes nacidos fóra do Estado español chega a superar o 30% nalgunhas rúas e practicamente non baixa do 20% en ningún lugar destes barrios.
Os Castros, Castrillón, Labañou e Orzán rexistran tamén porcentaxes que roldan o 20%, moi por riba da media do 15,3% do conxunto do termo municipal e que contrasta cos datos inferiores ao 10% do Ensanche e Riazor, as áreas con maior renda da cidade
O mesmo sucede en Vigo, onde a poboación nacida no estranxeiro se concentra nos barrios centrais da cidade, con porcentaxes superiores ao 20% en amplas zonas
O mesmo sucede en Vigo, onde a poboación nacida no estranxeiro se concentra nos barrios centrais da cidade, con porcentaxes superiores ao 20% en amplas zonas, aínda que sen superar o 30% que si se acada en varios barrios da Coruña. No resto do amplo termo municipal vigués a porcentaxe de residentes nacidos fóra do Estado cae por debaixo do 10%, fronte á media do 13,2% no conxunto do Concello.