A pandemia levou a poboación galega ao seu mínimo en varias décadas a comezos do ano 2021, con 2.691.532 habitantes. Porén, dende entón o regreso dos fluxos de poboación inmigrante -freados pola COVID- veñen incrementando de novo as cifras. O país conta neste momento con 2.703.517 habitantes
Nos últimos cinco anos a poboación de Galicia vén bordeando a cifra simbólica dos 2,7 millóns de habitantes, que chegou a superar amplamente hai unha década (cun máximo no ano 2010: 2.773.415) e da que baixou a partir do ano 2018. A pandemia levou a poboación galega ao seu mínimo en varias décadas a comezos do ano 2021, con 2.691.532. Porén, dende entón o regreso dos fluxos de poboación inmigrante -freados pola COVID- veñen incrementando de novo as cifras.
Este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou os datos da Estatística continua de poboación correspondentes ao terceiro trimestre. Neles Galicia recupera o nivel simbólico dos 2,7 millóns de habitantes, que non rexistraba dende o cuarto trimestre de 2019. O país conta neste momento con 2.703.517 habitantes, o que practicamente asegura pechar o ano por riba dos 2,7 millóns, xa que habitualmente o cuarto trimestre do ano inclúe un incremento da poboación.
Con respecto ao terceiro trimestre do pasado ano, a poboación española medra case en medio millón de persoas (+1,1%), mentres que Galicia gaña unicamente 6.123, un 0,23%
O dato supón un incremento de 3.579 habitantes no último trimestre (un 0,13% máis). A pesar da suba, Galicia é a cuarta comunidade autónoma que menos incrementa a súa poboación en termos relativos, só por diante de Castela e León, Andalucía e Estremadura. No conxunto do Estado a poboación total aumenta un 0,25% (118.667 persoas máis). Con respecto ao terceiro trimestre do pasado ano, a poboación española medra case en medio millón de persoas (+1,1%), mentres que Galicia gaña unicamente 6.123, un 0,23%.
Por que aumenta a poboación galega? A resposta non hai que buscala no crecemento vexetativo, que neste ano segue a ser moi negativo, cunhas cifras de natalidade á baixa que posiblemente converterán o 2023, unha vez máis, no ano con menos nacementos da historia de Galicia dende que hai rexistros.
O saldo migratorio exterior vén sendo positivo dende ano 2015 . A poboación galega nacida no estranxeiro aumentou en 22 mil persoas nos últimos doce meses
En cambio, o saldo migratorio está a ser moi positivo, como leva séndoo nas últimas dúas décadas, especialmente no que atinxe aos fluxos procedentes de fóra do Estado español.
O saldo migratorio exterior vén sendo positivo dende ano 2015 e acadou o seu máximo no ano 2019 (+16.918), descendendo posteriormente nos ano 2020 e 2021. No primeiro semestre do ano 2022 (últimos datos oficiais) o saldo volveu ser extraordinariamente positivo (+12.106). O saldo migratorio interior (co resto do Estado), que foi negativo para Galicia entre 2014 e 2019, leva sendo positivo dende o 2020, aínda que con saldos inferiores ao exterior, de +6.208 no 2020 e de +3.661 no 2021. No primeiro semestre do ano 2022, o saldo seguiu a ser positivo, pero con cifras cativas (+622).
As persoas nacidas no estranxeiro representan o 10,92% da poboación galega total, pero o seu peso é máis claro entre os 20 e os 44 anos, franxa de idade na que supoñen máis do 18% da poboación
A Estatística Continua de Poboación non ofrece datos actualizados dos fluxos migratorios, pero si achega o indicador da poboación galega nacida no estranxeiro, que nos últimos doce meses aumentou en 22 mil persoas, mentres que a nacida no Estado español se reduciu en 14 mil.
O incremento da poboación nacida fóra do Estado é máis evidente nos grupos centrais de idade, entre os 20 e os 65 anos. Así, mentres que as persoas nacidas no estranxeiro representan o 10,92% da poboación galega total, entre os 20 e os 44 anos son máis do 18% do total e entre os 45 e 64 supoñen case o 13%.