Galicia perdeu poboación no primeiro trimestre do ano. Trátase dunha caída moi cativa (apenas 87 persoas) pero que converte Galicia na única comunidade autónoma xunto con Estremadura que perdeu habitantes
Galicia perdeu poboación no primeiro trimestre do ano, pois o seu número de habitantes pasou dos 2.699.716 rexistrados o 1 de xaneiro aos 2.699.629 existentes no 1 de abril, segundo os datos da estatística continua de poboación que ofrece o INE e que publicou este martes. Trátase dunha caída moi cativa (apenas 87 persoas) pero que converte Galicia na única comunidade autónoma xunto con Estremadura que perdeu poboación, fronte aos incrementos que rexistraron as demais.
Porén, os datos galegos no primeiro trimestre son mellores que os que se rexistraron no primeiro trimestre do pasado ano, cando a poboación caeu en 500 persoas, e no primeiro trimestre do 2021, cando o descenso foi de case catro mil persoas. O primeiro trimestre do ano adoita ser o peor para os rexistros de poboación, fronte aos tres restantes, nos que o número de habitantes tende a subir. O pasado ano a poboación galega entre abril e decembro medrou en máis de sete mil persoas
Porén, os datos son mellores que os que se rexistraron no primeiro trimestre do pasado ano, cando a poboación caeu en 500 persoas, e no primeiro trimestre do 2021, cando o descenso foi de case catro mil
Así, poderíamos estar ante un cambio de tendencia, cun freo á perda de poboación que se vén producindo dende o final de 2019 e que coincidiu coa pandemia de COVID. Galicia pechou o 2019 con 2.702.605 habitantes e dende entón non foi quen de volver acadar ese nivel simbólico de 2,7 millóns de habitantes, a pesar do aumento de poboación experimentado no final do ano 2022. Un incremento asentado sobre un saldo migratorio positivo, especialmente co estranxeiro, pero tamén co resto do Estado.
Galicia pechou 2019 con 2.702.605 habitantes e dende entón non foi quen de acadar o nivel simbólico de 2,7 millóns, a pesar do aumento do final do 2022
Iso si, de momento, no primeiro trimestre do ano a poboación seguiu caendo, aínda que fose de maneira case imperceptible. A poboación total de España aumentou en 136.916 persoas durante o primeiro trimestre de 2023 e situouse en 48.196.693 habitantes e todas as comunidades autónomas agás Galicia e Estremadura contribuíron a este aumento.
Nos últimos doce meses a poboacón Galicia presenta un saldo positivo (+0,27%)
Nos últimos doce meses tamén Galicia presenta un saldo positivo (+0,27%), aínda que é o terceiro territorio con menor aumento, superando unicamente a Asturias (+0,21%) e a Estremadura, a única que perde poboación dende o 1 de abril de 2022 (-0,22%).
O saldo migratorio exterior vén sendo positivo dende ano 2015 e o saldo migratorio interior (co resto do Estado), que foi negativo para Galicia entre 2014 e 2019, leva sendo positivo dende o 2020
Fronte a unha natalidade á baixa e cun saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) claramente negativo, é a inmigración a que está evitando un despoboamento maior en Galicia. O saldo migratorio exterior vén sendo positivo dende ano 2015 e acadou o seu máximo no ano 2019 (+16.918), descendendo posteriormente nos ano 2020 e 2021. No primeiro semestre do ano 2022 (últimos datos oficiais) o saldo volveu ser extraordinariamente positivo (+12.106)
O saldo migratorio interior (co resto do Estado), que foi negativo para Galicia entre 2014 e 2019, leva sendo positivo dende o 2020, aínda que con saldos inferiores ao exterior, de +6.208 no 2020 e de +3.661 no 2021. No primeiro semestre do ano 2022, o saldo seguiu a ser positivo, pero con cifras cativas (+622).
A estatística continua de poboación do INE ofrece datos parciais sobre os movementos migratorios, destacando unicamente os tres principais lugares de procedencia da inmigración que chega a Galicia (Venezuela, Colombia e Perú).