Xa o avanzaban os datos adiantados polo INE o pasado xuño e o Instituto Galego de Estatística vén de ratificalo. O 2021 foi o ano con menos nacementos en Galicia dende que hai datos comparables. Os falecementos rexistrados no país durante o pasado ano superaron en máis de 18.000 aos nacementos e non porque se dese un incremento relevante da mortalidade -de feito, no segundo ano afectado pola pandemia as mortes diminuíron un chisco-, senón pola enésima caída da natalidade, con algo menos de 14.800 bebés que viñesen ao mundo en Galicia.
O IGE ratifica que o saldo vexetativo e a cifra de nacementos foron en 2021 os máis negativos dende que hai datos comparables
Nun contexto no que nin sequera o saldo migratorio positivo é dabondo para compensar a perda xeral de poboación, ao baixarmos os datos ao terreo a fotografía é significativa. No pasado ano só houbo dous concellos con saldo vexetativo positivo, isto é, con máis nacementos que mortes: Ames, onde naceron 37 persoas máis das que morreron, e Salceda de Caselas, onde o saldo positivo foi de 13 persoas. Hai apenas unha década, os municipios con saldo vexetativo positivo eran 36.
En 13 concellos non se rexistraron nacementos durante o pasado ano
Na banda contraria deses dous concello que aínda resistiron en números positivos están os municipios onde non naceu ninguén en todo o pasado ano. Segundo os datos provisionais divulgados polo IGE para 2021, isto foi o que sucedeu en 13 concellos: A Arnoia, Bóveda, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, Gomesende, Lobeira, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Parada de Sil, A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón e A Teixeira.
En 2020 foran nove os concellos sen nacementos: Cervantes, Navia de Suarna, Ribeira de Piquín, A Arnoia, Caballeda de Avia, Parada de Sil, A Teixeira, Pontedeva e Quintela de Leirado. Media década antes, en 2016, isto acontecera en seis concellos e a principios de século, no ano 2001, só en tres (Negeira, Ourol e Larouco).
Mentres aumentan os concellos sen nacementos, diminúen moi notablemente os que presentan un saldo vexetativo positivo. Se atendemos aos datos da última década (de 2011 a 2021), a diminución é superior ao 90%. Como amosa a táboa baixo estas liñas [premendo en cada ano é posible ordenar os datos], Ames e Salceda de Caselas veñen repetindo cada ano deste período con máis nacementos ca mortes. Non obstante, a marxe é cada vez máis estreita: en 2011a diferenza era de máis de 250 persoas no concello amesán e de case 70 en Salceda. En 2021 os saldos foron os devanditos de +37 e +13, respectivamente.
A práctica totalidade dos concellos que nesta última década figuran na lista dos saldos vexetativos positivos son cabeceiras de comarca ou vilas da contorna das principais cidades. No que atinxe ás sete principais urbes, só dúas presentaron datos positivos nalgún destes últimos dez anos: sucedeu en Lugo en 2012 (+36) e en Pontevedra ata 2014.
En perspectiva temporal, á tendencia é a habitual dende o ano 2008: un lixeiro incremento das mortes e unha diminución dos nacementos moito máis acusada. Hai xa dez anos que Galicia non pecha un exercicio con máis de 20.000 nacementos e o último período relativamente positivo produciuse entre 1998 e o devandito 2008, cadrando co estourido da crise económica e financeira internacional. O último ano con saldo vexetativo positivo foi 1987 (+344).
O empeoramento dos datos demográficos galegos cadra no tempo con diferentes iniciativas por parte da Xunta encadradas nos seus plans de fomento da natalidade. As máis recentes son as prazas gratuítas en escolas infantís. O Goberno galego tamén vén aludindo aos datos migratorios para compensar o balance, pero o certo é que, malia ter un saldo migratorio positivo dende 2016, é insuficiente para compensar o saldo vexetativo negativo.