Cos datos do paro e afiliacións á Seguridade Social feitos públicos polo Goberno central esta semana, os titulares a nivel estatal centráronse nun dato clave: España superaba por primeira vez na historia os 20 millóns de persoas traballadoras en activo. Malia o contexto de inflación, post-pandemia e de guerra na Ucraína, nunca tanta xente houbo traballando no Estado como agora, un récord que a crise demográfica impide (e impedirá) alcanzar a Galicia.
Os datos de cotizantes corroboraron os que leva meses marcando tamén a Enquisa de Poboación Activa (EPA), desde que no outono pasado advertira de que o número de persoas ocupadas superara a barreira dos 20 millóns desde finais de 2008, no comezo da pasada crise financeira. Mantense aínda por riba desa cifra.
Mentres España supera marcas de emprego e ocupación, a crise demográfica impide a Galicia recuperar os niveis previos á crise de 2008
En ningún dos dous casos -nin nos datos de afiliación media mensual nin nos de ocupados da EPA- Galicia pode tan sequera achegarse aos picos previos á quebra de Lehman Brothers, como si ocorre no conxunto do Estado.
Galicia contabilizou en abril un número medio de afiliacións á Seguridade Social de 1.033.997 tras unha lixeira suba de máis de 5.000 persoas. Son 61.000 empregos menos (60.901 en concreto) que os que se alcanzaron en xullo de 2008, récord histórico, e nas datas previas ao inicio da grave crise financeira que faría caer en seis anos a cifra ata roldar as 900.000.
En canto á poboación ocupada, e segundo a EPA, alcanzou no primeiro trimestre deste ano unha cifra total de 1.091.400, moi lonxe tamén do 1.216.400 que foi o pico no terceiro trimestre de 2008 previo á crise. Son, nesta altura, 125.000 persoas ocupadas menos que naquela altura de bonanza económica e de emprego.
España superou os 20 millóns de afiliados á Seguridade Social por primeira vez na historia; Galicia ten 60.000 menos que no seu pico de emprego en 2008
Así, mentres no conxunto do Estado as afiliacións do mes de abril, tanto en media mensual como no último día de mes, alcanzaron récords históricos ao superar a barreira dos 20 millóns, Galicia ten aínda 60.000 empregos menos que nos mellores tempos do seu mercado laboral.
De feito, naquel mes que marca o inicio da crise financeira de 2008, con récord de ocupación e emprego, había no país 18.000 parados rexistrados máis que na actualidade, outra mostra máis que confirma a tendencia dun mercado laboral minguante nunha Galicia lastrada pola crise demográfica e no que a perda de habitantes asenta como factor que incha unhas cifras de caída do paro actuais que non se traducen en dinamismo no emprego.
Todo se explica por ese drama demográfico que provoca que Galicia conte cunha poboación activa -a suma de persoas con traballo e mais das persoas que procuran un emprego- en continuo descenso. Concretamente, 94.300 persoas menos en idade de traballar que as que había antes do estoupido da crise de 2008.
Galicia ten 94.300 persoas en idade de traballar menos que antes da crise de 2008, unha perda derivada da crise demográfica: perde poboación desde 2010
Son as consecuencias da constante do envellecemento e da caída de poboación que sofre desde hai máis dunha década Galicia, que vén de encadear dous anos (2020 e 2021) de importantes descensos na súa cifra de habitantes, coincidindo coa pandemia de COVID. De feito, desde xaneiro de 2020 o país perdeu 12.000 e a evolución no último ano contrasta, tamén, co pequeno aumento rexistrado no conxunto do Estado (50.490 habitantes máis).
Segundo os datos provisionais do padrón municipal publicados a finais deste mes de abril polo INE, a poboación de Galicia volveu caer, cun descenso de 6.500 habitantes no último ano e a cifra máis baixa nos últimos 50 anos, cunha perda de 108.000 residentes dende o ano 2010, o ano que marcou o máximo das últimas tres décadas.
En Galicia viven 2.689.152 persoas, unhas 95.000 menos que naquel 2008 que marcou récord de emprego e persoas ocupadas e que agora vira como fito que Galicia, agás milagre demográfico, non aspira xa a alcanzar. A clave está, ademais, no envellecemento, que explica o agudizado descenso da poboación activa. A finais de 2020, e por primeira vez, o número de persoas maiores de 65 anos duplicou o de menores de 15 en Galicia.
A idade media no país está xa por riba dos 48 anos, só por detrás da de Asturias e Castilla y León e moi lonxe da media española (44)
De feito, e segundo os últimos datos do INE, a idade media en Galicia sitúase xa por riba dos 48 anos (48,04), a terceira máis elevada do Estado só por detrás da de Asturias (49,18) e Castilla y León (48,26) e moi lonxe da media española (44,09).
En Galicia hai xa máis de 700.000 persoas maiores de 65 anos, fronte ás pouco máis de 500.000 do ano 1998. Este grupo representa o 26% do total da poboación e o seu peso no conxunto achégase xa ao dos menores de 35 anos, un colectivo que non deixa de minguar. No ano 1998 a poboación menor de 35 anos sumaba 1.179.000 persoas, mentres que hoxe non chega ás 800.000.