A indefinida representa en Galicia xa máis do 40% do total da contratación. Así foi no pasado mes de abril, segundo os datos feitos públicos este mércores polo Ministerio de Traballo. A entrada en vigor da reforma laboral -e o feito que desde hai algunhas semanas estean vixentes xa os principais efectos sobre a temporalidade- dá un novo pulo aos contratos indefinidos no país e no conxunto do Estado.
A contratación indefinida representou o 42,2% da total en Galicia en abril, onde se asinaron ou converteron a fixos máis de 27.000 contratos
Os datos son elocuentes. Do total de máis de 64.000 contratos asinados en Galicia en abril, 27.179 foron indefinidos ou convertidos a indefinidos, o que supón máis de catro de cada dez (42,2%), unha porcentaxe histórica, máis de dez puntos superior á do pasado mes de marzo e moito máis alta do que adoita desde hai anos, cando roldaba sempre o 10%. Con todo, eses máis de 27.000 contratos fixos son uns 6.000 menos que en marzo e 1.326 menos que no mesmo mes do pasado ano, un descenso do 2% que contrasta co aumento de case o 7% na contratación a nivel estatal.
O avance continuo e sostido da contratación indefinida e da perda de peso da temporal é debido, fundamentalmente, á entrada en vigor da nova reforma laboral o pasado 31 de decembro, aínda que as principais medidas, como a implantación dos novos contratos laborais, estaban aínda pendentes logo de que o Goberno dese un prazo de tres meses de adaptación á norma. Ese trimestre de prazo finalizou o pasado 31 de marzo, polo que os efectos máis evidentes chegaron agora en abril.
O 27% dos contratos asinados no primeiro cuadrimestre do ano en Galicia foron indefinidos, fronte ao 10% de media habitual ata a nova reforma laboral
Desde este mes de abril xa non pode subscribirse en España o contrato de obra ou servizo, o máis sinalado polo abuso da temporalidade, e entraron en vigor os novos contratos temporais da reforma laboral, que buscan restrinxir o seu uso e impulsar o emprego indefinido. Ademais, activáronse tamén os novos contratos formativos e as mudanzas nos contratos fixos-discontinuos.
Así, no que vai de ano, o 27% dos contratos asinados en Galicia foron indefinidos. Neste primeiro cuadrimestre, dos máis de 270.000 contratacións, case 75.000 foron fixas. Ademais, a proporción de contratación indefinida multiplica por catro a de hai un ano: o 42 % que representa actualmente contrasta co 11,4 % de doce meses atrás. Así, a temporalidade reduciuse en 17 puntos nun ano, pasando de representar case o 89 % en abril de 2021 ao 58 % en abril de 2022.
Con todo, os datos no conxunto de España advirten tamén dun grande incremento dos contratos indefinidos a tempo parcial. Do total de contratacións fixas, case 285.000 foron a tempo completo e uns 414.000 a tempo parcial. Os primeiros aumentaron un 177% respecto ao pasado ano e os segundos, un 574%. Esta tendencia, como advirten os sindicatos, debe terse en conta e corrixir xa que son moitas as persoas que traballan a tempo parcial de maneira involuntaria ao non pdoer optar a contratos a tempo completo. Ademais, son maioritariamente as mulleres as que sofren este problema.
Por outra banda, con respecto ao paro rexistrado, baixou en Galicia en 2.734 persoas, quedando a cifra total en 150.602 un 11,8 % menos ca no mesmo mes do ano anterior e un lixeiro descenso do 1,8% respecto a marzo. En ambos casos, o descenso é moito menor que o que se dá no conxunto do Estado, cunha caída interanual de case o 23% e do 2,8% en relación ao mes anterior.
O paro rexistrado baixa, fundamentalmente, no sector servizos e mantense case inalterable no resto de sectores, mesmo cunha lixeira suba na industria
O paro rexistrado en abril -que segue marcado pola guerra da Ucraína e as súas consecuencais económicas- descende fundamentalmente no sector servizos, con 2.605 persoas menos apuntada nas oficinas de emprego. De feito, baixa lixeiramente na agricultura (-59) e na construción (-71) pero aumenta de novo na industria (+42).
En canto á afiliación á Seguridade Social, a media en abril en 5.540 persoas, unha suba do 0,54% (0,93%, ata os 1,03 millóns), un 3,19% máis que no mesmo mes de 2021 fronte ao aumento do 5% no global estatal.
Por último, no pasado mes de marzo cobraron algún tipo de prestación por desemprego 85.612 persoas en Galicia: 37.927 prestacións contributivas e 47.685 subsidios. Do total de prestacións contributivas por desemprego, case 5.000 corresponden a prestacións por ERTE COVID.