A era Feijóo remata en Galicia cun descenso do paro a respecto do momento da súa chegada á Xunta en abril de 2009. Son, concretamente, unhas 26.000 persoas desempregadas menos segundo a última actualización da Enquisa de Poboación Activa (EPA), correspondente ao último trimestre de 2021. No entanto, isto non quere dicir que haxa 26.000 persoas máis a traballar no país que hai trece anos, cando o xa líder do PP estatal accedera á presidencia do Goberno galego. Ben ao contrario, a poboación ocupada diminuíu neste tempo en case 65.000 persoas, case o triplo do que descendeu o desemprego, confirmando a tendencia dun mercado laboral minguante nun país lastrado pola crise demográfica e no que a perda de habitantes asenta como factor que incha unhas cifras de caída do paro que non se traducen en dinamismo no emprego.
Os datos son claros. Tamén os do paro rexistrado, que mostran que Galicia pechou o pasado mes de febreiro cunhas 56.150 persoas menos apuntadas nas oficinas de emprego que as que había en abril de 2009 (154.509 freonte ás 210.667).
Galicia ten menos paro que cando Feijóo accedeu á presidencia, pero polo camiño perdeu 3.500 empregos e 65.000 persoas ocupadas
A baixada supón un descenso de case o 27% no número de persoas paradas rexistradas nestes trece anos. No entanto, Galicia conta tamén nesta altura con menos persoas afiliadas á Seguridade Social -e xa que logo menos empregos- que daquela. En concreto, a afiliación media chegou ás 1.026.146 no pasado mes de febreiro fronte ás 1.029.597 de abril de 2009. Case 3.500 menos hoxe que cando Feijóo aterrou en San Caetano.
Polo tanto, e malia que Galicia conta hoxe en día con menos paro que hai trece anos (26.000 persoas paradas menos segundo a EPA e unhas 56.000 menos apuntadas nas oficinas de emprego), tamén ten moitas menos persoas ocupadas (-65.000) e mesmo perdeu emprego, ao contar con menos traballadores e traballadoras afiliadas á Seguridade Social. Datos todos que supoñen que esa baixada no número de parados non se poida explicar pola creación de novos postos de traballo.
As cifras que evidencian un mercado laboral galego minguante e en retroceso desde a chegada de Feijóo á Xunta só son entendibles nun contexto no que, no mesmo período, o país perdeu máis de 76.000 habitantes. A baixa natalidade e a caída da inmigración levaron o censo de habitantes ao seu mínimo en 50 anos, ata quedar por baixo dos 2,7 millóns. Consecuentemente, a poboación activa -a suma de persoas con traballo e mais das persoas que procuran un emprego- caeu tamén en máis de 90.000 persoas desde aquela, quedando en arredor de 1,23 millóns.
Todas estas cifras están, loxicamente, marcadas tamén pola grave crise económica que desde finais de 2008 fixo que o paro se disparase con incrementos interanuais de máis de 50.000 persoas. Nese punto crítico comezou tamén o devalo da poboación activa, con breves parénteses que non impediron un importante saldo negativo.
Na 'era Feijóo', a mocidade galega no paro reduciuse un 45% pero a que ten traballo caeu aínda máis: por riba do 46%
Se hai unha franxa de idade onde máis se nota esta crise laboral e demográfica que marca a era Feijóo no ámbito do emprego é na mocidade. Así o acreditan os datos debullados no IGE sobre os resultados da EPA. Atendendo ás series correspondentes para a poboación de entre 16 e 29 anos, que se inician a mediados de 2009 -o considerado como primeiro ano enteiro da crise-, case trece anos despois a poboación moza desempregada reduciuse perto dun 45%. Pero, ao tempo, a xente nova que traballa en Galicia caeu por riba do 46%.
Son 27.700 mozos e mozas paradas menos que a mediados de 2009 pero case 100.000 ocupadas menos tamén. Mentres, o total en situación de inactividade -non incorporados ao mercado laboral por estaren, por exemplo, aínda seguindo estudos- rolda as 173.000 persoas, unhas 18.000 máis que daquela.
Ao tempo, a taxa de actividade empeorou considerablemente. Por exemplo, na franxa de idade de 25 a 29 caeu case catropuntos, ata o 80,9%, mentres que de 20 a 24 baixou en maís de vinte, do 63,8% ao 41,1%.
En trece anos, Galicia perdeu uns 80.000 empregos na industria, a construción e o sector primario; no mesmo periodo, o sector servizos gañou 80.000
Unha ollada aos datos de afiliacións á Seguridade Social deixa claro tamén a terciarización da economía galega e o modelo laboral que saíu reforzado desta era Feijóo: o do turismo e o sector servizos. Así, nestes trece anos de gobernos do actual líder do PP, Galicia perdeu case 17.000 empregos na industria, máis de 43.000 na construción e máis de 21.000 na agricultura e a pesca. Pola contra, gañou perto de 80.000 nos servizos, que é o sector que abrangue o 72,3% do total de persoas afiliadas ata superar as 740.000, segundo datos do último día do pasado mes de febreiro. O peso deste sector cando o aínda presidente da Xunta chegou ao poder era do 64,5%.
O transvasamento foi case total, xa que entre o sector primario e secundario perderon practicamente o mesmo número de empregos que no mesmo período gañou o sector terciario: eses 80.000.
Ademais, o mercado laboral galego -malia o aumento da contratación fixa nos últimos meses polo efecto da nova reforma laboral- quedou marcado nestes anos por unha rotación, temporralidade e precariedade cada vez maior. Así, se en 2009, ano no que Feijóo chegou á presidencia da Xunta, se asinaron en total algo máias de 683.000 contratos, en 2021 foran máis de 918.000: 235.000 máis.
O caso é que en 2009 tan só 66.500 das contratacións foron indefinidas, o que supuña o 9,73% do total. Doce anos despois, en todo 2021, foron 90.000 os contratos fixos, o que equivale a unha porcentaxe case idéntica á daquela, do 9,8%. A era Feijó, xa que logo, non supuxo mellora ningunha no grave problema da temporalidade no emprego. Por regra xeral, arredor do 90% dos contratos asinados foron temporais, unha tendencia que só mudou coa aplicación da nova reforma laboral nos últimos meses, período no que a contratación indefinida subiu ata alcanzar no pasado mes de febreiro o maior nivel do século.