Galicia foi unha das nove autonomías onde se incrementou o paro rexistrado
A recuperación do mercado laboral galego da crise derivada da COVID continúa en Galicia, onde segue tamén a un ritmo menos rápido que o do conxunto do Estado, tal e como advertira xa a última Enquisa de Poboación Activa (EPA), pero onde a contratación indefinida soben como nunca o fixera no que vai de século, batendo récords ao superar os 15.000 contratos fixos.
En febreiro, as inscricións nas oficinas de emprego aumentaron en Galicia en case 600 (+577) e un 0,37%, sendo o país unha das nove comunidades autónomas onde se incrementou o paro rexistrado con respecto a xaneiro, fronte ao descenso do 0,36% no total estatal.
O paro rexistrado só aumentou na provincia de Pontevedra, entre as mulleres e no sector servizos no pasado mes de febreiro
Foi Pontevedra quen tirou deste incremento nas inscricións nas oficinas de emprego, xa que é a única provincia onde aumenta o número de persoas paradas que, ademais, só atinxe as mulleres. Ademais, o paro rexistrado baixa en todos os sectores agás nos servizos (+713) e no colectivo sen emprego anterior (+301).
Así e todo, as persoas paradas quedan en 154.059, que son 30.719 menos que hai un ano, o que supón unha caída do 16,58%, case seis puntos inferior á baixada a nivel do Estado, que é do 22,38%. Supoñen, ademais, 11.720 menos que no mes de febreiro de 2020, o inmediatamente anterior á pandemia, confirmando a recuperación postCOVID.
Por outra banda, as afiliacións medias á Seguridade Social en Galicia aumentaron en febreiro un 0,41% (+4.193) e no total estatal, un 0,34%. O total de poboación afiliada é agora de 1,026 millóns, un 3,23% máis que en febreiro de 2021 (+32.117 empregos), un crecemento máis achegado ao estatal, que é do 4,5%.
Onde si está Galicia mantendo unha evolución semellante á do conxunto do Estado é no considerable incremento da contratación indefinida logo da reforma laboral aprobada polo Goberno de España e ratificada hai poucas semanas no Congreso dos Deputados. Durante o mes de febreiro de 2022 asináronse no país case 65.000 contratos, segundo os datos do Ministerio de Traballo. A maioría, como adoita suceder, foron temporais (case 50.000), mentres que os restantes -uns 15.000- foron indefinidos, incluíndo nestes os convertidos de temporais a fixos (case 6.000).
O número de contratos indefinidos supón máis do 23% do total en Galicia en febreiro, unha porcentaxe moito máis alta do que adoitaba ata hai poucos meses, cando roldou sempre o 10%. Ademais, eses máis de 15.000 contratos indefinidos son 3.621 máis que en xaneiro, o que supón un incremento do 32,8%, e perto de 10.000 máis que no mesmo mes do pasado ano, un aumento do 167%, superior ao do conxunto do Estado.
En Galicia asináronse 15.000 contratos indefinidos en febreiro -o 23% do total-, que supoñen un incremento do 167% respecto a hai un ano
Non hai comparación. A anterior cifra máis alta de crecemento de contratos indefinidos nun mes de febreiro é a de 2013, cando roldara o 30%, atendendo ás bases de datos do IGE.
Reparando nesas mesmas cifras, este pasado febreiro non só é o mellor mes en contratación indefinida que se lembra, senón que acada o seu nivel máis alto en Galicia desde que se iniciara o século, só superado polos 15.230 contratos fixos que se asinaran en xaneiro de 2007.
O pasado febreiro é xa o mes con máis novos contratos indefinidos no que vai de século en Galicia
Aquela repunta de hai quince anos, que podería explicarse polas boas cifras económicas e laborais previas á crise de 2008, fora en realidade impulsada por unha reforma da normativa laboral do Goberno de Rodríguez Zapatero que bonificaba a conversión de contratos temporais en permanentes. Aquilo provocou que no primeiro mes de 2007 se asinasen eses máis de 15.000 contratos fixos en Galicia, dos que uns 10.500 foran en realidade conversións de temporais.
Neste pasado mes, foron menos de 6.000 as conversións a indefinidos -impulsadas tamén polas mudanzas que implica a nova reforma laboral- e máis de 9.000 os novos contratos indefinidos.
Xa que logo, este febreiro de 2022 converteuse no mes con máis novos contratos indefinidos no que vai de século en Galicia.
Os sindicatos sinalan o efecto da reforma laboral
Desde os sindicatos, CCOO-Galicia destaca que "grazas ao acordo de reforma laboral, a contratación indefinida segue subindo no país e representa xa case un de cada catro contratos rexistrados, máis do dobre que hai un ano".
UGT, pola súa banda, cre que os datos "reflicten a gran incidencia positiva da reforma laboral no mercado de traballo, cun crecemento récord da contratación indefinida. "Grazas a esta reforma impulsáronse os contratos indefinidos ata o 23,13%, multiplicándose por máis do dobre respecto a 2021", di o sindicato.
Na CIG, o seu secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, apunta que "xa se reflicte a aplicación da reforma laboral" ao haber "6.000 contratos menos que no mes de xaneiro porque houbo un descenso en todas as modalidades de contratación temporal". "Aumentan os contratos ordinarios, de duración indefinida e os convertidos a indefinidos", destaca, malia advertir da falta de datos sobre a modalidade de fixos discontinuos, máis aló de que no Estado aumentou nun 75,8% e que os contratos a tempo parcial incrementáronse nun 47%.
"Esta contratación indefinida tamén agocha precariedade polas incertas condicións, traballadoras e traballadores que aínda que son fixos van cobrar o paro porque van ter etapas de inactividade, que poden ser mesmo maiores que as etapas de actividade”.
Por iso conclúe que “o único que se está facendo coa reforma do goberno é agochar os datos de precariedade que hai no mercado galego e no do Estado español”.