Galicia rematou 2021 con 1,09 millóns de persoas traballando e unhas 135.000 no paro, segundo a Enquisa de Poboación Activa do cuatro trimestre do pasado ano, publicada este 27 de xaneiro de 2022. Isto implica que, malia ao incremento do desemprego (+8.400) e o descenso do emprego (-21.200) nese trimestre a respecto do anterior, o ano finalizou con 10.400 persoas máis a traballar e 7.000 menos buscando un emprego.
Galicia rematou 2021 con 10.400 persoas máis traballando e 7.000 menos no paro que un ano antes, pero a mellora é das máis cativas entre todas as comunidades autónomas e concéntrase nun único sector, o dos servizos
Tanto en termos absolutos como relativos, as principais cifras da EPA falan de recuperación do mercado laboral en Galicia tras o golpe da COVID. Pero esta comparación do país consigo mesmo fica ensombrecida ao poñer os datos galegos en comparación coa media estatal e coa doutros territorios da nosa contorna. Galicia non recupera as cifras absolutas de emprego previas á crise da pasada década -o cal si acontece no total estatal- polo pronunciado devalo demográfico, pero a mellora do último ano é das máis cativas entre as comunidades autónomas e está lonxe do dato estatal tanto en emprego como en paro.
Como amosan os gráficos sobre estas liñas, o avance interanual do emprego -en cifras redondas, cun 1% máis de poboación ocupada que no remate de 2020- procede dun único sector, o dos servizos, que durante a pandemia seguiu a gañar peso na economía galega. Mentres, as algo menos de 66.000 persoas que traballan no agro e na pesca son case un 7% menos que hai un ano. Tamén retrocedeu a ocupación na construción (-5,4%) e na industria (-0,5%) malia aos lixeiros crecementos que o emprego nestes sectores experimentou no cuarto trimestre do ano a respecto do terceiro.
As taxas de paro e emprego están en niveis practicamente idénticos aos anteriores á pandemia
Dado que as cifras absolutas poden resultar enganosas polo devalo demográfico que sobre Galicia, unha vía máis precisa para comparar a actual situación coa da anterior crise económica é observar as taxas de ocupación e paro, isto é, a porcentaxe da poboación maior de 16 anos que ten traballo e mais a porcentaxe das persoas activas (en idade de traballar) en situación de desemprego. A taxa de ocupación finalizou 2021 no 46,6%, un valor practicamente idéntico ao do remate de 2019, xusto antes da pandemia. Mentres, a de paro quedou no 11%, unhas sete décimas menos que daquela.
A respecto da anterior crise económica internacional -cuxo estourido se sitúa no trimestre final do ano 2008-, Galicia ten máis paro e menos emprego. Daquela, a taxa de paro estaba no 9,6% e a de emprego, no 49,7%, tres puntos máis que na fin de 2021.
No que atinxe á poboación asalariada, a evolución é positiva tanto a respecto do remate de 2020 como con relación ao ano previo á pandemia. As persoas asalariadas cun traballo a xornada completa e contrato indefinido son unhas 6.200 máis que a finais de 2019, mentres que as que traballan a tempo completo, pero cun contrato temporal, caeron nunhas 2.500. Así todo, o persoal con contrato indefinido medrou máis entre quen traballa a xornada parcial (+8.500).
Á cola do Estado en aumento do emprego e redución do paro
A media estatal de incremento do emprego cuadriplica amplamente a mellora galega e a redución do paro é máis de tres veces superior á rexistrada en Galicia
É na comparativa co resto do Estado onde a recuperación do mercado laboral galego máis enfraquece. O devandito 1% de crecemento da poboación ocupada (obviando o redondeo fica no 0,96%) é o segundo máis baixo do Estado, só por diante do dato de La Rioja, comunidade autónoma que adoita estar afectada por fortes erros de mostraxe na EPA polo seu reducido tamaño. Isto implica que o avance galego é menos dunha cuarta parte do crecemento do emprego na media estatal durante 2021, cun 4,35% de avance.
Galicia tampouco sae ben parada na comparación da redución do paro. A mingua galega do -9,42% da poboación en situación de desemprego é a terceira máis feble, só por diante de Cantabria e, outra volta, de La Rioja, ambos territorios habitualmente afectados polas devanditas distorsións da mostra. A media estatal de redución do desemprego triplica ampliamente a de Galicia, xa que quedou no 16,56% no peche de 2021.