Galicia sae da crise laboral da COVID afondando nun modelo baseado no turismo e o sector servizos

O peso do sector servizos no mercado laboral galego incrementouse tras os meses de maior intensidade da pandemia da COVID CC-BY-NC-SA Foto: CIG | Montaxe: Praza.gal

Galicia afronta xa a saída da crise do emprego pola COVID pero faino agudizando a súa viraxe cara a un modelo laboral máis terciarizado, afondando na crise industrial, con maior preponderancia do sector servizos e con máis asalariados na hostalería -malia o duro impacto sufrido polo coronavirus no sector- que na etapa xustamente anterior á chegada da pandemia a Galicia. 

No último día de febreiro de 2020, pouco antes da declaración da emerxencia sanitaria por parte da Xunta e do estado de alarma polo Goberno central, Galicia contaba con 1.012.422 afiliacións á Seguridade Social. 21 meses despois, a 31 de outubro de 2021, alcanzou 1.034.025, unhas 22.000 máis, incluíndo nelas as máis de 8.000 persoas que aínda se atopan en ERTE, perto de 6.000 aínda ao amparo dun expediente vinculado directamente á COVID, mecanismo que chegou a acoller máis de 180.000 persoas no mes posterior ao inicio do confinamento.

Desde a chegada da pandemia, Galicia gañou 11.000 empregos no sector servizos e perdeu 1.400 na industria; a hostalaría ten uns 2.000 asalariados máis

Por sectores, tendo en conta os últimos datos, do último día de setembro, Galicia mantén as cifras de emprego anteriores á COVID en todos eles agás no sector servizos, onde hai arredor de 11.000 persoas máis traballando (739.000 fronte ás pouco máis de 728.000 de finais de febreiro de 2020). Pola contra, polo camiño, a industria non só se recupera senón que perde 1.400 traballadores, mentres que no sector primario os números son case idénticos (algo menos de 59.000 persoas afiliadas) e na construción hai 2.300 máis, ata alcanzar os 79.000. 

Así, mentres a suba de emprego nos sector servizos foi de case punto e medio porcentual desde febreiro de 2020, a caída na industria é dun punto. 

Na hostalería, unha das actividades que máis peches e restricions sufriu durante a pandemia, a recuperación foi tamén total, polo menos en comparanza co mes anterior á chegada da COVID. Segundo os datos de afiliación media mensual, neste pasado outubro o persoal asalariado en bares e restaurantes en Galicia ascendía a case 52.700 persoas fronte ás 50.600 de febreiro de 2020: uns 2.000 empregados máis. 

En agosto, a cifra de persoas empregadas na hostalería roldou as 60.000, na época de maior actividade e tirón polo turismo. No mesmo ámbito, ademais, o número de autónomos hostaleiros quedou en outubro pasado en 21.634, só uns 300 menos que antes do coronavirus. 

Alén disto, os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) reafirman unha tendencia: o impacto da COVID vai quedando atrás, pero asenta un modelo laboral terciarizado: hai 44.500 persoas ocupadas máis nos servizos que hai un ano e 15.000 menos no resto de sectores.

España superou a cifra de persoas ocupadas previa á anterior crise, un obxectivo utópico en Galicia pola caída demográfica e a perda de poboación activa

Ademais, e tamén segundo a EPA, a poboación ocupada ascende a 1.112.500 persoas en Galicia no terceiro trimestre, case 30.000 máis respecto ao do ano pasado e 6.800 máis que no verán de 2019 previo á pandemia. De restar na cifra total o persoal en ERTE a xornada completa --6.330 en setembro que non contan como parado--, a ocupación situaríase nunha cifra case idéntica á de hai dous anos, en niveis prepandemia: 1.106.170. 

Pero, mentres a nivel estatal, España superou no terceiro trimestre os 20 millóns de persoas ocupadas, algo que non acontecía desde finais de 2008, en Galicia, a ocupación sitúase perto dos niveis, aínda sen superalos, do verán de 2010. Co detalle non menor de que aquel ano, tamén Xacobeo coma este, supuxo unha anomalía positiva pola repunta no emprego, que logo caería ata alcanzar as súas peores cifras. 

A nivel global, España recupera niveis de emprego anteriores á crise iniciada en 2008, un obxectivo utópico xa en Galicia pola crise demográfica. Para logralo, en cifras EPA, o país tería que sumar máis de 100.000 persoas ocupadas máis ás estatísticas para acadar o número que había xusto antes da caída de Lehman Brothers que supuxo o inicio da gran recesión que duraría uns seis anos máis. 

100.000 é tamén, aproxidamente, a poboación activa que perdeu Galicia nos últimos doce anos, descenso que inflúe tamén á hora de analizar as cifras de paro rexistrado, que si está en niveis previos á crise de 2008. 

Ao tempo, a precariedade e temporalidade mantéñense cronificadas no mercado laboral galego. Os últimos datos do paro indican que no pasado mes de outubro rexistráronse en Galicia 89.209 contratos (7.409 menos que en setembro), dos cales 81.296 -menos do 9%- foron indefinidos. Neste outono, Galicia rachou coa xeira positiva do emprego no conxunto do Estado e afondou no modelo que, irremediablemente, fai baixar o paro coa chegada do verán, o turismo ata que setembro e outubro supoñen a destrución de milleiros de postos de traballo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.