É a constante de cada mes de setembro. Finalizado o verán e a temporada alta de turismo, Galicia destrúe milleiros de empregos, empeora a media estatal e os datos afondan na realidade dun mercado laboral marcado pola elevada rotación, a temporalidade e a precariedade da contratación estacional no sector servizos.
O final do verán volve destruír empregos en Galicia, desta vez máis de 5.400 en setembro, ademais de subir o paro rexistrado en 1.790 persoas
Desta vez, a afiliación media á Seguridade Social descendeu en 5.421 persoas no pasado mes, unha caída do 0,5% respecto a agosto que deixa o total nos 1,034 millóns (1,025 no último día de mes), que aínda é un 2,22% máis que a de hai un ano. Destruíronse desta vez máis de 5.400 empregos en setembro, cando no mesmo mes de 2019 (último ano anterior á COVID) foran máis de 7.000 ou uns 6.500 en 2018 e 2017.
Non é, xa que logo, unha destrución conxuntural de emprego, senón a consecuencia dun modelo que agroma así que se debullan os datos. Tamén no que ten que ver coas inscricións nas oficinas de emprego, que aumentaron en 1.790 durante setembro en Galicia, unha das cinco únicas comunidades autónomas nas que aumentou o paro rexistrado, que a nivel estatal caeu un 2,3%. Queda así en 153.054 persoas, un 13,32% menos que no mesmo mes de 2020.
O paro rexistrado descendeu na agricultura, na industria e na construción pero aumenta en case 2.000 persoas no sector servizos
O final da temporada estival marca as cifras, xa que, en realidade, o paro rexistrado descende na agricultura, na industria e na construción, pero o aumento no sector servizos (+1.973 persoas) e, en menor medida, no colectivo sen emprego anterior (+208) acaba por decantar a balanza. O emprego na hostalería e no turismo marca os malos datos como antes determinara os máis positivos, nunha roda que se repite cada ano.
De feito, Galicia destruíu máis de 5.400 empregos en setembro malia que nese mes se asinaron 96.612 contratos, 16.384 máis que no mesmo mes do pasado ano. Menos do 9% destas contratacións foron indefinidas.
Neste caso, a mocidade adoita ser a máis afectada e o paro entre os menores de 25 anos medrou en setembro un 10,8%, un incremento por riba do resto de franxas de idade e influencia por esta contratación temporal de xente nova para empregos eventuais durante o verán.
Así, mentres en Galicia o comportamento do paro e da afiliación mantén as constantes dos últimos anos, sendo setembro un mes onde tradicionalmente sobe o desemprego pola fin dos contratos de verán, no conxunto de España ráchase con esa tendencia, ao reducirse o paro rexistrado en máis de 76.000 persoas, unha caída histórica, e aumentar o número medio de persoas afiliadas en máis de 57.000, por riba dos rexistros habituais do mes.
En Galicia aínda hai 9.842 en ERTE, 6.330 delas a xornada completa
Ademais, ao número de persoas desempregadas en Galicia hai que engadir tamén as que aínda están en ERTE, parcial ou total, en Galicia: 9.842, arredor dun milleiro menos que no pasado mes de agosto, que non se consideran desocupadas nas estatísticas.
Do total de persoas en ERTE, 4.241 son homes e 5.601 mulleres. Ademais, 3.512 dos ERTE son a tempo parcial e 6.330 a xornada completa, mentres que máis de 10.000 autónomos (10.250) seguen a cobrar algunha prestación polo coronavirus.
Por outra banda, e ante o conxunto de cifras, a Xunta destaca que Galicia "acumula seis meses consecutivos de descenso do paro na evolución anual" e céntrase, precisamente, na diferencia co mesmo período do exercicio pasado.
Ademais, destaca tamén que o país "recuperou todo o emprego perdido como consecuencia da COVID" e que conta xa "con menos persoas desempregadas que antes da pandemia".