O Estado do Benestar evita que 760.000 persoas entren na pobreza en Galicia

Xosé Cuns, director de EAPN Galicia - Rede Galega de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social, na presentación do XV informe do Estado da Pobreza en Galicia 2025, no Parlamento de Galicia © EAPN

509.000 persoas residentes en Galicia viven en risco de pobreza e exclusión social, pero sen as axudas das diferentes administracións públicas a cifra elevaríase ás 1.144.000 persoas en total, 760.000 persoas máis 

509.000 persoas residentes en Galicia viven en risco de pobreza e exclusión social. Trátase dunha cifra elevada pero que leva anos en descenso e que sitúa a Galicia entre os territorios do Estado con ménos pobreza e desigualdade. En 2024 a taxa de pobreza e a exclusión social sufriu unha caída de 6,7 puntos no noso país, o que siginificou que case 180.000 persoas saíron da pobreza.

Así o destaca o XV informe do Estado da Pobreza en Galicia 2025, presentado este venres no Parlamento por EAPN Galicia - Rede Galega de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social, que destaca que os datos do pasado ano "con toda a prudencia, levan ao optimismo".

"En Galicia a taxa AROPE baixa, ao contrario que noutras Comunidades Autónomas como Madrid, Castela A-Mancha, Murcia ou Castela e León que soben. Este fenómeno débese en parte aos avances nas políticas sociais e medidas de protección que se poden levar a cabo grazas á boa sintonía que teñen as distintas formacións políticas que integran o Parlamento, onde non hai cabida para o odio". salientou na presentación do informe a entidade, representada pola súa presidenta, Ana Pardo, o director, Xosé Cuns e a responsable de investigación, Nerea Rivero. 

Efecto das transferencias das administracións públicas na taxa de pobreza en Galicia © EAPN

En 2024 a taxa de pobreza e a exclusión social sufriu unha caída de 6,7 puntos no noso país, o que siginificou que case 180.000 persoas saíron da pobreza. Son datos que "con toda a prudencia, levan ao optimismo", destaca EAPN

EAPN-Galicia fai fincapé na importancia do papel das administracións públicas e do escudo social que permite que máis xente saia da pobreza e evite entrar en situación de exclusión. Sen estas axudas do Estado de Benestar, as 509.000 persoas en situación de pobreza elevaríanse a 1.144.000 persoas en total, o que suporía 760.000 persoas máis en risco de pobreza que a cifra actual.

O impacto das pensións de xubilación e supervivencia en Galicia é maior que a nivel do Estado. Mentres que manter as pensións de xubilación e supervivencia reduce a pobreza en Galicia 22,5 puntos, no conxunto de España faino en 16,6 puntos. 

Se se mantivesen as pensións de xubilación e supervivencia e non houbera outras transferencias e medidas contra a pobreza e a exclusión social das diferentes administracións, a taxa de pobreza acadaría ao 19,8% da poboación galega (5,6 puntos máis), é dicir, unhas 536.000 persoas en total (152.000 máis), o que confirma a importancia do sistema de protección máis alá das pensións, destaca o informe.

Entre os factores que explican a redución da taxa de pobreza en Galicia está a redución do risco de pobreza e exclusión social infantil e xuvenil

Entre os factores que explican a redución da taxa de pobreza en Galicia está a redución do risco de pobreza e exclusión social infantil e xuvenil, que caeu 10,7 puntos no ano 2024. Ademais, mentres que no ano 2023, a porcentaxe de risco de pobreza dos fogares con nenos e nenas era dun 27,1%, no 2024 experimenta unha caída ata o 15,7%. 

Segundo o informe, isto pode ser resultado das políticas de protección ás familias a nivel autonómico que se están a dar como a gratuidade das escolas infantís ou a tarxeta benvida. Estes datos non son tan positivos se analizamos por tipoloxía do fogar, pois o 31,2% das familias monoparentais galegas seguen a estar en risco de pobreza.

O informe tamén alerta de que a vivenda "segue a ser un factor de empobrecemento". Un 36,1% de persoas que viven de alugueiro están en risco de pobreza fronte a un 14,8% que viven en propiedade

Con todo, o informe tamén alerta de que a vivenda "segue a ser un factor de empobrecemento". Destácase que os fogares en situación de pobreza continúan a facer un maior esforzo no pago da vivenda, pois un 33,2% dos seus ingresos está destinado a pagar unha vivenda. 

Neste senso, segue a existir unha fenda importante entre as persoas que viven de alugueiro e as que viven en propiedade. Un 36,1% de persoas que viven de alugueiro están en risco de pobreza fronte a un 14,8% que viven en propiedade. Este dato dá conta da subida dos prezos dos alugueiros que afecta principalmente á poboación en pobreza e que incrementa aínda máis as dificultades de emancipación da mocidade e o desenvolvemento do seu proxecto vital. 

EAPN reclama do Goberno galego a modificación da Lei de Inclusión Social para facilitar o acceso á RISGA e a súa complementariedade co IMV mentres non se transfira á Xunta

“A mellora da maioría dos indicadores demostra que cando hai vontade política e compromiso orzamentario conxunto das administracións, é posible avanzar. Non é casualidade. En Galicia, estes indicadores melloran moito máis que no conxunto do Estado”, destacou Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia.

En canto ás medidas a tomar no fituro, a entidade urxe á Xunta “á modificación da Lei de Inclusión Social para facilitar o acceso á RISGA e a súa complementariedade co IMV mentres non se transfira á Xunta". Tamén reclama un maior apoio ás familias monoparentais, das que máis de 35.000 se atopan en situación de pobreza. Igualmente, recoméndase a aprobación de programas integrais de inclusión sociolaboral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.