Os datos galegos son os mellores de todo o Estado e, ademais, presentan unha importante mellora no último ano. Porén, o número de menores que sofren pobreza no país é aínda moi elevado. "Non podemos conformarnos", salienta a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia
Dende hai uns anos a problemática da pobreza afecta en maior medida no Estado español ás novas xeracións, debido principalmente á cantidade de familias con menores que sofren limitacións de recursos e que se atopan en situación de inclusión. É por iso, por exemplo, que entre as persoas perceptoras do Ingreso Mínimo Vital predominen as mulleres de mediana idade con menores ao seu cargo ou que a pobreza se cebe nas familias monoparentais, dependentes na súa inmensa maioría de mulleres
Uns 58.000 nenos, nenas e adolescentes viven en risco de pobreza ou exclusión social en Galicia, segundo o informe Análise da Enquisa de Condicións de Vida con enfoque de infancia en Galicia, elaborado pola Plataforma de Infancia en colaboración coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia. Os datos galegos son os mellores de todo o Estado e, ademais, presentan unha importante mellora no último ano. Porén, o número de menores que sofren pobreza no país é aínda moi elevado, alertan estas entidades, que lembran que España é o país da UE con maior taxa de pobreza infantil (29,2%), moi por riba da media comunitaria (19,3%).
Galicia supera a media do Estado en fogares que non poden permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano. Tamén se incrementou en case dous puntos a porcentaxe de familias que non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días
Os datos galegos melloraron no ano 2024, segundo a estatística do INE, que situou a Galicia como a terceira comunidade autónoma con menor taxa de pobreza, só por detrás de Euskadi e Baleares e, ademais, a menos desigual. O mesmo sucedeu cos datos específicos de pobreza infantil, cunha taxa do 13,5%. En total, o 18,8% das nenas e nenos menores de 18 anos indica que nos seus fogares hai grandes dificultades para chegar a fin de mes. O dato para o conxunto de España é do 26,5%.
"Non podemos conformarnos" coa mellora dos datos ou con que sexan máis positivos que no resto do Estado, salientan, sinalando que "persisten retos importantes". Por exemplo, Galicia supera a media do Estado en fogares que non poden permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano (36,7% fronte ao 35,6% en España). Tamén se incrementou en case dous puntos a porcentaxe de familias que non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días, aínda que segue por debaixo da media estatal (5,1% fronte ao 6,9%).
"Falamos de milleiros de nenos e nenas que seguen a ter dificultades para comer de forma adecuada ou acceder a unha vivenda digna. Ningunha sociedade debería aceptar que 58.000 nenas, nenos e adolescentes viva en pobreza"
"Falamos de milleiros de nenos e nenas que seguen a ter dificultades para comer de forma adecuada, acceder a unha vivenda digna ou participar en igualdade. Ningunha sociedade debería aceptar que 58.000 nenas, nenos e adolescentes viva en pobreza. Galicia avanza, pero non podemos baixar a garda: a infancia segue sendo o grupo de poboación con maior risco de pobreza en España. É fundamental consolidar os logros e ampliar medidas que garantan dereitos e benestar” subliña Mónica Viqueira, presidenta da Plataforma de Infancia de Galicia.
A Plataforma reclama melloras na renda garantida de cidadanía, un Plan de apoio ás familias monoparentais e políticas de vivenda digna e accesible, así como reforzar o acceso a bolsas comedor e actividades de lecer
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia reclama melloras na renda garantida de cidadanía, un Plan de apoio ás familias monoparentais e políticas de vivenda digna e accesible, así como reforzar o acceso a bolsas comedor e actividades de lecer vinculadas aos comedores escolares. Ademais, demanda que se destine un mínimo do 5% dos fondos do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) á loita contra a pobreza infantil, garantindo recursos estables para políticas de infancia.